Jueves, 18 de marzo de 2010 - 23:34 h

O galego nos centros: onde o problema non entende de leis

O idioma retrocede nas aulas á marxe dun decreto actual cuxa aplicación depende máis da vontade dos mestres que do control
MIGUEL PARDO Actualizado 20/01/2010 - 17:16 h.
4 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 20 voto/s

“Vamos, que queda poco y ya estamos 4-0”. O recreo apura os últimos minutos e os rapaces corren tras o balón sen descanso. Soa a serea e entran atrapallados de volta ás clases. Crúzanse con dous vellos que pasean con parsimonia. “Xa lle dixen a Manuel que iso non era así”, comenta un deles. Os cativos comen larpeiradas, parolan sobre a televisión, os compañeiros, os seus ligues... Fano en castelán, idioma predominante entre todos eles, malia que os carteis que os arrodean usan o idioma de Rosalía. “Os alumnos que cheguen tarde á clase terán que permanecer fóra dela...”, reza un deles.

O instituto Rafael Dieste sitúase nun deses barrios periféricos da Coruña, entre Labañou, Riazor, Os Rosais e San Pedro de Visma. O galego é moi habitual na rúa, sobre todo entre as xeracións máis vellas. Algo semellante ocorre neste centro, onde os profesores máis veteranos usan acotío este idioma e onde son os que acaban de chegar os que apostan máis polo castelán. O bilingüismo é, entre os mestres, exemplar. Falan en galego e contestan en castelán, falan en castelán e contestan en galego. Sen problemas.

Algo ben diferente son os rapaces. “Coñéceno e sábeno falar na súa maioría pero non é a súa lingua habitual, nin moito menos”, asegura un dos membros do equipo directivo do centro. O decreto en vigor –o 124/2007 instaurado polo bipartito e que obriga a un mínimo do 50% das materias en galego– cúmprese. Ou iso parece.

“Hai un mínimo de materias que se teñen que dar en galego e que se especifican na planificación curricular e listo, pero non che sei dicir exactamente cantas; entendo que as que teñen o material en galego son nesa lingua, pero o control non é rigoroso”, engade. “Pode haber algún caso na que un profesor se exprese en castelán malia ter os libros en galego, pero non che sei”, di.

Habelos hainos. Neste e noutros centros, pero tamén ao revés. O conflito, no entanto, é inapreciable. O galego e o español mestúranse sen complexos nin prexuízos entre o profesorado, algo habitual nos centros públicos coma este de Secundaria. De portas para dentro, nas clases, controlar o idioma que emprega o profesorado é complicado por parte da Administración. “Cando un docente entra na aula, un inspector ten difícil saber o que ocorre; ao final, todo depende moito da vontade de cada mestre”, di un ensinante, que deixa clara unha cousa: “o galego retrocede entre os alumnos, con decreto ou sen decreto, aínda que é fundamental que saiban perfectamente falalo e escribilo”. Un funcionario encargado do control corrobora que a norma adoita cumprirse “no aspecto formal”, pero que é complicado levar un control do que ocorre en privado.

 

NORMA SEN RESULTADOS

“Se o obxectivo de todas estas normas é normalizalo, non se está a conseguir; o galego fálase cada vez menos, especialmente na contorna urbana”, aclara un membro da dirección.

Unha volta por un centro de Vigo reproduce a mesma situación. Todo, malia que o visitado sexa o colexio privado (concertado) con maior tradición galeguista da cidade, o Martín Códax. O idioma que empregaba nas súas cantigas o xograr que dá nome ao centro case non se sente. “Sendo tremendamente optimistas, non rozamos nin o 20% de alumnado galegofalante; podemos dicir que os escolares que falan galego no noso patio andan máis sobre o 10%, esa é a realidade”, di a directora, Rosa López Pimentel.

Ao igual que no centro da Coruña, os avisos e os carteis están en galego, pero unha rápida visita amosa a absoluta desaparición desta lingua. O partido aquí é de voleibol e as conversas semellantes ás da cidade do norte. O idioma, o castelán, algo que pode estenderse á ampla maioría de colexios vigueses, a pesar de que moitas das familias destes rapaces se expresen en galego habitualmente. “Existe a presión dos compañeiros, non directamente, senón dunha maioría que non practica o idioma, polo que o cativo ten que ter unha forte personalidade para trasladar a súa lingua familiar á escola”, insiste a directora, que aposta polo decreto en vigor, que tamén se aplica sen problemas no centro e que, cando menos, “permite que os alumnos poidan dominar ambos os dous idiomas e ter capacidade de elección”.

Os colexios privados, segundo os últimos datos estatísticos, adoitan ser os que máis incumpren a aplicación do decreto, especialmente na educación infantil. Non é o caso deste de Vigo nin, polo que manifestan moitos deles, do resto, aínda que hai profesores que non se fían. “Dígoche eu que son moitísimos os colexios privados que incumpren o decreto, malia teren o seu material en galego”, di un deles.

