A Miguel Parrondo gústalle a velocidade. É unha desas persoas que cando van de copiloto moven os pés para acelerar e frear. En 1987, membro do Moto Club Coruña, xa fora campión de Galicia coa súa Honda e conducía un Renault 5 G Turbo, un coche que os afeccionados do motor coñecen hoxe como a máquina de matar. A 200 km/h estampouse contra un muro preto da Ponte da Pasaxe na Coruña. Tiña 32 anos e foi trasladado ao daquela Hospital Juan Canalejo. Non recorda moito daquel accidente ocorrido en maio, máis ben o que lle contou a familia. Cando espertou estaban alí unha moza de 28 anos e os seus pais. Non eran como os recordaba. Estaban moi maiores e o pai tiña dificultades para andar. Pasaran 15 anos.
Miguel estivo en coma ata o 2002. Durmiu durante máis dunha década, da que non lembra nada. Nunca oíu o seu pai, que deixou o seu traballo como dermatólogo e ficou no hospital durante os seis primeiros meses posteriores ao seu ingreso; tampouco viu crecer a súa filla, unha nena de 13 anos que se convertera en xornalista; nin nacer os seus cinco sobriños ou morrer os seus tíos, e aos seus amigos deulles tempo de casar e divorciarse, algún ata dúas veces coa mesma muller. Os médicos dixéronlle que o seu caso era excepcional. “Dáse un entre un millón”, pero el queda aínda hoxe coa explicación sinxela: “Abrín os ollos e pasasaran 15 anos, estaba a miña filla e tiven que preguntarlle se era Almudena. Respondínlle: Eu son o teu pai”.
Agora di que se sente un yogurín de sete anos, e o certo é que non aparenta os 54 que ten. Máis aló das canas, vense poucos sinais do paso do tempo na súa cara, aínda que explica que, en realidade, é como Robocop. “Fixéronme tantas operacións que nin me lembro, xa non teño o bazo, nin un ril”. Tamén ten algunha secuelas neurolóxicas que lle dificultan o movemento e non pode empregar a man dereita, pero el mesmo di que notou máis o paso do tempo nos demais ca nel mesmo. “Só estaba algo máis gordo pola medicación e co pelo branco”. No resto, manténse coma entón. Conserva as mesmas afeccións: a súa paixón polas motos e unha colección de vinilos que seguiu crecendo. “Escoito os de sempre: Status Quo, Deep Purple, os Beatles...” Aínda así, di que hai algún grupo máis actual que se deixa escoitar: Coldplay, Maroon Five, Nacha Pop ou Radio Futura.
Pero para recuperar os quince anos perdidos, precisamente unha das décadas nas que se poden pensar en máis cambios, sobre todo tecnolóxicos, tivo que andar ás présas. Cando se lle pregunta que foi o que máis lle chamou a atención do acontecido neste tempo, resume: “Todo. Ao principio vía a xente falando soa pola rúa e pensaba que tolearan, pero eran teléfonos móbiles. E os coches... O meu daquela tiña 95 cabalos e era dos máis modernos, agora parecen parvos, pitan por todo, non tremen e teñen GPS, iso si que é un avance”. Parrondo confesa que, pese a que pasaron oito anos dende que se recuperou, non coñece nin a metade da Coruña. “Onde hoxe está o barrio dos Rosais, por exemplo, era onde ía correr eu coa moto, non había nada. Ao principio perdíame na porta da casa porque o meu propio barrio, onde está a casa dos meus pais, cambiara tanto que non recoñecía nada”, engade.
Con todo, e malia a que moita xente da súa idade aínda non emprega hoxe un ordenador, a el non lle custou moito poñerse ao día. O primeiro móbil xa o tiña á semana de saír do hospital, regaloullo a nai, e como exercera como programador informático antes do accidente deseguida fixo un curso de Visual Basic e mercou un ordenador. Hoxe conta ata con top manta a domicilio porque lle dá preguiza descargar el mesmo moitas das películas que consome, unha medida de dúas ao día porque tempo libre é o que lle sobra.
Parrondo está xubilado, e como lle pasou co aspecto físico, no económico o tempo tamén o tratou ben. En 1987 traballaba no Banco Pastor cun soldo de 300.000 pesetas. Quince anos de baixa e a boa administración que o seu pai fixo das súas finanzas mentres estivo inhabilitado legalmente déronlle para comprar un piso. Tamén obtivo a invalidez permanente absoluta e quedoulle unha boa xubilación, uns 2.000 euros ao mes. “En realidade, se traballo perdo cartos”, confesa.
Lembra que unha das primeiras cousas que fixo ao saír do hospital foi ir á rúa Orillamar, á sede do Banco Pastor, onde traballaba. Xa non estaban os da súa quinta. “Eramos 30 programadores e quedaban cinco, non coñecía a ninguén; ademais, os que había de vello gañaban uns 6.000 euros e os outros 1.500”. Como no económico, a cousa cambiara moito tamén no laboral. “Imaxínate agora con internet. Cando eu estaba alí o máis parecido que había era o teleproceso –o sistema de transmisión de datos entre sucursais–, que aínda comezaba daquela”, explica. Custa tamén crer que entón “só había tres ordenadores na Coruña: o do Banco Pastor, a Caixa de Aforros e o de Fenosa, eran enormes e aos discos duros chamábamoslles lavadoras polo tamaño e porque os datos se metían en bobinas”.
