O V Festival de Músicas Contemplativas celebrarase en Compostela durante Semana Santa -dende o 29 de marzo ao 3 abril-, co obxectivo de recoller "a tradición espiritual euroasiática" en quince actuacións nas que participarán seis grupos inéditos en España.
Así o expresou en rolda de prensa o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva Prieto, subliñou que o festival busca "ligar cultura e patrimonio" mediante unha visión multicultural "non tan centrada en motivos litúrxicos".
Ademais, explicou que esta iniciativa naceu coa intención de "encher o baleiro" dunha oferta cultural que, ao seu xuízo, non existía en Galicia. Xunto a el, estiveron tamén o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; e o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos.
Deste xeito, na nova edición do Festival de Músicas Contemplativas realizaranse cinco concertos máis que en 2009, nos cales espera superar a cifra media de 500 asistentes que se produciu o ano pasado, con este obxectivo se desdeñaron espazos de menor capacidade que acolleron recitais no pasado. Todos os concertos terán lugar en sete espazos históricos da cidade, entre os que se atopan o Hostal dos Reis Católicos, ou as igrexas de San Martiño Pinario e San Francisco.
Ademais, esta edición conta coa colaboración da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo que "dará máis relevancia" ao festival segundo expresou Villanueva, para iso, incrementará con 150.000 euros o presuposto de 230.000 euros que achega o Consorcio.
Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, sinalou ao festival como "extraordinado" e remarcou que, ao seu parecer, "é a mellor oferta musical que se pode gozar en España en Semana Santa". Así mesmo, incidiu na "oportunidade única" de ver grupos de referencia de países diversos.
Nesta liña, o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, resaltou que o festival "encaixa perfectamente coa filosofía e os valores do Ano Santo" e subliñou a "calidade incontrastable" da iniciativa que estará marcada "pola espiritualidade".
PROGRAMACIÓN INTERNACIONAL
En total celebraranse quince concertos que comezarán o luns 29 de marzo con dous recitais que, segundo expresou Villanueva, "marcan os dous extremos" que se repetirán ao longo do festival. Por unha parte poderase gozar do grupo inglés de música antiga The New London Consort --na Igrexa de San Francisco--; mentres que á súa vez, os ritmos asiáticos virán de man do cantante vietnamita Houng Thanh, que dará o seu recital na Igrexa da Universidade.
Deste modo, durante as seis xornadas haberá oportunidade poderase escoitar a grupos como Divana Ensemble, provenientes da India; así como a Alim & Fargana Qasimov de Azerbaiyán ou ao único grupo de orixe africana, Sheik Taha. Xunto a eles, actuarán formacións de nacionalidade vietnamita, finlandesa, británica, francesa ou uzbeza. O peche do festival correrá a cargo dos estadounidenses, Kenneth Weiss.
