Lingua e autonomía: a lenta forxa do consenso

A Lei de Normalización Lingüística de 1983 marcou un fito na defensa do idioma propio de Galicia. Dende ese ano, ata agora, a presenza do galego no ensino medrou, aínda que con atrancos, a instancias do Goberno Fraga, primeiro, e do bipartito despois. Co discurso da "imposición" como base, o novo decreto do uso da lingua rebaixa por primeira vez o seu espazo. O pretexto: "Devolver o equilibrio lingüístico"
Cristina Díaz Pardo / David Lombao 10/01/2010 - 17:00 h.
2 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 10 voto/s

Foi como nas películas: a sentenza coñeceuse no último momento. Non foi o último día do ano, senón o antepenúltimo, pero o efecto informativo foi o mesmo. O 30 de decembro de 2009, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, deu a coñecer á sociedade galega, a iso das sete e media da tarde, a bases do borrador do novo decreto do galego no ensino. Un decreto que, na opinión do propio presidente, “é un antídoto contra os extremismos” e que “equipara o ensino en galego, castelán e inglés, excepto en Infantil, onde unha das linguas será sempre a maioritaria a razón da escolla dos pais”.

As teses do Goberno da Xunta reiteran que o novo decreto, que polo momento está en fase de borrador, servirá para “devolver o consenso lingüístico perdido polo bipartito”. Non obstante, o seu mantra non parece ser moi acertado se se ten en conta o rexeitamento social parece unánime ante un texto que, na práctica, supón o primeiro retroceso en democracia para o galego no ensino. O borrador do que será o terceiro decreto do galego da historia de Galicia deixa a lingua propia reducida a un terzo das materias e permítelles aos pais elixir o idioma de Infantil e das Matemáticas e as Ciencias en Primaria e Secundaria.

A grandes trazos, o novo decreto do galego de Feijóo fará que en Educación Infantil os pais elixan a lingua predominante na aula a través dunha consulta, cada ano, na preinscrición. Na Primaria, na Secundaria e no Bacharelato, establécese que un terzo das materias se oferte en galego, outro en castelán e outro en inglés. No moi probable caso de que non haxa profesores para dar as materias en inglés, estas impartiranse en galego o castelán, pero mantendo o equilibrio, o que impide que o galego chegue nin tan sequera ao 50% acadado hai apenas tres anos.

En resumo, a Consellería de Educación que dirixe Jesús Vázquez proxectou un decreto do galego no ensino que deixa a presenza da lingua propia de Galicia en niveis que non se lembran dende 1995, cando o Goberno do PP, con Manuel Fraga á cabeza, puxo en marcha un decreto inspirado nun principio hoxe cuestionado pola Xunta: “O galego, lingua oficial da Administración educativa”.

Cando Núñez Feijóo era oposición, hai aproximadamente nove meses, un novo termo introduciuse con insistencia no debate lingüístico e formou parte, un día si e outro tamén, do menú de determinados medios de comunicación. Grupos como Galicia Bilingüe e o seu xermolo, Tan Gallego como el Gallego, apuntaban ao BNG como muñidor dunha “linguocracia” aínda que, na realidade, era o PSOE o responsable da Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística do bipartito. O PP galego decidiu facer bandeira desas protestas e prometeulles a estas asociacións que poderían escoller o idioma dos seus fillos no ensino se regresaba a San Caetano. O primeiro paso sería derrogar “nos cen primeiros días” de mandato o decreto que garantía, como “mínimo”, a impartición da metade das materias en galego.

 

CANDO NACE O CONFLITO?

Para os conservadores, o “conflito lingüístico” naceu, creceu e reproduciuse coa chegada do bipartito á Xunta. Non obstante, non todo o mundo o ve así. “É certo que o PP aumentou moito a súa teima das liberdades lingüísticas coa precampaña das eleccións do 1 de marzo, pero a verdade é que a acción de todos estes grupos que falan de ‘imposición’ do galego vén de moito antes”, di o deputado socialista Guillermo Meijón Couselo, o portavoz de educación. “Falan de consenso cando sempre se moveron en contra del, dende o principio”, argumentan dende o BNG.

O 15 de xullo de 1983, baixo o Goberno da Alianza Popular de Gerardo Fernández Albor, aprobouse por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, unha iniciativa lexislativa que non partiu do Goberno, senón do nacionalista Camilo Nogueira, entón nas filas de Esquerda Galega. A norma comezaba deixando claro que “o proceso histórico centralista acentuado no decorrer dos séculos, tivo para Galicia dúas consecuencias profundamente negativas: anular a posibilidade de construír institucións propias e impedir o desenvolvemento da nosa cultura”.

