Segundo enquisas xenéricas, a monarquía é a institución máis valorada en España. Pero, seguiría a selo de sabermos en que gasta os cartos a Casa Real, canto recibe ao ano, como chegou a Familia Real a ter un patrimonio que a revista Forbes valora en case 1.800 millóns de euros ou que negocios tivo o Rei con amigos seus coma Mario Conde, De la Rosa ou Ruiz Mateos? Ningunha destas preguntas ten resposta. A monarquía segue a ser sagrada e as súas contas sobrancean pola súa opacidade, unha eiva democrática que non ten comparanza en ningunha das monarquías parlamentarias no resto de Europa.
Non hai ningún partido político que saiba nin cal é o custo real da Xefatura do Estado nin a que dedica os cartos que recibe. Tampouco o saben dende o Ministerio de Presidencia ou dende a Secretaría de Comunicación do Estado, organismos que se limitaron a dicir, cando Xornal se puxo en contacto con eles, que non era asunto da súa competencia. Nin sequera a Comisión de Secretos Oficiais ten acceso aos gastos detallados do Rei. A Familia Real non se financia única e exclusivamente da partida presupostaria establecida cada ano nos Orzamentos Xerais do Estado e que neste exercicio chega aos 8,9 millóns de euros. Tamén recibe cartos que están distribuídos noutros capítulos non detallados. E é precisamente isto o que fai imposible calcular a achega total que percibe. “Cremos que non é lóxico que ministros, deputados e altos cargos fagan unha declaración de actividade pública e privada, que os seus bens e percepcións sexan de dominio público e que non ocorra o mesmo coa Casa Real”, afirma Francisco Jorquera, deputado do BNG. O mesmo pensan outras formacións políticas coma o PCE, que está a recoller firmas para esixir máis transparencia nunha institución coma é a Xefatura do Estado, dedicada, segundo a Constitución, á función de arbitrar na vida política.
OUTRAS PARTIDAS
A Casa Real sinala que, segundo o Real Decreto 434/1998, a organización e funcionamento do organismo responde a principios e criterios da Administración do Estado, “aínda sen estar integrada na mesma”. Segundo os artigos 65 e 135 da Constitución, correspóndelle ao Rei distribuír libremente a cantidade anual recollida nos Orzamentos do Estado, destinada a custear os gastos do funcionamento e do persoal “a cargo directo” da Casa Real, así coma o sostemento da Familia Real. Esta asignación global non está sometida ao Tribunal de Contas. Sábese que o Rei presenta a declaración do IRPF, pero nunca se fixo público cal é o seu salario e que declara.
Cos 8,9 millóns páganse os soldos duns 25 empregados responsables dos gabinetes de coordinación e dos altos cargos: o xefe, que ten categoría de ministro, e o secretario xeral; tamén se paga a Secretaría da Raíña, que atende amais ás infantas (unhas dez persoas); a Secretaría do príncipe (unhas 15 persoas); a Xefatura de Medios de Comunicación e o departamento de protocolo.
No entanto, nesta partida non están englobados os emolumentos relativos ao resto de empregados da Casa Real, uns 140. Estes gastos asúmeos o Ministerio de Política Territorial (anterior Administracións Públicas) que, baixo o epígrafe “Apoio á xestión administrativa da Xefatura do Estado”, conta cun orzamento este ano de 6,5 millóns. Tampouco financia a Casa Real o mantemento nin o servizo do Pazo da Zarzuela e o seu predio; a casa na que vive o príncipe de Asturias; o Pazo da Almudaina cos seus xardíns en Palma de Mallorca; o Pazo Real, o Escorial, a Granxa, o Pazo do Pardo e o de Riofrío. Todos eles son propiedade de Patrimonio Nacional, que dispón dun orzamento total duns 140 millóns de euros. O Ministerio de Asuntos Exteriores paga as viaxes e visitas oficias que cursa a Familia Real. Os gastos do Servizo de Seguridade corren a cargo do Ministerio do Interior e os relativos a vehículos oficiais –automóbiles de luxo– e condutores corresponden ao Parque Móbil do Estado, dependente de Economía e Facenda, cun orzamento de 53,6 millóns de euros.
Antonio Romero, ex deputado de IU, di que a “Casa Real actúa como un verdadeiro paraíso fiscal, interpreta a disposición libre do orzamento como se non tivese que darlle explicacións a ningúen”. Gloria Aguilar, deputada do PCE, aclara que o artigo 65 da Constitución non estabelece que ese reparto teña que ser privado. “O Rei é máis ca un tabú. Unha das anormalidades da democracia española é que a súa figura considérase intocable, non é practicamente sometida a crítica. E neste caso, non estamos a criticar a figura do Rei, senón que pedimos a introdución unha serie de pautas que ofrecerían máis transparencia”, defende Jorquera.
