O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, recordou que o decreto do galego no ensino "aínda non está pechado", e valorou que a devandita normativa "se axusta á realidade social de Galicia" e non está a provocar contestación social.
Así o manifestou hoxe o representante político, en resposta a preguntas dos xornalistas, tras recibir ao nadador David Meca na Praza do Obradoiro de Santiago. Ao respecto, Varela engadiu que "esa é unha oportunidade única de buscar un decreto que poida servir ao futuro" e considerou que o documento será "algo moi bo e extraordinario", pois se dá equilibrio ás dúas linguas oficiais da Comunidade" --o galego e o castelán-- e introdúcese o inglés como lingua de docencia.
O conselleiro argumentou que a Xunta busca que o inglés "deixe de ser só unha materia de ensino" e se converta nun idioma para transmitir contidos. Nesto punto, Varela achegou a súa experiencia persoal respecto ao inglés e dixo que para aprendelo ten que "viaxar moito" e que por iso lle gustaría que os nenos teñan "a oportunidade de facelo directamente dende Galicia".
Así mesmo, Varela asegurou que a Consellería de Cultura e Turismo "seguirá coa súa liña de darlle especial relevancia ao galego como sinal de identidade" e concluíu dicindo que non percibe que haxa "algún rexeitamento social en relación ao decreto, senón a existencia lóxica de bases críticas".
