A aplicación do novo decreto de uso do galego no ensino pode traer consigo, ademais dunha intensa treboada política, un sensible impacto para as arcas da Administración autonómica, nomeadamente, no que se refire á posta en marcha das consultas ás familias dos alumnos.
Atendendo ao proxecto feito público pola Xunta o pasado 30 de decembro, a Consellería de Educación promoverá a realización dun inquérito anual no ensino infantil para determinar a “lingua predominante” en cada centro e, do mesmo xeito, consultará cada catro anos ás familias do estudantado de Primaria e Secundaria (ESO). Así, sería necesario realizar un total de tres enquisas na presente lexislatura –unha nos tres niveles afectados pola nova regulación e dúas máis só en entre as familias de Infantil–.
Dado que o Executivo non determinará o “procedemento” destas consultas ata que o decreto estea definitivamente aprobado –farao mediante unha “orde posterior”, segundo explica o propio documento–, a única referencia dun proceso semellante é o impulsado pola propia Xunta a pasada primavera, cando realizou a primeira enquisa entre pais e nais de alumnos para coñecer as súas preferencias sobre o uso dos idiomas nas aulas.
Naquela altura, e despois de unha intensa controversia –Educación asegurou que un “equipo da Consellería” sería o encargado de xestionar a consulta e, finalmente, recoñeceu que fora necesario contratar unha empresa privada para procesar os datos–, o departamento dirixido por Jesús Vázquez recoñeceu un gasto de 6 céntimos de euro por alumno para realizar a enquisa ou, o que é o mesmo, uns 19.800 euros, tendo en conta que o número de estudantes de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP –destinatarios daquel estudo– roldou os 330.000 no pasado curso académico 2008-2009.
Tomando como referencia o custo recoñecido por Educación e o censo de alumnos da primeira enquisa, no caso do novo decreto, o maior volume de fondos para realizar consultas iría parar ao ensino Infantil. Nese nivel, a realización de tres enquisas –unha por curso ata o remate da lexislatura– para coñecer a lingua “predominante” nos 64.661 alumnos traería consigo o desembolso de 11.638,98 euros ata 2013.
Un montante sensiblemente menor sería o necesario para completar o proceso en Primaria e Secundaria, xa que só cumpriría unha enquisa nesta lexisltura –o novo decreto prevé consultar cos pais destes estudantes unha vez cada catro anos–.
Neste caso, preguntar pola lingua en que se recibirán as áreas de Matemáticas e Coñecemento do Medio os 127.027 estudantes de ensino Primario custaría 7.621,62 euros. No caso de Secundaria, preguntarlles aos pais polos idiomas de referencia en Matemáticas e Ciencias Sociais esixiría gastar 7.441,44 euros, tendo en conta un censo de 124.024 alumnos matriculados.
Así as cousas, a realización e procesado das enquisas, seguindo o sistema empregado no estudo da pasada primavera, quedaría nun montante de 26.702,04 euros, un impacto económico que se dispararía se o Goberno galego decide, como en xuño, publicitar nos medios de comunicación cada unha das enquisas.
Segundo a explicación ofrecida no Parlamento polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, a preguntas do socialista José Manuel Lage, sobre o gasto daquela campaña publicitaria, a Xunta destinou a anuncios un total de 90.000 euros, en dous días de insercións en prensa.
Así as cousas, e de novo á espera de que a Xunta defina o novo procedemento, a realización dunha campaña semellante nas tres enquisas elevaría o orzamento publicitario ata os 270.000 euros que, sumados ao prezo das propias enquisas, deixaría o gasto total en 296.702,05 euros ao remate da lexislatura.
Mentres, dende Educación négase a existencia de cálculo ningún sobre o custo da aplicación dunha norma que, polo momento, insisten, “só é un borrador” e que, dende a vindeira semana, será presentado á Real Academia, ao Consello da Cultura e aos grupos parlamentarios.
