Unicrom (Sotelo Blanco 2009) é a última proposta literaria de Rosa Enríquez. Trátase dunha novela de ciencia ficción e fantasía, que explora nun espazo moi pouco transitado no ecosistema da literatura galega.
Como xurdiu a historia? Pensouna antes de escribila?
A idea xurdiu de xeito natural, ao contar no meu blog a vida de Asor. Alí fraguose un mundo cos seus personaxes. Entón comprendín que tiña unha historia e decidín contala.
‘Unicrom’ está construído a partir das súas propias experiencias, da casualidade ou do maxín?
Non é unha novela biográfica aínda que o nome da protagonista é unha transposición do meu. En todas as novelas hai algo da vida dos escritores, das súas experiencias e lecturas.
A historia de ‘Unicrom’ está ambientada nun planeta chamado Aretx. Tivo que construír un mundo distinto ao noso para poder contala?
É unha novela fantástica, entón os espazos son imaxinarios e, loxicamente, elixín un universo alternativo.
Como convive a técnica narrativa coa historia e cos personaxes? Determina o estilo empregado na trama?
Lévanse ben técnica e historia. A novela, aínda que sexa de ciencia ficción, ten un trasfondo lírico e de pensamento. Puxen especial interese no xeito de narrala porque a forma de contar dálle profundidade á historia en si.
Reivindica co estilo empregado técnicas clásicas? Referímonos a epítetos épicos, acumulatio...
Creo que temos na literatura anterior propostas moi interesantes que podemos recuperar dende unha perspectiva moderna. Existe unha retroalimentación entre os escritores contemporáneos e os anteriores. Na posmodernidade revisar os clásicos, reinterpretalos e darlles unha forma nova, enriquece as posibilidades narrativas. Por exemplo, utilizar epítetos épicos nesta novela pareceume divertido, ocorréseme agora: Esmar, o Cabaleiro do Infinito; Nimaj Nebén, o ben amado... Ademais de algo moi propio do noso país, das aldeas onde existen alcumes para referirse ás persoas que son autenticamente retratos.
En ‘Unicrom’ abunda a adxectivación pero tamén hai un importante presenza do elemento relixioso e místico, a procesión asorita, o bautismo de Asor. Por que?
Existe un compoñente místico e relixioso importante que deriva do meu interese particular polas diferentes relixións do mundo coñecido. É evidente a influencia da liturxia, do pensamento hindú e tamén dos ritos de iniciación tribais e, por outra banda, como aquí se fala dun deus mago que non coñecemos e, como eu reivindico a palabra, pois unha procesión na súa homenaxe pareceume acaída.
Sereas, híbridos... Que hai detrás dos veciños dos asoritas?
No caso das sereas subxace unha crítica ao construto patriarcal machista da nosa sociedade. Dándolle a volta á situación a pretensión foi caricaturizar o paternalismo existente. O caso dos híbridos é distinto, eles teñen unha sentimentalidade propia que reflicte a defensa dunha sexualidade aberta.
“Ilov, Ilov, o gran deturpador, o fabulador do real...”. Hai unha intención de denuncia da mentira? Trátase de depurar o comportamento humano?
Detesto a mentira e a falta de solidariedade. Toda invención deriva da covardía e da falta de aceptación propia. Cando alguén decide travestir a verdade, acomodala, está á faltarlle ao respecto aos outros/as. Isto explicábao Sartre moi ben, calquera acción individual afecta á colectividade e, se esta está cimentada nunha fabulación, pois imaxine vostede o fraude. Estamos afeitos/as a mentir coas mans, cos ollos e co corpo. Convén non naturalizar estas condutas, facelas pasar por inofensivas.
Con que se queda de ‘Unicrom’ e con que pode quedar a xente?
Quédome co pracer de tela escrito. Os lectores poden pensar que é unha obra entretida. Se van máis ao fondo penso que poderán achar unha defensa da inocencia, do mundo natural, do pensamento colectivo e, de iren máis alá, haberá quen se quede coa forma de contar, que escollín intencionadamente que fora poética.

