Chamando á nostalxia para mirar ao futuro, o ex voceiro do BNG, Xosé Manuel Beiras, aproveitou onte o debate organizado pola súa corrente dentro do Bloque, o Encontro Irmandiño, e denominado Rolda de Rebeldía para pedir un cambio de liña na organización nacionalista que pase por “recuperar as esencias e traballar de abaixo a arriba para volver ser hexemónicos”. Durante as súas intervencións no acto celebrado no santiagués hotel Compostela, o histórico nacionalista acusou á actual dirección do Bloque de “tragar con todo e logo soltar centellas” na vez de “volver a converterse no piar que entra nos parlamentos e no sistema para cambialo, método que converteu ao BNG na oposición maioritaria ao fraguismo, porque traballaba en rede coa sociedade”, dixo en referencia á súa etapa á fronte da formación.
“Os partidos da esquerda perderon os seus referentes sociais e están en crise”, engadiu Beiras, quen destacou que a súa proposta pasa pola “lealdade” co Bloque, que tamén estivo representado por Xoán Carlos Bascuas, de Máis BNG, que exerceu de substituto de Carlos Aymerich, cun problema na gorxa. Este asumiu erros na Xunta pero tamén defendeu moitas das “esperanzas e os cambios” xerados polo bipartito e amosouse convencido de que o Bloque “rexurdirá”. Dentro dun debate máis xeral, tal e como estaba concibida a xornada, Bascuas defendeu aos partidos políticos como ferramenta de “interacción social” e reivindicou o concepto de “cidadanía” como núcleo contrario á “leis de ferro das oligarquías”. Nese sentido, o economista e colaborador de Xornal de Galicia Xavier Vence solicitou “amplitude de miras para plantar cara ao neocentralismo”.
Antes, foron varios os debates que se celebraron, sempre cunhas 300 persoas entre o público, xa dende a primeira hora da maña, o que foi considerado un éxito polos organizadores. E foi nese tramo horario cando se falou claramente da “posible necesidade de ter que crear un novo actor político”, frase onde se podía percibir certos aires de escisión no propio Bloque. Non se chegou a nomear directamente esa opción, e de feito o ton crítico estivo misturado coa defensa máis directa da política partidista. “Os partidos non son os únicos culpables, pero están demasiado burocratizados e necesitan unha transformación interna”, sinalou Xavier Ron.
Nese escenario e apuntando máis ao BNG, Xoán Hermida, da ONG Amarante, afirmou que “o ADN do Bloque ten erros xenéticos, baseados nas cotas de poder”. Pero o mesmo tempo deslizou, quizais dun xeito indirecto, tamén un recoñecemento á organización nacionalista ao amosar as súas dúbidas sobre a posibilidade de que fóra dela vaia moito frío. “Non se sabe se hai espazo electoral para outra alternativa que non sexa residual”, idea que reforzou cunha visión histórica (“dende o PSG nos 70 veñen fracasando todas as propostas dunha socialdemocracia nacionalista, e talvez agora ese espazo xa estea en mans do PSOE”) e deixou unha iniciativa: “Non sería un mal intento crear unha especie de lobby que non tivera representación directa como partido pero puidera estar introducido en todos os de esquerda”. Nese terreo, coroou as súas palabras cunha crítica. “Non creo nas frontes que se crean para ser acompañantes dun partido. O sectarismo é a enfermidade infantil da esquerda galega”.
Nun plano ideolóxico non moi afastado, o coñecido analista na rede Manuel Barreiro pediu dirixirse “ao cidadán do común cun novo relato emancipador”. Tamén fixo a referencia a un “defecto habitual” no progresismo do país. “Non podemos pensar tanto en La Voz de Galicia e caer na súa trampa, debemos ter o noso propio tanque de pensamento”, afirmou, antes de recoñecerse como membro e partidario da “esquerda institucional” e definir como “a nosa particular caída do Muro” o resultado do 1-M. “A esquerda dialoga moito coa sociedade nas malas e pouco nas boas”, engadiu, pulando así por unha “nova esquerda necesaria para o país”.
Pola súa parte, o director da fundación Galiza Sempre (ligada ao BNG), Xavier Macías, pediu realismo ao sinalar: “Hai demasiada tendencia a ser incapaces de entender as nosas propias limitacións e botar as culpas afora. Os apoios hai que gañalos porque temos menos dos que deberíamos, sobra dogmatismo”. E segundo unha aplaudida Goretti Sanmartín, militante nacionalista, “falta ética” nalgunhas alturas políticas da esquerda, que considerou unha, sen separación entre a social e a política. Por iso, Xavier Ron pediu “salvar á política dos políticos” mentres Beiras, apuntando á nova dereita aseguraba que “ou facemos rebentar este sistema inxusto dende abaixo ou imos a unha ditadura de facto”. Serviu de resumo.