MÁIS DE CEN PREGUNTAS SEN RESPOSTA
Gaspar Llamazares, voceiro de IU no Congreso, formulou unha pregunta no Parlamento sobre se o Goberno pode “dar garantías de que ningún recurso da Familia Real estea en paraísos fiscais”. Non houbo resposta. Dende que ERC ten representación parlamentaria, en 2004, a formación catalá formulou cen preguntas no Parlamento sobre as contas da Casa Real que foron arquivadas “sen acordo ou decisión” ou, simplemente, “inadmitidas a trámite en termos absolutos”.
O artigo 56 da Carta Magna establece que “a persoa do Rei é inviolable e non está suxeita a responsabilidade”, pero no resto das monarquías parlamentarias europeas si responden as preguntas. A situación acadou tintes absurdos cando o Goberno só contestou en dúas ocasións.
24 de xaneiro de 2005. Sobre varias cuestións formuladas polo deputado de ERC Joan Tardá en relación ao orzamento asignado á institución estatal da Casa Real, a resposta foi: “O Goberno entende que non forma parte do ámbito de resposta ao control parlamentario que cabe exercer sobre a súa actuación –dos monarcas–, formular valoracións sobre as actividades de carácter privado dos membros da Casa Real, como non o debe facer, neste trámite, sobre as que desenvolven os integrantes doutros órganos constitucionais do Estado”.
24 de xaneiro de 2004. Tardá pregunta polo carácter oficial ou privado dunha visita do xefe do Estado a Romanía para asistir a unha cazaría. A noticia saltou porque o Rei matou un oso bébedo. A resposta foi: “O Goberno español ten constancia de que a viaxe de S.M. o Rei a Romanía foi de carácter privado”.
PATRIMONIO EN ALZA
Pero non só as contas públicas son opacas, tamén o patrimonio persoal dunha familia que tivo problemas económicos tras o exilio de Alfonso XIII pero que dende a designación do Rei por parte de Franco non deixou de incrementar a súa fortuna. O seu xenro é conselleiro de Telefónica; a súa irmá xestiona empresas de luxo; o seu curmán ten negocios en telecomunicacións, autopistas e petróleo...
Durante os gobernos de Felipe González, varios empresarios da súa confianza foron protagonistas de casos de corrupción. Mario Conde, no seu libro Memorias de un preso (MR Ediciones, 2009), relata os intentos do Rei de frear a intervención de Banesto e o seu posterior enxuizamento.
Patricia Sverlo, en Un rey golpe a golpe (Ardi Beltza, 2000), fala dunha “colección de coches de gran cilindrada, digna do magnate máis caprichoso”. “O monarca fíxoa grazas a regalos dos seus súbditos ou dos mesmos fabricantes. BMW, por exemplo, sóelle regalar os modelos novos que vai sacando”, relata no capítulo 15. Segundo o periodista Matías Vallés, o seu barco Fortuna mercouse a través dunha colecta de 2.600 millóns de pesetas entre empresarios mallorquinos á que se sumaron 400 millóns de pesetas do Goberno de Jaume Matas (PP). Ben é certo que todos os bens non están a nome do Estado, pero si que son para uso e goce da Familia Real.
A revista Forbes calculou o patrimonio do Rei en 1.790 millóns de euros. Ninguén o sabe con certeza. No seu libro Juan Carlos I, el último Borbón (Styria, 2008), o coronel do Exército, escritor e historiador militar Amadeo Martínez Iglesias denuncia “irregularidades que non deben quedar agochadas, de ningunha maneira, baixo a alfombra da historia”. Neste senso, acusa a Juan Carlos I de converterse nunha das grandes fortunas “a custa de doazóns e créditos (...) aproveitándose do seu omnímodo poder institucional e da súa inviolabilidade ante a lei”. Tamén o acusa de “recibir e aceptar regalos e doazóns multimillonarias de empresarios e particulares” ou de “desviar fondos reservados do Estado para pagar as súas aventuras galantes”.
“Preguntar polo Rei sen ter en conta as súas cazarías, os seus dispendios, as súas amizades perigosas, os seus negocios con Javier de la Rosa, Mario Conde, Ruíz Mateos, Manuel Prado e demais comisionistas e sen preguntar polas súas aventuras extramatrimoniais, as súas extrañas desaparicións, nin polas súas longuísimas vacacións supón seguir recoñecendo que a censura e a autocensura son permisíbeis nun sistema democrático”, escribe o peneuvista Iñaki Anasagasti en Una Monarquía protegida por la censura (Foca, 2009).