DE MOZO ERA UN "GOLFO"
No Pastor había outra novidade: mulleres nos postos directivos, unha realidade que constatou nada máis poñer un pé na rúa. “Agora hai máis mulleres ca mosquitos, pero antes non as atopabas na Policía ou nun banco, mesmo a miña irmá fora a única da súa promoción de Medicina”, lembra. Curiosamente, alguén que puido vivir o destape tamén quedou sorprendido cos cambios na roupa e cos anuncios por contactos: “Antes había catro nos periódicos e agora son catro páxinas”. A Parrondo gústalle falar de mulleres. Diso non hai dúbida. En 1987, di, “traballaba nun banco, vivía con Paloma e era un golfo”, recorda.
Cando se lle pregunta se puido refacer a súa vida queda claro que non foi o que máis lle custou. Bromea con que en canto saíu do hospital coñeceu a súa actual muller. “Fun curtar o pelo e xa entrei a matar”, di, porque “as mulleres, como o tabaco, non se olvidan”. El ten unhas cantas que recordar. Di que cando saíu do hospital xa estaba separado legalmente da súa primeira dona. Non sabe como, pero asegura que non é bígamo porque ten a sentenza de divorcio. Puido amañalo o seu pai cando esta inhabilitado legalmente, pero tampouco lle importa moito. “Un día cruceime con ela na rúa e nin a coñecía”. A verdade é que a convivencia foi máis ben escasa. “Quedou embarazada cando eu estaba na mili, casamos un día 13 e un 23 deu a luz á miña filla, pero cando cheguei á igrexa souben que tiña outro fillo e que non me dixera nada, e non quixen saber nada máis. Collín a cativa e leveilla aos avós”. Como desta, tampouco de Paloma se volveu saber. Agardou un ano, pero acabou marchando a Madrid. Pensa que é normal, porque “ninguén daba un peso” por el. “Aos seis meses os médicos queríanme desconectar, por iso estou en contra da eutanasia, se o chegan a facer non estou aquí”.
DO WINSTON DE BATEA AO LM
Parrondo segue sendo fumador como hai 23 anos, porque un pode estar sen coller un cigarro 15, que se non o sabe... Agora, mentres fuma un LM light recorda que o cambio que máis notou foi o da moeda. “Figúrate que un paquete de tabaco valía 120 pesetas e comprábalo de batea, e un café 30, e desperto e custa un euro, que non sabía nin o que era”. Antigo alumno dos Maristas, di que case ten que volver. “Non tiña nin idea de xeografía, había un pasaporte único para a UE, a URSS xa non existía, nin Iugoslavia, e había unha morea de países novos: Macedonia, Lituania, República Checa.... Menos Fidel, ese seguía aí”.
A política non lle interesaba nos 80, nin parece que lle preocupe agora, pero como todo señorito coruñés que se prece de selo, Miguel reafirma que é de dereitas de toda a vida, e iso pese a que as súas circunstancias lle xogasen unha mala pasada: “Quedei en Felipe González e espertei con Zapatero, a Aznar casi nin o coñecín, vamos, que me perdín todo o bo e agora teño que ser de esquerdas por cojones. Como tampouco podo utilizar a dereita...”, bromea, en referencia a que só ten mobilidade para escribir na man esquerda, pola que ten tan pouco apego que prefire empregar o ordenador porque nestes oito anos conta que non volveu aprender a escribir. Co deporte, a súa gran paixón, pasoulle pouco máis ou menos o mesmo. “Perdín o mellor do Liceo, que chegou a ser o mellor de Europa ata que Lendoiro o fundiu, desapareceu o Clesa, subiu o Obradoiro... e quen ía dicir que un español [Alex Crivillé, 1999] gañaría un campionato do mundo de 500”.
Miguel di que non bota en falta nada dunha época na que a roupa se mercaba en Casa Claudio, Manuel Fraga non era máis que o líder de Alianza Popular, había só sete grandes bancos e Amancio Ortega era un coñecido de seu pai dende que comezara a traballar en La Maja. “Fixen de todo porque son dos que pensan que son dous días: fun en moto a Italia e recorrín Escocia, fun ao Jarama, Coruña-Madrid en cinco horas con aquelas carreteras... Todo porque quen dixo medo habendo hospitais”, bromea. Aínda así, a súa vida cambiou moito. Di que ten tanto tempo libre que o día a día se lle “fai eterno sen traballar”. Le todos os periódicos, baixa ao Hispano a tomar café e pasea co seu can Tyrone. Só lle faltan “a saúde e as motos”, porque o de ir de copiloto nin falalo. Lembra cando corría cos irmáns Caramelo e as 25 copas que gañou. “É o único que me gusta máis que a mulleres”, di. Do futuro tampouco tampouco agarda moito: “Vivir, aínda que as veces sexa amargo”.