Tras o forte temporal de vento que na madrugada do mércores ao xoves provocou centos de danos en toda a comunidade, onte foi día de facer balanzo. No entanto, os grupos políticos da oposición esixiron explicacións á Xunta pola falta de previsión. Pola súa banda, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) está a investigar porque non se deu o aviso ao Goberno galego e o director de MeteoGalicia explicou a Xornal que “non hai que buscar culpables” do ocorrido pois a da predición non é “unha ciencia exacta”.
Dentro do grupo parlamentario do PSdeG foron moitas ás criticas a imprevisión coa que o temporal chegou a Galicia. Por iso, tanto a portavoz de Medio Ambiente, Carmen Gallego, como a voceira de Administración Local, Beatriz Sestayo, presentaron dúas iniciativas na Cámara para solicitar as explicacións precisas.
“Ningún departamento da Xunta deu aviso deste fenómeno meteorolóxico e non se alertou á poboación nin aos concellos para que puideran previr os efectos deste”, sinala no documento Gallego. Así mesmo, a socialista destaca que todos os danos coñecidos ata o de agora, como por exemplo os cortes de luz e os anegamentos, dan conta “da irresponsabilidade do goberno da Xunta pola súa nula actuación”.
Beatriz Sestayo critica que, despois de que o bipartito aprobara “a Lei de Emerxencias de Galicia”, a toma de posesión de Núñez Feijóo “supuxo unha volta á despreocupación en materia de seguridade cidadá”. Así, a voceira acusa á Xunta de levar adiante unha política de “escurantismo en materia de emerxencias”.
Para o BNG “estamos ante unha administración paralizada” que “non goberna nin para dar alertas”. Os nacionalistas instan á Xunta a avaliar os danos e establecer unha liña de axudas para os damnificados. Mentres, o PPdeG lamenta que estos partidos non trasladen as culpas, de forma “unilateral”, a Aemet e o grupo do PP na Coruña reclama ao presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, a creación dunha comisión para reparar os danos causados polos fortes refachos.
Onte coñeceuse, ademais, que Aemet abriu unha investigación para aclarar porque non se deu o aviso á Xunta tras colgar a alerta que, segundo o delegado da axencia en Galicia, Francisco Infante, “actualizouse ás 23.30 horas”. Pola súa banda, o director de MeteoGalicia, Vicente Pérez, amósase conciliador e di que “non hai que buscar culpables”. “A meteoroloxía non é unha ciencia exacta e este tipo de incertezas teríanlle escapado a calquera axencia de predición”, xustifica.
Neste caso, Pérez afirma que dende a organización que dirixe se tiñan previsto “ventos fortes na costa pero en terra non” e que eles deron o aviso antes que Aemet. O fenómeno adverso, de pequeno tamaño e impredecible, desprazouse despois sen permitir que se puidese actuar.

