A neve e o xeo que asediaron Galicia durante os últimos días marcharon onte deixando paso ao vento e ás instensas chuvias que remataron por provocar numerosas inundacións en toda a comunidade. Outro dos efectos da meteoroloxía adversa no litoral foi o amarre de gran parte da flota galega. Segundo MeteoGalicia hoxe os ventos seguirán sendo fortes na costa polo que se manterá a alerta laranxa e as temperaturas sufrirán un lixeiro descenso.
O mal tempo provocou onte numerosas inundacións e se cebou coas estradas nas que houbo desprendementos de pedras e caída de árbores e, mesmo, sinais de tráfico. Segundo o servizo do 112-Galicia, ás 9.38 horas foron alertados dun afundimento na calzada na Avenida das Carolinas en Vilagarcía, localidade onde tamén caeu un poste de teléfono e se produciron inundacións. Pola súa banda, en Brión (A Coruña) quedou cortada unha pista local tras desbordarse un regato en Outeiro. Tamén se rexistraron bolsas de auga en Ribadavia (Ourense).
Ademais, na provincia da Coruña, localizouse un desprendemento en Camariñas e foron necesarios varios efectivos de limpeza para retirar as pedras dunha vía de Teo. En Ourense deuse outro derrube na estrada de Bande a Corbelle; mentres que en Pontevedra tiveron que retirar unha árbore en Valla. Finalmente, na provincia de Lugo, nas primeiras horas do día a estrada que une Quiroga e Folgoso estivo intransitable ao seu paso polo primeiro municipio por un desprendemento de pedras.
Pola súa banda, a Dirección Xeral de Emerxencias mantivo activada durante toda a xornada a alerta laranxa na costa galega por mar de fondo. Debido ao mal estado no mar moitas embarcacións non saíron a faenar. En concreto, no litoral lucense parte dos barcos tiveron que regresar a porto. Só traballaron con normalidade en Ribadeo e Foz.
A flota da provincia da Coruña tivo un día desigual xa que quedaron amarrados os pesqueiros de Cariño, Cedeira, Ferrol, Fisterra e Ribeira, mentres que puideron faenar os de Sada e Malpica. En Pontevedra, os mariñeiros e mariscadores de Vilagarcía e Baiona pasaron a xornada en terra e no Grove, Portonovo e Bueu a saída ao mar non foi completa.
Segundo MeteoGalicia, o litoral galego continuará hoxe en alerta laranxa na zona da Coruña e das Rías Baixas por mar de fondo de compoñente oeste, con ondas de catro a cinco metros de altura. Ademais, os expertos aseguran que as chuvias, xeneralizadas en toda Galicia, serán febles ou moderadas. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso se ben a cota de neve pasará dos 1.200 metros aos 1.600.
Precisamente esa subida na cota de neve permitiu que onte tan só 177 nenos quedaran sen clase en nove municipios lucenses. O luns, pola contra, case 10.000 alumnos estiveron sen colexio. Tamén os aeroportos galegos recuperaron a normalidade tralas vinte cancelacións e os atrasos do luns debido aos problemas de Barajas, en Madrid.
"INCIDENTES CONCRETOS NAS VÍAS"
O delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, respondeu onte ás criticas sobre a actuación do Executivo á hora de poñer os medios oportunos para que as estradas galegas non sufriran os efectos do temporal de neve e xeo dos últimos días. Para Louro, traballouse coa “suficiente antelación” para que as vías rexistrasen unha “boa fluidez” no tráfico, a excepción do que calificou como uns “incidentes concretos”.
O delegado destacou o traballo das 77 quitaneves e das 300 persoas do operativo e explicou que nas estradas esparcíronse 12.000 toneladas de sal e 300.000 litros de salmuera.

