“Isto ten pouco que ver co contrato asinado por Feijóo cos cidadáns”. O deputado socialista José Manuel Lage Tuñas recuperou onte das hemerotecas as promesas de “suposta austeridade” ás que o pasado ano tanto o presidente da Xunta, entón candidato popular, coma o actual conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, “se aferraron” durante a campaña electoral. Eses preceptos, asegura, contrastan co gasto de, segundo os cálculos do PSdeG, 6,3 millóns de euros en vehículos dende a chegada do PP a San Caetano.
Nestas adquisicións, a maior parte, apunta Lage, non se refiren a compras, senón a procedementos coma o renting que, na práctica, supón o aluguer do vehículo por parte da Xunta durante un tempo determinado. Así, sinala, o Goberno galego decide arrendar vehículos mentres “17 coches –os Audi que Presidencia non foi quen de vender mediante subasta– seguen aparcados nos garaxes da Xunta, xerando gasto polo capricho electoral de Feijóo e Rueda”
Dentro destes automóbiles –entre os que tamén se inclúen os destinados a prestar servizos en Medio Rural ou Sanidade–, o deputado socialista fai especial fincapé naqueles cuxa adquisición se produciu “con ocultismo”, mediante o procedemento “negociado sen publicidade”.Así, por exemplo, a Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística, salienta, destinou 53.860 euros á compra de dous coches nun proceso ao que “non todos os operadores do sector puideron acudir”. “Curiosamente –asegura– case sempre adoita ser a mesma empresa”.
RESPOSTA DA XUNTA
Despois de que Lage Tuñas anunciase a súa intención de solicitar a comparecencia na Cámara do titular de Presidencia e, ao tempo, interpelar ao propio Alfonso Rueda para “demostrar” que “as caretas da austeridade caeron”, o propio Executivo apresurouse a responderlle mediante un comunicado.
Segundo a Xunta, o gasto en renting de vehículos limitouse a “renovar” flotas de coches que “xa funcionaban na pasada lexislatura”, mediante procesos que gozaron de “transparencia”. Así e todo, Presidencia recoñece que se fará con “67 novos vehículos” na lexislatura.