A novidosa normativa deixaba claro “de acordo co establecido no artigo 3 da Constitución e no 5 do Estatuto de Autonomía”, cal era a súa misión: garantir “a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia” e asegurar “a normalización do galego como a lingua propia do noso pobo”. O seu artigo 14 estabelece que “as autoridades educativas garantirán que ao remate dos ciclos en que o ensino do galego é obrigatorio, os alumnos coñezan este, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán”. Os nenos terían o dereito de recibir “a súa primeira ensinanza en galego” se esta fose a súa lingua materna. Ademais, o novo texto legal equiparaba ambos idiomas, poñendo o galego á altura que a Constitución reserva para o castelán: todos os cidadáns da comunidade terían a “obriga” de coñecelo. Esta aspiración durou o tempo que o Goberno de Felipe González e o seu delegado en Galicia, o galeguista Domingo García-Sabell, tardaron en recorrer a norma ante o Tribunal Constitucional.

Da importancia da aprobación desta norma é ben consciente o seu primeiro impulsor, o ex eurodeputado do BNG Camilo Nogueira. A súa proposta, lembra agora, “foi a primeira lei que se presentou no Parlamento de Galiza e, polo tanto, a primeira en galego”, di cun aquel de orgullo. “Nesa toma en consideración, os grupos entenderon que o camiño máis apropiado, aproveitando esa presentación inicial de Esquerda Galega, era organizar un grupo de traballo para elaborar un texto que tería que ter en conta este, pero que tamén tivese en conta o que estaba a pasar en Cataluña. Houbo un relatorio primeiro, onde estabamos eu, Casares, Barreiro Rivas e Pardo Montero, un deputado de UCD de Lugo. A partir de aí fíxose un traballo que non foi menos ambicioso que a lei que presentara eu, aínda que non todos tiñamos a mesma posición”.

“O máis salientable”, segue Nogueira, “foi que houbo unanimidade e que, tras ese consenso houbo un debate moi rico e entusiasta. Foi un consenso que se logrou posiblemente porque estabamos comenzado a autonomía”, di quen fora deputado nun Parlamento no que o que despois se coñecería como sector do birrete da dereita galega apenas estaba representado polo vicesecretario da Cámara: Mariano Rajoy. Nogueira, un dos pais daquela revolucionaria normativa do ano 83 ve o decreto actual con tristura. “A proposta do decreto é absurda, é un caso insólito no mundo. Imaxinemos que en Madrid, onde viven 300.000 galegos, tamén permiten que as familias se organicen e esixan aulas en inglés, castelán e galego”, expón. “O inglés? Esta moi ben que o metan, claro que é bo aprendelo, cousa que deberan facer Rajoy e Zapatero, pero non ten ningún sentido darlle a unha lingua extranxeira o mesmo carácter educativo que ás linguas oficiais. Iso é algo que só se lle ocorre á xente provinciana, desinformada e acomplexada. Iso deféndeo quen non sabe inglés”, asegura Nogueira.

Pero voltemos a 1983: a Lei de Normalización Lingüística non fixaba ningunha materia obligatoria en galego, fóra das lóxicas como Lingua e Literatura Galega. Aínda que o galego ía gañando un pouco de terreo grazas a determinados profesores, a gran maioría dos centros optaban polo castelán como lingua vehicular. O tándem formado por Albor e o seu vicepresidente, Xose Luís Barreiro Rivas, ía abrindo progresivamente a man para abrir espazos ao idioma en eidos coma os medios de comunicación, coa creación en 1984 da Compañía de Radio Televisión de Galicia, ou dándolle difusión á modificación das normas do Estado que, en abril de 1985, permitiron inscribir nomes en galego no Rexistro Civil.

Lonxe de detérense, a remuda no Goberno da Xunta, coa chegada en 1987 do tripartito presidido polo socialista Fernando González Laxe, permitiu afondar nas medidas de galeguización. A este período pertencen, por exemplo, a norma que establece o galego como “lingua oficial” da Administración local –impulsada, como a de Normalización, por Camilo Nogueira– ou os estatutos fundacionais das universidades da Coruña e Vigo, ambas co galego como lingua “propia”.

