A muralla de Lugo, capital da Galicia étnica do Terceiro Reich

Unha morea de nostálxicos do réxime nacionalsocialista alemán botaron man das razas -e sobre todo da imaxinación- para crearen ducias de mapas que habían de repartir Europa en rexións co padrón étnico como método de corte fronteirizo. Nun deles, configurado por unha división das Waffen SS. Galicia e Asturias eran un só territorio. A capital, Lugo
LARA GRAÑA 31/01/2010 - 17:00 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 14 voto/s

Cortar o bacallau antes de vendelo nunca foi bo método. O bo dos refráns, aforismos e demais frases que sempre quedan ben para ter a última palabra nunha conversa é que son facilmente mutables. Vaia, que lle apliquen a sentenza anterior a calquera cousa. Por exemplo, “cortar os países antes de conquistalos nunca foi bo método”. Ven? E xa nos serve para o que aquí se lles vai contar e que, por fortuna, non resultou por culpa da premura e da imaxinación excesiva –e porque, detalle, houbo un Holocausto de por medio–. No seo do partido nazi alemán existiron numerosos proxectos para deseñar unha futura Europa baseada na diversidade étnica do continente e, de paso, acabar con tanto país e tanta democracia. Por suposto, aí habían de mandar os da raza aria, que para mandar había clases e para partir países non había ser menos a cousa. “Sempre houbo unha fascinación pola diversidade étnica”, sinala o profesor de Historia Contemporánea da USC, Xosé Manoel Núñez Seixas. Nun deses momentos de fascinación, as Waffen SS deseñaron un mapa continental no que Galicia e Asturias eran o mesmo territorio. E a súa capital, o Lugo das murallas dos romanos.

As Waffen-SS foron o corpo de combate de elite das Schutzstaffel (SS), dirixidas por Heinrich Himler. Creadas como unidade de protección para a alta dirección do Partido Nazi, pasaron a converterse nunha forza militar de preto dun millón de soldados. Eran unha unidade altamente considerada pero, para os expertos, con moitas mareas no eido político á luz dos mapas que deseñaron baseados na diversidade étnica. O bosquexo en cuestión, debuxado cando o réxime nazi vía achegarse velozmente a súa destrución, ten a autoría dun suposto grupo federalista e non “panxermánico” das Waffen-SS, que gañou músculo mentres o Führer, Adolf Hitler, reservaba os seus para premer no gatillo da pistola Walther PPK que o matou. “Estamos falando dun grupo minoritario, en calquera caso, que non debía de ter moita idea”, ironizan nos foros de internet. O espírito desta organización era o de dividir Europa en numerosísimas provincias dependentes, en calquera caso, doutra Alemaña dividida pero con supremacía ideolóxica e política. “Houbo nazis en Galicia, claro que si, pero non con tal dimensión como para pensar que a provincia galega fose relevante”, engade Núñez Seixas. “A interpretación que se fai del paréceme moi optimista”, sentenza.

 

AS RAZÓNS DO MAPA

O mesmo mapa explica as razóns da súa configuración. Como reseña, “co espírito desta organización, cada provincia recibía unha total autonomía cultural e quedaba dependente da federación no tocante a cuestións económicas, políticas e de defensa”. Evidentemente, para as Waffen-SS o primeiro era a deportación –ou “retorno”, curioso eufemismo– de todos os xudeus a Palestina e “outros lugares”. Así as cousas, a Galice-Asturies con Lugo como capital de provincia podía manter a súas peculiaridades culturais baixo sometemento político á dirección nazi con capital en Berlín. Estamos no ano 1945 e, por exemplo, se cadra o idioma galego non estaría proscrito. Mais, por que esa unión das comunidades galega e asturiana? Núñez Seixas empraza á “fascinación pola suposta raza celta”, porque a adulación pola diversidade étnica “sempre foi moi importante no mundo nacionalsocialista”. “E especialmente todo o referido ao mundo celta”, continúa o profesor na Universidade de Santiago e experto na materia, que relaciona eses amores étnicos coa admiración pola Bretaña ou Irlanda. “Galicia ás veces aparece anexionada a Portugal, e tamén por esa relación de pobos con suposta orixe celta”. “Moitas fantasías”, ironiza.

