Xavier Queipo (Santiago, 1957) escribe libros para cativos como A illa dos cangrexos violinistas (Oqo), ilustrado por Jesús Cisneros, pero non é ensinante. Debutou en 1990 con Ártico e outros mares, Premio da Crítica Española, e dende entón non deixou de publicar relatos como os d’O ladrón de esperma (2002), poemas como Glosarios (2005) ou novelas tan inxustamente ignoradas como a cortazariana Dragona (2007). Traducido ao castelán e o portugués, segue a ser un científico que escribe libros. Licenciouse en Bioloxía e Medicina na USC e traballa dende 1989 en Bruxelas, nun organismo internacional relacionado coa xestión de pesqueiras. Non lle está permitido falar sobre o que alí fai, pero si de libros e de escritores. Incluso de políticos que teñen a culpa de todo, como Yoko Ono. Hai algún tempo déuselle por calcular canto gaña co que escribe: 0,25 euros por hora, unha miseria. “Non como os escritores do réxime”, aclara, “que son os únicos que viven ben da escrita”.
A illa dos cangrexos violinistas é un libro para nenos e nenas de 8 a 12 anos. Como se consegue iso? Como se marcan as estremas dun lector?
Tratando de poñerse na súa pel. Eu non teño a sorte de ter fillos, así que teño que mirarme no espello das lembranzas. Teño que preguntarlle á miña nai como era eu daquela, que facía. E logo hai que fixarse nos fillos dos amigos, intentar entender cales son as súas inquietudes, que os sorprende, como se confrontan diante da natureza, como é a súa capacidade de exploración...
Agustín Fernández Paz, que é un batallador, teima en que as fronteiras entre a literatura infantil, xuvenil e de adultos en realidade non existen.
O que entendo máis dificilmente é a literatura xuvenil. Cando eu tiña 16 ou 17 anos o que me interesaba era ler cousas de adultos para ter experiencias. Xa que non as tiñas reais, polo menos telas na literatura: experiencias sexuais, de contacto coas drogas, coa música, con outros mundos. A literatura infantil, infantil, si que a entendo, porque un cantivo carece de certas armas a nivel léxico ou de construción complexa das historias. Cando un é neno é máis difícil que entenda un flashback.
Pero Saladina (2007) comercializábase como unha novela xuvenil.
Si, pero foi contra a miña vontade. Os editores fan o que queren. Mándaslle un libro e eles colócano na colección que máis lles acae. Como non tes o poder de dicir que non, porque se non quedarías co orixinal na casa, pois aí queda. Pero eu non considero que Saladina sexa un libro xuvenil. Nin sequera é un bo libro. Escribino para darlle saída a unha fantasía, e a fantasía non ten idade. Pode tela un rapaz de quince anos ou un home de 85. Non ten límites. Eu produzo e logo son as editoriais as que se encargan das coleccións. Non escollo a idade dos lectores cando escribo.
Dun tempo a esta parte estase a filtrar un discurso envelenado dende o poder: a cultura en galego é unha cultura subvencionada, o que converte os seus creadores en creadores mantidos.
Eu son un worst seller. Son un dos que menos vende na literatura galega. Cando os editores se fixan en min non é porque vexan un negocio, senón porque consideran que o meu traballo é de calidade. Nun libro que se chama Felices e diferentes calculei canto gaño coa escrita: sáeme cada hora a 0,25 euros. Así que esa mitoloxía só se lles pode aplicar aos escritores do réxime –o PP ten os seus e o bipartito tiña tamén os seus–, que viven ben porque están subvencionados, pero non ao resto. Eu teño que ter outro traballo fóra da escrita, e a inmensa maioría dos meus compañeiros, tamén. En calquera caso, quen así pense pode revisar as axudas que lles concederon aos meus libros ou ir buscar os títulos meus que a Xunta non quixo poñer nas bibliotecas por consideralos politicamente incorrectos.
Por exemplo?
A Xunta considerou que un libro como Papaventos, que falaba da bisexualidade, non era recomendábel para as bibliotecas. Pasoulle o mesmo a Antón Lopo con Ganga, por exemplo. As listas negras non son un mito. Existían de verdade.
Dende Bruxelas, ás veces mesmo dende o papel activo que ten a Asociación Cultural Galaixo-Portuguesa Couto Mixto, segue o que está a pasar en Galicia coa lingua na que escribe. Cal é o seu diagnóstico?
A culpa é de Touriño. E non polo final, polo asunto dos coches de luxo e todo iso, senón polo principio. En Caderno da Revolución Cultural eu indicáballe ao señor Touriño que debía facer unha auditoría en canto chegase á Xunta. De telo feito, hoxe teriamos miles e miles de probas de corrupción nos dezaseis anos que estivo o PP de Fraga no Goberno, e serían armas, cada unha delas, para calarlle a boca a esta pandilla. Pero el negouse a facelo en contra do consello, non soamente dun servidor, senón tamén dalgún outro funcionario de Bruxelas que lle explicou todo isto. Pensa en Zapatero: as poucas cousas positivas e mediáticas que fixo, fíxoas nos primeiros meses de mandato. Velaí o resultado.