 

A ‘ERA FRAGA’

Moitos dos que ollaran con esperanza os avances da lingua na primeira andaina da autonomía contiveron a respiración cando, en 1989, o que fora líder da dereita española e un dos principais profetas da “ruptura de España”, o conservador Manuel Fraga, arrasaba nas urnas e chegaba á presidencia da Xunta. Non obstante, o ex ministro franquista decidiu reiventarse, e ademais de adoptar a lingua galega nas súas intervencións públicas ao abeiro do célebre lema “galego coma ti”, puxo en marcha iniciativas que a el mesmo o terían escandalizado poucos anos atrás. Poucos meses despois de chegar a San Caetano, en 1990, poñíase en marcha a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística, un órgano no que se atopaban representadas varias consellerías co obxectivo, cando menos sobre o papel, de impulsar o uso do idioma de xeito transversal. O seu principio inspirador pasaba por considerar a lingua como “base máis esencial da identidade dun pobo”.

Apenas dous anos despois as modificacións lexislativas do Goberno central na educación obrigaban a Fraga a meter o dente na ordenación do ensino sen obviar o idioma –o proxecto da célebre LOGSE instaba a garantir a utilización “de xeito apropiado da lingua castelá e da lingua oficial propia da comunidade”. O Executivo conservador respondeu cun corpo normativo que, en casos coma o ensino infantil, resulta sensiblemente máis avanzado ca o contemplado polo gabinete do sucesor do propio Fraga á fronte do PP de Galicia.

Fronte ao sistema proposto por Alberto Núñez Feijóo, a Orde do 6 de maio de 1992 para regular o ensino infantil obrigaba a que “cada centro” elaborase “un estudo sociolingüístico sobre o contexto social onde estea o colexio e no que conste a lingua materna dos alumnos”. Co novo decreto, unha enquisa anual substituirá estes estudos.

 

DO DECRETO DO 95 AO BIPARTITO

Así e todo, o primeiro gran reto coa lingua e o ensino como argumentos chegou para Fraga en 1995. Por primeira vez, o Executivo ía demarcar explicitamente, con materias e horas concretas, a presenza do galego nas aulas, e así o fixo. O decreto 247/1995 estableceu que de cada tres horas lectivas, cando menos unha debía impartirse en galego. Catorce anos antes do decreto de Feijóo, a norma de Fraga apostaba por “procurar que os alumnos utilizasen o galego nas manifestacións oral e escrita” nas materias impartidas no idioma propio –o novo decreto deixa “liberdade”– e advertía: “Os alumnos non poderán ser separados en centros nin aulas diferentes por razón de lingua”. Pouco despois, o Goberno sintentizaba no decreto 374/1996 a que dicía ser a súa intención última: “Configurar un auténtico ensino galego”.

“Non era unha norma que convencese a ninguén porque non se cumpría, pero a verdade é que foi un paso importante nese momento, no que de xeito efectivo todo o ensino era en castelán”, apunta Carlos Callón, o presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística. O decreto do goberno Fraga estipulaba unha serie de materias que debían impartirse en galego, como era o caso de Coñecemento do Medio en Educación Primaria ou de Filosofía en Bacharelato.

Aínda que este primeiro decreto abría a porta a que o galego puidese ter presenza na ensinanza máis alá dunha materia, na realidade a maioría dos centros seguían impartindo as clases nas lingua que mellor lles parecía. O galego tivo que atravesar outro océano ata o ano 2004, cando o Parlamento, de novo por unanimidade, aprobaba o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL). Con máis de 400 medidas, elaboradas “a partir da realidade lingüística de Galicia” para favorecer o uso do idioma nos distintos ámbitos da sociedade e garantir que “calquera cidadán poida vivir plenamente en galego”, o PXNL contou con máis dun cento de profesionais “representativos de todos os ámbitos da sociedade, o que constituíu un dos avances máis importantes na extensión do uso social do galego, tras a Lei de Normalización”.

“Dende a Mesa participamos na elaboración deste plan”, conta o presidente desta asociación a prol do galego. “Houbo outros ilustres que tamén participaron, como foi o actual secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo”, di con sorna. “Cando nos reunimos, fixemos unha radiografía da situación que estaba a vivir o galego, e tamén nos centramos especialmente nun feito: en que había que asegurarse de que nos colexios se respectaban as horas e as materias marcadas de ensino”, asevera. “Cando se elaborou ese plan, os tres grupos da Cámara tiñan clara a situación de desvantaxe que estaba a vivir o galego. Contamos con informes da Real Academia, co Consello da Cultura, e do Instituto Nacional de Estatística, entre moitos outros, que deixaban claro cal era o mapa sociolingüístico de Galiza. Lorenzo era o lingüista responsable de coordinar a área de ensino do plan. A súa presenza nese momento e agora pódenos dar unha imaxe meridiana de como actuou. A persoa que agora está a defender o decreto contra o galego do PP foi o que en 2004 defendeu e artellou o Plan de Normalización. Tiña unha opinión entón e agora debe ter outra distinta, aínda que sei que é consciente de que está a afundir o galego”, asegura Callón mentres das súas verbas asoma máis tristura ca resentimento.

