Poucos son os que pensan que o novo decreto do galego no ensino, cuxo borrador presentou Alberto Núñez Feijóo a pasada semana, pode materializarse correctamente. A maioría dos representantes de pais ou traballadores do ensino público sosteñen que é “inviable” que proxenitores e profesores teñan que decidir, ben cada ano ou cada catro, que materias se imparten en galego e que materias se imparten en castelán. Para os profesionais do sector, esta dinámica pode acabar por desembocar en “rupturas dentro dos claustros de profesores” ou en procesos de “desobediencia civil”.
A norma proxectada pola Consellería de Educación non só limita a lingua galega a un espazo dun terzo dentro do ensino, senón que permite aos pais elixir o idioma en Infantil, cunha consulta que terá lugar cada ano. En Primaria, as familias elixirán entre Coñecemento do Medio e Matemáticas como materia para impartirse na lingua propia de Galicia. Cada catro anos, proxenitores e centros elixirán a asignación lingüística das materias.
Virxilio Gantes, presidente da Confederación de Ampas de Centros Públicos, sostén que o decreto de Feijóo “é inasumible”. “Os pais non podemos decidir se queremos as matemáticas en galego ou en castelán. Son os técnicos da consellería os que deben estar cualificados para iso. Igualmente, tampouco compartimos que sexan as familias as que determinen o idioma de Infantil. Supoño que un profesor ten a preparación suficiente para chegar a un aula e determinar como se debe dirixir aos alumnos”, manifesta Virxilio Gantes, quen reitera: “Nós non somos os que temos que gobernar”.
“Esta claro que este decreto vai ser moi conflitivo”, asegura José Cabido, do sindicato de traballadores do ensino STEG. “Cremos que isto pode desembocar nun exercicio de desobediencia civil. Non cremos que todos os profesores estean dispostos a aceptar todo o que se lles impoña. Por exemplo, aqueles mestres que durante anos estiveron defendendo os procesos de normalización do galego, poden non estar dispostos a cambiar e dar clases en castelán”, asegura. “Eu fun profesor tanto no ensino público como no privado e estou case seguro de que esta normativa incluso pode derivar no fracaso escolar. Cando falan de ensino en inglés que é o que queren? Queren que os nenos saiban matemáticas ou inglés. O ensino en Galicia non está preparado para o que eles propoñen”, asegura Cabido, quen sostén que “se algún profesor non quere dar clase no idioma que lle marquen, que van a facer, vanlle abrir un expediente? O decreto do bipartito non se cumpría nin de casualidade e nunca se sancionou a ninguén, a ver o que pasa agora”. Do mesmo xeito, Cabido indica que o sindicato STEG está a estudar a posible ilegalidade do borrador do decreto. “Cremos que vai contra o Estatuto de Autonomía, xa que non defende o galego senón o que o pon ao mesmo nivel que o castelán, sendo unha lingua de especial protección, e ao mesmo nivel que unha lingua que nin tan sequera é oficial, como o inglés”, afirma.
“Posiblemente ao que leve este decreto é a rupturas dentro dos claustros”, asegura o director dun colexio de Narón.
