O ano 2009 quedará na memoria como o da crise, pero en Galicia foi tamén un ano electoral. Foi o que consagrou o Barcelona como o mellor equipo de fútbol español e do mundo cos seus seis títulos. No eido da cultura será recordado pola morte de Michael Jackson ou quizáis pola detención de Polanski, mentras que tamén foi o que volveu a traer á actualidade a situación legal do aborto en España ou o conflito saharauí, pero, sen dúbida, a gran estrela foi o presidente de Estados Unidos, Barak Obama.
POLÍTICA
O ano das eleccións
No eido da política, 2009 deixa un protagonista claro, o líder do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que comezou o ano en ascenso grazas a unha campaña con grandes doses de sucidade e apoios externos de corte conservador e que o acaba convertido na grande esperanza branca da dereita española. O presidente da Xunta, que derrotou pola mínima o bipartito o 1 de marzo, emprendeu dende San Caetano un proceso de derrube do feito polo anterior goberno. O seu ascenso veu co de Manuel Pachi Vázquez da man cando tomou o relevo de Touriño á fronte dos socialistas.
Para o BNG as eleccións tamén trouxeron novos aires. Tras a renuncia de Anxo Quintana, os nacionalistas abriron un proceso para renovar a súa dirección que enfrontou ás tres correntes principais: a UPG de Francisco Rodríguez; Máis BNG, de Carlos Aymerich, e o Encontro Irmandiño, de Xosé Manuel Beiras. Finalmente, impúxose a primeira opción, que converteu en novo voceiro a Guillerme Vázquez.
Ademais, 2009 tamén vai ser lembrado por ser o ano do desembarco na política galega do actual ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, que se converteu nunha das principais referencias do PSdeG, especialmente do seu sector galeguista. O galego, como lingua, estivo tamén moi presente no discurso político. Dentro do PPdeG a voz máis crítica coa política da formación veu de Rafael Cuíña.
ECONOMÍA
Entre a crise e as caixas
Poucas dúbidas sobre o feito máis relevante en Galicia nun ano marcado pola crise. José Luís Méndez, director xeral de Caixa Galicia, e Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, foron protagonistas. O primeiro segue a ser, dende o silencio, o principal interesado en que a fusión de ambas entidades saia adiante. Así llo fixo saber a Núñez Feijóo e así llo demostrou cos datos financeiros da entidade. O segundo é o principal, e case único, opositor á alianza. O presidente de Caixanova non quere ver como a caixa que creou hai unha década cae en mans dos veciños do norte. Entre os dous colocaron nun escenario difícil a unha conselleira de Facenda acabada de chegar, Marta Fernández Currás.
Aínda así, máis apurada foi a situación doutras entidades. O gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, tivo que reestruturar o sistema bancario.
Pero 2009 deu moito de si no que a investimentos se refire. Bernard Madoff pasará á historia por artellar a maior fraude coñecida, cun custo de 50.000 millóns de euros, e Ben Bernanke, o presidente da Reserva Federal dos Estados Unidos, por ser un dos rostros da crise. Pecha 2009 coa satisfacción de ter elaborado o maior plan de estímulo para o seu país desde o New Deal. Do mesmo xeito, o presidente fráncés, Nicolás Sarkozy, foi o primero en propor a aplicación dun imposto extraordinario sobre os bonus cobrados polos directivos bancarios en 2009.
GALICIA
Infraestruturas, tribunais e mar
Somalia estivo moi preto de Galicia este ano. A comezos de 2009 o fotoxornalista galego José Cendón foi liberado alí e cando remataba o ano coñecíase o secuestro do Alakrana, ao que, durante 47, puxo voz o patrón do atuneiro, Ricardo Blach.
Tamén a pé de mar, Corina Porro, presidenta da Autoridade Portuaria, foi protagonista pola súa guerra aberta co alcalde de Vigo, Abel Caballero, polo Plan Nouvel e a ampliación do peirao. Pero o ano tamén remata cun pulo importante as infraestruturas terrestres grazas a un ministro de Fomento que tamén o é. José Blanco asinou o Pacto do Obradoiro para traer o AVE no 2015 e un financiamento de 4.500 millóns.
Nos tribunais hai tamén un nome destacado: Estela San José, titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo, que saltou á palestra como látego da corrupción política destapando a trama da retirada de multas na Xefatura Provincial de Tráfico. Neste ano tamén desapareceron personaxes como a primeira muller en presidir un banco en España, Carmela Arias y Díaz de Rábago, condesa de Fenosa, que faleceu aos 89 anos.
