O Premio Nacional de Cómic para As serpes cegas, un álbum de Bartolomé Seguí e Felipe Hernández-Cava que o colectivo galego BD Banda publicou en galego e castelán, foi a enésima boa noticia para a banda deseñada en Galicia neste 2009 que está para irse. Pero non foi a única nun ano de luxo para a novena arte. As vodas de ouro de Astérix e Obélix, a edición tridimensional de Rúe del Percebe de Ibáñez, o setenta aniversario de Batman e a liberación do Capitán Trueno das poutas da censura, entre outras cousas, coincidiron coa presenza de Galicia no Saló del Còmic de Barcelona, a retrospectiva da creación galega en Bruxelas, o debut de Emma Ríos no selo Marvel ou o desembarco de David Rubín en Chequia. E tamén, claro, coa definitiva constatación de que o cine ten moito que aprender dos tebeos.
En xeral, e malia a crise económica global, o ano foi bo en todo o mercado español. “Dentro do sector, sen dúbida os cómics son e serán os últimos afectados”, sentenza Ponç Cufinyà, de Panini Cómics, unha editoral que se bate contra a etiqueta “superheroica” que lle impón editar en España obras do xigante Marvel e que este ano levou ás viñetas El informe 11-M. Un cómic tan destacado na produción estatal deste ano como puido selo en 2008, para o público galego, a publicación da primeira parte d’A conta atrás (Faktoría K), a novela gráfica de Carlos Portela e Sergi Sanjulián sobre o Prestige.
Obras coma estas amplían o abano de posibilidades para os afeccionados, un factor que segundo Laureano Domínguez, editor do selo Astiberri, explica en parte o actual auxe do cómic. O tebeo autobiográfico, o social, o de aventuras, o histórico ou mesmo o deportivo converten a historieta nun xénero “ao que ninguén lle pode obxectar xa a súa calidade artística e literaria”, apostila.
O cómic serviu este ano para difundir no mundo enteiro os disturbios en Irán a través de Persépolis 2.0 –publicado en internet e inspirado no best seller de Marjane Satrapi, Persépolis–, unha crónica gráfica das protestas contra Mahmud Ahmadineyad que deu a volta ao mundo. Nun ton máis persoal, Parsua Bashi contou en viñetas a súa experiencia como muller divorciada nun país islámico nun cómic autobiográfico, Nylon Road (Norma), que seguía a estela de Satrapi e confirmaba a forza do debuxo para transmitir emocións e remover conciencias.
A historieta foi testemuña dun ano de conmemoracións, como o bicentenario do nacemento de Darwin –El viaje de Darwin, de José Miguel Fonollosa (Planeta)– ou de Edgar Allan Poe –Relatos de Poe, de Denise Desperuroux e Miquel Serratosa (Parramón), e Poe, a biografía ilustrada de Jordi Sierra i Fabra–.
O interminábel éxito de Watchmen (Norma) ou do cómic de El curioso caso de Benjamin Button (Gadir) confirman a alianza entre o cine e a historieta, que este ano lle rendeu homenaxe, entre outros, a Luis Buñuel, coa novela gráfica Buñuel en el laberinto de las tortugas (Astiberri).
O lector puido somerxerse no talento dos grandes autores do cómic underground, con Catálogo de novedades Acme (Mondadori) de Chris Ware ou o Génesis (La Cúpula) de Robert Crumb –do que se distribuíron 10.000 exemplares–, e tamén descubrir o inxenio do arxentino Ricardo Liniers, que este ano culminou a súa exitosa serie Macanudo (Mondadori).
E todos estes títulos non lles fixeron sombra aos clásicos heroes da historieta, como Batman, Astérix e Obélix: pouco logo de que o home morcego aterrase na Cidade Condal, no Saló del Còmic onde Galicia foi a cultura convidada, os galos celebraron o seu cincuenta aniversario cunha aventura inédita que convidou os seus seareiros a recordar as súas viaxes máis emblemáticas. A crise, con cómics, sopórtase mellor.