Nun paseo polos colexios privados, non é doado conseguir declaracións, aínda que os que falan fano con claridade e sen complexos, advertindo desde un principio que cumpren a legalidade estritamente.

“El 50% se da en gallego y el resto en castellano, pero entre el grupo de materias en español incluimos el inglés, así que el gallego es mayoritario en este centro”, asegura Óscar Blanco, director do colexio privado e relixioso Pais Escolapios, de Monforte de Lemos. A continuación, no entanto, deixa clara a posición do centro: “Los profesores, mayoritariamente, no están de acuerdo con el decreto actual que aplicó el bipartito y les gustaría que lo retirasen para instaurar el que se ha anunciado”.

Unha das xustificacións de Óscar Blanco é que a maioría dos seus alumnos se moven nun ambiente castelánfalante nas súas casas. Apóiase incluso nun “plan de convivencia” realizado entre curas, profesores e estudantes, nos que os datos demostraron “que el 64% de los niños se relacionaban en castellano en sus domicilios, pero sólo el 36% en gallego”. En Monforte, calquera dos estudos estatísticos consultados sobre o emprego do galego sitúan este idioma como o maioritario para máis do 80% da poboación. Nos colexios públicos do rural, como en case toda Galicia, o uso da lingua propia aumenta.

O director insiste en que cumpren a legalidade e que el mesmo dá as clases de Física en galego. “Pero cuando tengo que explicarles algo difícil, los alumnos me piden que les hable en castellano y así lo hago”, di.

Pouco cambia en Pontevedra, onde atopar unha opinión sobre a situación do galego ou a aplicación do decreto tampouco é fácil. Dos catro colexios privados que existen na capital nos que tamén se imparte secundaria, dous son relixiosos e din non debater sobre ese “tipo de cuestiones mundanas” que consideran “políticas”. O colexio Los Sauces, que se define como “apolítico e aconfesional” tamén prefire obviar o tema lingüístico.

Preto de Pontevedra, en Ponteareas, un coñecido colexio privado con máis de 50 anos de funcionamento decídese a abrir as portas, aínda que prefire que non se mencione o seu nome.

O idioma habitual entre os alumnos é o castelán. Desde a súa dirección comentan que o novo decreto impulsado por Feijóo, que confían en que saia adiante, parécelles “razoable” sempre que “se desenvolva realmente o trilingüismo”, aínda que recoñecen que “custará facelo ben”. Neste centro, a lingua de Shakespeare lévase ensinando “desde sempre e con todo tipo de medios”, unha das deficiencias que consideran pode ter a nova Administración, tanto neste idioma coma no castelán ou o galego. “Fai falta moito traballo e moito apoio institucional”, din, tras aclarar que eles “empregan a lingua galega” porque é “unha necesidade e unha obriga”.

No entanto, o resultado volve ao de sempre. “Atopámonos con que os alumnos fálano moi ben, pero traducindo; non pensan nin estudan directamente en galego, polo que hai que recorrer maiormente ao castelán, aínda que isto non debe facerse de forma impositiva”, aseguran neste instituto.

Nos centros públicos da zona, incluídos os da cidade de Pontevedra, non semella existir demasiado debate sobre este asunto. A maioría dos profesores desenténdense e prefire non opinar, “algo que xa ocorre habitualmente nos claustros”, comentan os responsables de dous colexios. Ademais, e polo xeral, non cren que desde a Inspección “se vaia controlar nada” respecto á aplicación ou non dun decreto.

A confianza no rigor da Inspección Educativa non é habitual entre o profesorado, que entende a dificultade do seu traballo, pero que si ve moitos máis problemas se as bases do novo decreto que presentou a Xunta saen adiante. Daquela, o exceso de flexibilidade da norma pode ser o problema.

Unha docente que imparte clase en Ponte Caldelas, e que mantén o anonimato, considera que o novo decreto do trilingüismo “é un afán da Xunta por converter un asunto de ensino, aprendizaxe, busca de equilibirio e respecto á cultura nalgo inventado que xera tensión e enfrontamento”. “Creouse crispación en dous bandos; aquí nunca se presionou a ninguén por utilizar o galego, pero o que si se debería remediar é que os pais que queiran usar o idioma da súa terra non teñan que xustificarse, nin se sintan subestimados”.

Na Coruña, volvendo ao primeiro instituto, o equipo directivo ten claro que a nova norma “volve desenterrar un conflito que podía existir, pero que non afloraba deste xeito”. “O que conseguiron agora é que ninguén estea contento”, recorda un profesor que non dubida en asegurar que a norma que está a meditar a Xunta “non axudará nada á normalización do galego”. “Nin o galego aumentará a súa presenza, nin o inglés se falará máis”, insiste.