 

CLASES E CLASES

Segundo os mapas, e en concreto deste grupo do grupo de elite militar Waffen-SS ultrafederalista, a división territorial non era sinónimo de federalismo ao uso. A cousa iba de xerarquías. “A parte superior da escala –continúa a lenda do mapa– estaba composta exclusivamente de homes que tivesen adquirido méritos militares” na Segunda Guerra Mundial. Nada de mulleres, por suposto, pero teoricamente permitíase que os máximos responsables de cada provincia fosen persoas nadas nas mesmas. Dito doutro xeito, a loucura do deseño xeopolítico nazi para Galicia estimaba que o suposto homólogo a un presidente autonómico tiña que ser alto cargo militar con méritos bélicos e nado, por exemplo, na Mariña lucense ou en Pontevedra. “Si que había fantasía”, sinalan curiosos da Coruña do mundo nacionalsocialista. Non se ten constancia, segundo eles, de que tivese existido un home –as mulleres, insístese, non se contemplan como posibilidade– con semellantes acreditacións.

“A toma de decisións –estipulaba a división non panxermánica destes militares– e de orientación dependían das Schutzstaffel (SS)”, últimas responsables do ir e vir do continente. Unha caste de emperador romano –como as murallas lucenses– con faralaes, gaitas, saias escocesas, loiros perfectos e descendentes de ancestras familias transilvanas no mesmo Estado nazi descontaminado de razas que, crían, non tiñan tales dereitos de conviviren con tan selecta diversidade. “A sede de control situaríase en Viena ou Praga”, di o mapa, “e o espazo do leste estaba considerado como colonia en vías de desenvolvemento ata o estreito de Bering”. “En esencia, estamos a falar dunha estratexia moi recorrente para debilitar os Estados”, analiza Núñez Seixas.

 

POLÍTICA XENETISTA

Para as SS “constistía en pasar dunha nación de etnias a unha nación de raza mediante unha política xenetista” con vistas a “desenvolver o que consideraban razas superiores”. Isto é, as nórdicas, xermanas, celtas e a dos alpinos. “Unha variante de investigación sobre as etnias, querían reinventar todos os pobos e primar os de raíces xermánicas, ao final de todo”, engade o profesor experto. “Por iso sempre lles interesou moito a Valonia, Flandres, Borgoña... querían que fosen anexionadas ao Estado nazi”, alega. “De aí –e postos a planificar máis e máis– deseñaron un mapa político baseado en distintos grupos étnicos”. E que ten que ver Galicia con Asturias neste eido? Pois, segundo os expertos, nada, pero despois de semellante laboura de articulación federalista xa non quedarían moitas ideas para a Península Ibérica, segundo se ve.

“Ten graza o mapa”. Non sorprende, á luz das respostas, a expertos e curiosos da historia consultados. “Ese suposto sector federalista e non panxermánico das SS, de existir, debeuse reducir a catro marxinais, seguramente ningún deles alemán”, asevera Núñez Seixas. “Houbo mapas e proxectos destes, sobre todo no seo da organización Ahnenerbe (herdanza dos devanceiros), grupo de estudo antropolóxico-arqueolóxico vencellado ás SS, pero xamais chegaban tan lonxe como para supor que Europa había de se descompor nun mapa de etnias rexionais, onde Alemaña aparecese esgazada en varias unidades”.

Vaia, "unha fantasía” motivada, semella, por unha enerxicamente cuestionable morriña daqueles tempos onde primaban cousas tan raras. Menos mal que o bacallau nunca foi cortado, e que Lugo xa é hoxendía fachendosa capital de provincia.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.