“É neste momento, e non noutro, cando comenzan a xurdir eses grupos que promoven o odio ao galego. Xorden precisamente porque nós incidimos moito na necesidade de que Inspección fose esixente nos centros, que estaban a facer o que lles daba a gana”, relata Callón. Mentres os inspectores educativos comezaban a actuar, con resultados palpables nas aulas de xeito case inmediato, Feijóo accedía á vicepresidencia da Xunta.

“Por suposto non eran tan fortes porque non tiñan os altofalantes que teñen agora e porque o PP estaba na Xunta. Aínda que non lles chistaba nada o Plan de Normalización non podían ser tan directos como agora. Por moito que o queiran ocultar, esta xente sae do propio PP”, analiza o presidente da Mesa. “Non creo que sexa casualidade. No ano 2004, Jiménez Losantos lanza dende a Cope unha campaña moi dura contra as nacionalidades, que sobre todo se centra en Cataluña pero que acaba salpicando outros territorios. Outra coincidencia máis: é o ano no que José María Aznar se fai cargo da FAES”, di tallante o filólogo. “O discurso destes grupos foise facendo máis forte pero dunha forma ficticia, xa que se analizamos o que é Galicia Bilingüe vemos que só ten dous portavoces, Gloria Lago e o seu marido José Manuel”, sostén Callón. “Agora, que os bilingües critiquen o novo decreto non está máis que dentro da estratexia de Feijóo: para dicir que se os dun e outro lado o critican é que é un bo decreto”, afirma.

 

O PACTO ROTO “CON NOCTURNIDADE”

Co PXNL acabado de nacer, o bipartito de PSOE e BNG accede en 2005 á Xunta e pon en marcha a maquinaria para crear un novo decreto que recollerá a práctica totalidade das recomendacións dese plan para o ensino. “A conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, quixo que o decreto partise do maior consenso posible de todos os grupos, aínda que iso non era necesario”, explica o deputado socialista Meijón. Para chegar a acordo, igual que en 1983, creouse un grupo de traballo, desta volta con PP, PSOE e BNG.

“Teño un moi grato recordo desas reunións”, conta Meijón. “Cada vez que había algunha diferenza entre os tres grupos recorriamos ao Plan Xeral porque entendiamos que fora o último gran acordo do Parlamento en materia de idioma”. Cando todo parecía ir sobre rodas, os representantes dos tres grupos comunicaron aos medios a boa nova do acordo nunha rolda de prensa. “Recordo ben que Manuela López Besteiro –daquela voceira de educación do PP– se gabou do consenso e o do bo decreto ao que se chegara, segundo eles, grazas ao diálogo do PP”, conta o socialista. Neste escenario, “con nocturnidade e aleivosía”, coinciden PSOE e BNG, chegou a creba. “Ao día seguinte, para gran sorpresa nosa”, di Meijón, “o PP queda descolgado sen achegar ningunha razón de peso. Os membros do PP que participaban na comisión déronnos a entender que a súa obriga era dicir que non, que o dirían puxese o que puxese o texto porque era un mandado”, explica. Poucos meses despois, Galicia Bilingüe protagonizaba na Coruña a súa primeira manifestación contra Touriño e Quintana.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
1
Excelente repaso á historia legal da lingua na democracia
Leiro
2010-01-12 17:23:42
Excelente resumo, grazas por nolo lembrar, eu heino espallar alí onde poida, hai que desmontar este ataque xa. Lorenzo, se che queda unha pinga de dignidade, dimite!
2
Máis tristura que resentimento. Aí chegamos.
Hindemith
2010-01-11 04:04:30
Aí reside a chave de toda esta desfeita. Aí mesmo. Sabémolo ben todos. Todos. E de todos é sabido que os galegos, aquí e agora, pertencen a ese ben coñecido especimen que rexeita o cumplimento das normas. Interésalles, como a ninguén, que a desfeita sexa colectiva, para ir tirando. De sempre. Interesados. Crápulas. Mercadeiros de mala fariña. Que alguén analice, catalogue e expoña todo isto ben nun ensaio completo. Porque descubrirá a esencia da Galicia de tan mal gusto á que chegamos. Enoraboa a todos.

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.