Hoxe é o día no que Galicia inicia de forma oficial a implantación da Televisión Dixital Terrestre. A partires desta mañá iránse apagando os centros emisores en analóxico das áreas técnicas de Ourense Leste, Santiago, Meda e Ares. Gradualmente vaise ir procedendo á transición dixital nestas primeiras fases, unha operación que rematará o vindeiro 1 de febreiro. Na última etapa do apagón analóxico –prevista para o 3 de abril– serán as áreas de Domaio e Páramo as que dean por concluído este proceso de adaptación. O 18 de xaneiro pasará á historia da televisión en Galicia como o día en que as antigas antenas analóxicas deixaron de emitir e deron o relevo á moderna TDT e a súa ampla oferta de canles e calidade de imaxe.
Con este primeiro apagamento analóxico, comezará a observarse de forma máis concreta a preparación dos galegos para comezar a ver as emisións de televisión exclusivamente a través da TDT. A Secretaría xeral de Medios, de todas maneiras, xa avanzou que é posible que nos primeiros días se produzan problemas na recepción, pero que agardan que o sinal chegue ao “100% da poboación”.
195 MUNICIPIOS
Desta vez, na primeira fase de apagón, serán un total de 195 os municipios que digan adeus á televisión tradicional (44 na área de Santiago, 16 en Ourense Leste, 50 en Ares e 85 en Meda) e se convirtan nas primeiras en estrear o acendido dixital. Este luns, uns 100.000 cidadáns serán os primeiros en sufrir o apagón analóxico. Na provincia de Ourense ocorrerá nos concellos de O Bolo, Castrelo de Val, Cualedro, A Gudiña, Larouco, Laza, Manzaneda, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, A Veiga, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós e Vilariño de Conso. En canto á provincia de Pontevedra, serán as localidades de Dozón, Lalín, Agolada, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces os que inicien o apagamento e na Coruña, Lousame, Porto do Son e Teo.
Respecto das zonas de sombra ás que podería non chegar o sinal, o Secretario xeral de medios, Alfonso Cabaleiro, comenteu que “é moi difícil chegar a todas as zonas da poboación galega”, pero que a Xunta xa traballa para que se poida realizar unha cobertura vía satélite –que será a solución para o 2% dos galegos que viven nestas zonas– que permita aos cidadáns ver a TDT.

