O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou esta mañá que o "equilibrio" entre galego en castelán que, afirma, traerá consigo o novo decreto de uso das linguas no ensino obrigatorio, será o mellor "antídoto contra o extremismo" nos vindeiros anos en Galicia.
Durante unha entrevista concedida a Radio Nacional de España (RNE), Feijóo apuntou que, fronte a "colectivos que din unha cousa e outros que din a súa contraria" a respecto do uso das linguas, o Goberno galego "quere formar aos nenos para que sexan quen de empregar os dous idiomas oficiais e, a ser posible, un terceiro". Este proxecto, di, levará a "cordialidade" aos centros educativos e permitirá que o estudantado sexa "libre" ao rematar a etapa educativa.
Do mesmo xeito, o xefe do Executivo sitúa entre as novidades do novo decreto a "exención" de estudar a materia de galego para alumnos chegados dende outras comunidades autónomas, unha posibilidade que xa foi contemplada ata o de agora, tanto polo Goberno de Manuel Fraga como polo bipartito.