 

“NON ESTÁN NA REALIDADE DIARIA”

A futura organización do currículo escolar vese aínda máis complexo. “Non está pensando nin no día a día nin ten os pés da terra; nótase que os lexisladores non están na realidade diaria dos centros”, din. “Pode crear problemas”, asegura outro, que se sorprende das argumentacións dalgúns colectivos contrarios á normalización. “É dicir, que non se poden dar as matemáticas en galego porque disque os cativos non as entenden, pero si se poderían dar en inglés, non é?”, reflexiona, antes de aclarar que para conseguir melloras en lingua estranxeira deberíase empezar por “aumentar medios”.

Hai máis aínda, porque visite o centro que se visite, sempre hai profesores que temen rebeldía por parte dalgún dos seus compañeiros. “Que ocorrerá con aqueles mestres que levan anos expresándose e dando as clases en galego? Van cambiar agora? Vanse negar? Vai haber problemas”, insiste un deses ensinantes dos que se di “comprometidos” coa lingua e que se diferencia –aclara el– das novas xeracións.

Recorda, o mesmo docente, o caso dunha compañeira que impartía a súa materia en galego –malia que non se incluía entre as obrigadas– para que a porcentaxe esixida pola Xunta se cumprise. Outra profesora negábase a dar a súa materia en lingua galega, cando si lle era esixido por lei. E rebelouse.

É un caso illado dos que hai en moitos colexios. Este sábese, pero a maioría pasan inadvertidos. “Ninguén quere meterse en denuncias”, insisten docentes que saben dos problemas da Inspección para arranxar estas eivas.

Ao final, a realidade impón problemas máis cotiás. Os rapaces volven ás clases. Un cativo acaba de sufrir unha escordadura e alguén ten que cubrir con urxencia a ausencia dunha profesora. “Se teñen que ligar unha chavala en castelán, fano; se é en galego, tamén o farán”, resume un mestre. O conflito do idioma non sae a relucir. De momento. Ao marchar, nas paredes dos centros públicos xa colga algún cartel: “Na defensa do galego, nin un paso atrás”. O xoves hai folga.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad
1
Pampo!
Setesoles
2010-01-19 21:14:36
Non acabo de crer que nun xornal como este se utilicen conceptos que son decisivos á hora de valorar a problemática da nosa lingua con esta incalificabel superficialidade, por non utilizar algún calificativo máis rotundo. Abraiado, veño de ver nacer un novo tipo de bilingüismo (este resulta xa absolutamente esperpéntico) que sumar a todos os que xa pariu o noso inefable Feijoo. É difícil facelo pior. Coma cáseque todo o mundo, penso que os xornáis poden ser un magnífico instrumento á hora de espallar o coñecemento e a conciencia social que debe ser a base dunha boa convivencia. Cousas coma as que veño de ler axudan a pensar que son parte do problema. E problemas xa temos abondo. Saúdos.
2
Bilingüismo
Susana
2010-01-19 19:55:36
Partimnos xa dun grave erro, pensar que o bilingüismo social en que estean presentes dúas linguas nunha sociedade. Moitos dos lingüistas qu emanteñen o termo bilingüismo social explican que unha sociedade é bilingüe cando a grande maioría das persoas que a conforman son bilingües; isto non é, cada individuo manexa e é competente nas dúas linguas. Evidentemente este non é o caso que se reflicte neste artigo. Canto ás afirmacións espostas por algúnha das persoas entrevistadas, parece que tampouco son veraces. Así di: “Pero cuando tengo que explicarles algo difícil, los alumnos me piden que les hable en castellano y así lo hago”, o cal contradí o feito de que os estean facendo competentes en galego. Queda claro que non. Por último xa destacar que esas persoas de idade avanzada que pasean pola Coruña, ou Vigo, falando en galego son os avós ou os pais deses rapaces que logo parece "esquecen" todo o galego da casa ao chegar ao colexio. Creo que o problema ten un nome claro: diglosia.
3
O Decreto 124/2007
kekina
2010-01-19 10:24:21
O Decreto en vigor non se está a cumprir en moitos centros, a Inspección educativa mira para outro lado e non pasa nada. Non hai problemas nos centros.Os problemas estánse a crear agora nos centros e non quero pensar que pasará se se aproba o "borrador " actual.
4
Socialización, eis o problema
Castro
2010-01-19 09:34:50
O problema é a socialización en galego dos escolares. Se non hai preescolares en galego ou galescolas, malamente os rapaces se van relacionar entre eles en galego. A ÚNICA solución é que Infantil fose unicamente en galego, ou polo menos que houbese a metade das aulas de infantil de inmersión en galego. O resto son parches inútiles.

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.