Primeiro foron as postais de toda a vida, as que hai que selar en Correos e despois ten que repartir o carteiro. Pero agora, visto que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non se deu por aludido, agora a campaña en contra da súa política educativa e cultura pásase ás novas tecnoloxías, que son moito máis inmediatas.
Así, ao envio masivo de postais que Feijóo recibiu este Nadal para protestar polo decreto do galego, únense agora os e-mails para pedir directamente o cesamente do conselleiro Roberto Varela e Jesús Vázquez, os responsables de Cultura e Educación, respectivamente.
Onte, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL), Carlos Callón, presentou a campaña que esta asociación porá en marcha nos próximos días para reclamar tamén “un cambio a fondo” na política a seguir nestes departamentos.
A MNL facilitará mañá na súa páxina web unha sección para que os cidadáns poidan mandar os seus correos electrónicos á plataforma, tal e como explicou onte en rolda de prensa.
Callón criticou que o Goberno galego “está queimado, rexeitado e desacreditado” xa que ao seu xuízo, segue “políticas de desmantelamento en contra dos principais axentes do sector cultural, educativo e da política lingüística”. Por iso, reclamou “unha rectificación urxente” nas políticas culturais e educativas, que ao seu parecer, “son nefastas”.
Moitas das críticas da Mesa van dirixidas a Varela, xa que Carlos Callón considera “unha vergoña” ter un responsable de Cultura que “descoñece e avergóñase da cultura que ten que xestionar e promocionar”. Ao seu xuizo, a sociedade galega “non se merece un goberno que insulta”, en referencia ás declaracións do conselleiro, quen deifiniu á cultura galega como “ensimesmada e cohibida”.
Tamén lembrou que “o presidente da Xunta dixo esta semana que os escritores galegos que critican a política cultural non representan a ninguén”, entón “quen representa á política cultural do país”, pregúntase Callón.
“ATA AZNAR ESCOITOU”
Neste sentido, mostrouse en contra de que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo siga adiante cun “decretazo de forma inflexible”, fronte a actual norma para o galego no ensino que “conta co respaldo unánime da comunidade educativa, excepto un par de entidades vinculadas directamente ao Partido Popular”.
Para Carlos Callón é “un diálogo de teatriño” que a Consellería de Educación siga adiante co decreto do galego “sen escoitar á sociedade”. “En ningún país democrático do mundo habendo un rexeitamento tan grande cara a unha medida séguese adiante; ata José María Aznar no seu día chegou a escoitar á sociedade”.
CHAMAMENTO A VOTANTES DO PP
Por outra banda, A Mesa fixo tamén un chamamento aos votantes do PPdeG “para que reflexionen se votaron a ese partido para que insulte, crispe, enfronte e ataque a cultura galega”.
Neste sentido, Callón sinalou que os votantes do Partido Popular son “os primeiros destinatarios” das campañas da Mesa pola Normalización, xa que segundo expresou, “eles son os primeiros que ten que revolverse contra as políticas da Xunta”.

