O espectáculo Pressing Catch, dirixido por Quico Cadaval e escrito por Paula Carballeira, xa ten a ducia de temas para o seu álbum. As doce cancións, escollidas por un xurado nun certame, son: Electoni-K.O, de Soyuz Sound System; Impulsos Criminais, de Impulsos Criminais; Non me van matar, de Meninos Carentes; Mata a teu pai, de Novedades Carminha; Apocalipse agora, de GalegoZ; Barbeito por dereito, de Sacha na horta; Ollo ó parche, de Dios ke te Crew; Meniños bomba, de Fucoxabier; Liotha!, de Grupoh; O último comechurros, de Es un árbol; Violencia, de Shit Pony, e Esmendrellando trebellos, de Spinochordodes.
Nun principio, a intención da compañía Berrobambán era só escoller dez cancións, pero despois das deliberacións do xurado encargado, decidiuse ampliar o número de temas gañadores polo gran número de participantes e pola súa calidade.
“Houbo moito debate, baralláronse varias opcións e finalmente se fixo unha escolla un pouco máis libre porque un disco debe compoñerse de variedade e de diferencias”, explica Cadaval, director da obra e membro do xurado, xunto con Paula Carballeira, Belén Regueira ou María Yáñez, entre outros.
As cancións gañadoras incluiranse nun álbum que servirá de promoción, pero algunhas delas estarán presentes no espectáculo. “Haberá algúns temas que estean dentro da banda sonora de Pressing Catch, a forma de música accidental”, sinala o propio Cadaval. Dese xeito, algunha das doce composicións formarán parte do espectáculo e servirán para ambientar as accións desta obra que reflicte a violencia cotiá nun cuadrilátero.
“Unha vez, unha antiga moza miña mandoume a tomar vento e, de fondo e por casualidade, soou un bolero moi charramangueiro, son cousas que non podes evitar”, ironiza Cadaval para explicar o concepto de música accidental. Así, algunha das cancións, inda que non teñan nada que ver coa acción que se estea a producir en escena, estará presente de fondo. “Como a música que soa nunha cafetería nun filme e que non ter por que estar relacionado co que pasa”, explica Cadaval. A compañía non descarta que haxa máis actividades relacionadas con estas cancións e o espectáculo. “O mundo do boxeo está moi relacionado coa música, co rock”, sinala o director. Podería ser que se fixera algo máis e non só un CD coas cancións, quizais algún concerto, pero máis aló de publicar o álbum antes da estrea do espectáculo no mes de marzo, non hai máis nada pensado. Polo momento.

