A Santa Sé fixo público onte que un dos doce imputados na operación Retablo, o bispo de Tui-Vigo, José Diéguez Reboredo, será relevado do seu cargo. A noticia chega xusto despois de que Xornal desvelase esta semana a súa imputación na trama que está a ser investigada, aínda que desde o Bispado aclaran que a retirada responde unicamente a motivos de idade. Diéguez, nado o 25 de abril de 1934, cumpriu 75 anos –idade de xubilación dos prelados– hai xa nove meses. Foi daquela, tras superar un infarto cerebral, cando pediu o seu relevo á fronte da diócese, pero até agora a xerarquía eclesiástica non resolveu o seu caso.
O seu substituto será Luis Quintero Fiuza, até agora bispo de Ourense, que non está imputado a pesar de que hai varias restauracións na diócese que están a ser investigadas. No anuncio do cambio, Fiuza definiu o seu antecesor como “un home honrado” e “con profunda enteireza moral”.
O novo bispo de Tui-Vigo respecta a investigación xudicial, pero asegura: “Coñezo a Diéguez desde hai anos e teño a total convicción da súa inocencia”. Ademais, matiza que se no caso de Diéguez ten a “certeza moral” de que non está implicado, no caso das restauracións de Ourense ten a “certeza física” de que a Igrexa non colaborou na comisión de posibles delitos.
“Precisamente, unha das primeiras cousas que suprimín ao chegar a Ourense foi a venda de casas e elementos eclesiásticos”, apunta, e di que as operacións pasan agora “polo Consello Económico Diocesano”, formado por quince persoas.
