Ikea mantén o mes de xullo como data definitiva de inauguración da súa primeira tenda en Galicia. A multinacional da decoración low-cost xa tivo que pospoñer case dous anos a súa apertura. Foi polo atraso da nova circunvalación da Coruña, necesaria para dar acceso ao establecemento sueco e a todo o centro comercial Marineda Plaza, que será o meirande de Galicia. Estas obras seguen a provocar quebracabezas aos promotores e unha guerra aberta entre o Concello coruñés –responsable de expropiar os terreos para a vía– e a Xunta –que se encarga de construíla–. O treito urbano da terceira ronda, o que lle corresponde ao Goberno autonómico, non estará rematado a finais de 2011, pero a Consellería de Infraestruturas asegurou onte a Xornal de Galicia que a estrada estará “rematada e en servizo ata os accesos a Ikea antes do verán”.
De ser así, os condutores estrearán este ano os dous primeiros treitos da nova ronda. O bipartito puxo a primeira pedra en novembro de 2006 e a día de hoxe a vía remata nun descampado á altura do poboado chabolista de Penamoa, xa medio erradicado. Segundo a Xunta, antes de catro meses a estrada chegará ata o polígono da Grela enlazando co comercio. Así, o Ikea –que se converteu nun foco de atracción de visitantes doutras cidades– quedará comunicado co centro, pero non coa entrada da cidade.
A nova circunvalación arranca da ronda de Outeiro –na chamada rotonda do pavo real– e transcorre por San Pedro de Visma, Penamoa (onde pasa do primeiro ao segundo tramo) e a zona da refinería ata o polígono da Grela. Alí conectará con Ikea. Pero a vía urbana ten un terceiro tramo que se debe construír dende o novo foco comercial ata As Lonzas (atravesado a área das Rañas e o polígono de Pocomaco). É este último treito o que interesa ás persoas que accedan dende fora da cidade e non estará listo ata finais de 2011. Máis aínda tardará a prolongación da ronda que constrúe o Ministerio de Fomento. A AC-14 arranca dende As Lonzas cara A Zapateira para enlazar coa autovía A-6 á altura de Culleredo, e co aeroporto de Alvedro a través dun ramal. O tramo estatal non estará listo antes de finais de 2012.
