O sindicato de ensino STEG esixe unha rectificación ao director xeral de Educación e Innovación educativa por unhas palabras “ofensivas contra a lingua galega”.
Segundo denuncia o sindicato, na mesa sectorial celebrada o pasado 18 de decembro, “tratouse, entre outros temas, a orde de Actividades Formativas no Extranxeiro e a Orde de Licenzas de Estudios. Nelas non se recolle nin como requisito nin como mérito acreditar o coñecemento da lingua galega, o Celga 4”. O sindicato de Traballadores do Ensino Galego reclamou a necesidade de incluír como requisito a acreditación do coñecemento do galego, o que segundo a súa versión, foi respondido polo director xeral de Educación, José Luis Mira, cun cuestionamento a utilidade do galego: “Non vexo en que mellora a presente orde incluír o requisito do coñecemento do galego”.
Segundo denuncia o STEG “é moi curioso que na orde de actividades de formación de linguas estranxeiras valórase como mérito calquera curso de calquera lingua agás o galego”.
Para esta central sindical “estamos ante un claro exemplo de discriminación, cando non de desprezo da nosa lingua”, xa que “sabendo que a maioría do profesorado ten o título de Celga 4, este requisito non viría a dificultar ningunha das solicitudes que se fixeran”. A petición de rectificación conta cun amplio apoio sindical.
Por outro lado, o BNG rexeitou onte que continúen a existir definicións de “galego” como “covarde, avaricioso, falso, gorrón ou tacaño”. O deputado e portavoz en materia lingüística do BNG, Bieito Lobeira, presentou onte unha pregunta ao Goberno galego sobre as medidas que vai tomar fronte a publicación do libro Hablar bien no cuesta nada, da editorial Temas de Hoy. Segundo o Bloque, nesa publicación aparecen como sinónimos de galego termos denigrantes como “hipócrita, cabezota, terco ou tacaño”.
Segundo Lobeira, “esta non é a primeira vez que feitos como este se producen”, e lembrou o libro de Chistes de gallegos, editado por Planeta así como “os insultos que se verten no diccionario da Real Academia da Lingua Española”, o que considerou como “unha auténtica literatura xenófoba”. Esta actitude, dixo Lobeira, “cría un caldo de cultivo que propicia o desprezo, a humillación e a caricatura de Galiza e do pobo galego”.
