O PPdeG celebrou onte que as políticas para a xuventude “regresaran” á Xunta despois de catro anos de “parálise e esquecemento” do bipartito e congratulouse de que se “retomasen” as reunións da comisión interdepartamental de xuventude, iniciativa posta en marcha polos populares noutras épocas de goberno e “ignorada” polo anterior Executivo autonómico.
A través dun comunicado, o PPdeG destacou como “acordo fundamental” do encontro de onte a decisión de constituír unha comisión de traballo para empezar a desenvolver o Plan Estratéxico de Xuventude 2010-2013, co que se pretenden “aumentar” os investimentos destinados á xuventude e incrementar as súas oportunidades.
Fronte a iso, os populares lamentaron o “desleixo” do anterior Goberno bipartito, convencidos de que a súa actitude certificou “unha falta total de compromiso real” coas “inquietudes e problemas da xuventude galega”, que contrastaron coa actual aposta pola xuventude do Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo.
Segundo os populares, o que pretende o Plan é “incrementar os investimentos dedicados á xuventude e incrementar as súas oportunidades, promover a solidariedade entre sociedade e xuventude e a participación dos mozos na sociedade”.
Así mesmo, di o PP, “os campos de acción aos que a Xunta lles vai dar máis importancia son, de carácter transversal, a educación, o emprego, a creatividade e o espíritu empresarial, a vivenda, a saúde e o deporte” e, de carácter máis específico, “a información e a formación, a participación xuvenil, o voluntariado xuvenil e a mobilidade da mocidade polo mundo”.