ACTUALIDADE
O ano das mulleres
Bibiana Aído, a primeira ministra de Igualdade que tivo o país e tamén a máis nova, conseguiu sacar adiante unha das leis máis polémicas e debatidas do ano, a do aborto, que despenalizou esta práctica e ampliou o seu prazo legal. Coma ela outra muller encheu páxinas na sección de Actualidade, Aminatu Haidar, que durante os seus 32 días en folga de fame deu visibilidade á situación do pobo saharauí.
En 2009 tamén se conmemorou o 200 aniversario do nacemento do naturalista inglés Charles Darwin e 150 anos da publicación da teoría da evolución das especies. O ano que remata, alcumado co nome do científico, remata tamén con outros dous fitos neste eito: o primeiro transplante de cara, que realizou o doutor Pedro Cavadas no Hospital La Fe de Valencia, e o nacemento do primeiro bebé seleccionado xeneticamente para curar un irmán con beta talasemia.
ESPAÑA
Todo xirou en torno ao Gürtel
A actualidade veu marcada a nivel estatal polo caso Gürtel. O ex secretario de organización do PPdeG na época de José Cuíña, Pablo Crespo leva dende febreiro na cadea, acusado de ser o promotor da trama que liderou con Francisco Correa e fixo tambalear ao presidente da Generalitat valenciana, Francisco Camps. Tampouco Baltasar Garzón, a estrela da Audiencia Nacional, tivo un bo ano, cuestionado en todo momento no PP pola súa actuación neste caso, que mesmo lle valeu unha querela. Mariano Rajoy mantívose á fronte do PP en medio desta crise interna e cuestionado dende todas as frontes. Ademais, tivo que lidar coa rede de espías da Comunidade de Madrid. Na oposición unha muller deixa imaxes para a historia, Carme Chacón, a primeira ministra de Defensa do país.
MUNDO
Un Nobel e un golpe de estado
Barack Obama pasou polo 2009 case coma o mesías do século XXI. Primeiro presidente afroamericano de Estados Unidos e premio Nobel da Paz nada máis chegar ao cargo. No polo oposto sitúase Silvio Berlusconi, que quedou ao descuberto cando se publicaron as fotografías nas que aparecía con outros dirixentes políticos acompañados de prostitutas na Villa Certosa. Este ano tamén foi relacionado coa mafia e imputado no caso Mondadori. Rematou o ano sendo portada pola agresión que sufriu.
Manuel Zelaya foi o rostro do golpe de Estado en Honduras, obrigado a saír do país en pixama e encañonado polos golpistas. Na outra punta do mundo, Mahmud Ahmadineyad, presidente de Irán, encheu páxinas nos xornais polos seus flirteos coa bomba atómica e a salvaxe represión á que someteu á oposición política do seu país. Sen estridencias, Angela Merkel confirmou nas eleccións de setembro o seu liderado na política alemá e o seu carisma na europea dende unha posición de centro.
CULTURA
Dous académicos de prestixio
O ano 2009 deixa tras de si a morte do rei do pop. Michael Jackson morreu aos 50 anos dun paro cardiaco tras vender 750 millóns de discos. Pola contra, este foi o ano de Penélope Cruz. A madrileña recolleu óscar a mellor actriz de reparto polo seu papel na película de Woody Allen, Vicky Cristina Barcelona, e triunfou en todo o mundo cos Abrazos Rotos de Pedro Almodóvar.
O celuloide deixou outra imaxe histórica. As autoridades estadounidenses apresaron en Suiza ao director Roman Polanski acusado de drogar, violar e sodomizar unha menor no país no ano 1977 e perseguido dende entón. No panorama galego destacaron dous membros da Real Academia Galega: Manuel Rivas, o máis novo que ingresou na institución, e Xosé Luís Méndez Ferrín, que optará a presidir a partir do ano que vén a casa da lingua.
DEPORTES
O Barça fai historia
Nos deportes hai un adestrador que pode prezarse de recoller todos os títulos. Sen dúbida, 2009 foi o ano de Guardiola. Se el foi o artífice dos éxitos culés dende o banquillo, Messi foino no terreo de xogo, como lle recoñecen o Balón de Ouro e o FIFA World Player. Cristiano Ronaldo non recolleu premios, pero fixo hisotoria co seu traspaso so Manchester, mentres Pau Gasol foi un dos fortes da selección española que se converteu en campiona de Europa, como o Lotina o foi de que o Deportivo sega entre os mellores do mundo.

