A asociación Galicia Bilingüe (GB) instou ao presidente do PP, Mariano Rajoy, a que apremie ao presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, para que cumpra as súas promesas electorais relativas ao idioma.
Nunha carta ao máximo dirixente do PP, publicada hoxe polo GB, a presidenta da asociación, Gloria Lago, lémbralle a Rajoy a recente aprobación do decálogo de prioridades e valores, en cuxo último artigo se refire ao valor da palabra "dada".
Tamén lle sinala que antes das eleccións autonómicas, en que o PP recuperou a presidencia do Goberno galego, Núñez Feijóo "comprometeuse textualmente" a adoptar as decisións precisas para que os pais poidan escoller, de forma vinculante, a lingua en que os seus fillos recibirán as materias troncais e os alumnos, empregar o idioma que desexen en clase, material, libros, traballos e probas.
A pesar diso, denuncia Lago, o borrador de decreto presentado o 30 de decembro "non cumpre con esas promesas adquiridas antes das eleccións de marzo", polo que "Núñez Feijóo enganounos a todos os galegos que fomos a votar convencidos de que poderiamos escoller a lingua vehicular das materias troncais".
"É por este motivo que lle solicito, señor Rajoy-conclúe a misiva-, que apremie ao presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo para que cumpra a palabra dada, a súa palabra"
