“Por fin”. Iso foi o que lle saíu do peito a un ex alto cargo da Consellaría de Cultura cando lle dixeron que a operación Retablo estaba en marcha: “Por fin lles meten man a eses pájaros”. Durante case dez anos foi un ruxerruxe en San Caetano. Dicían que un protexido do ex ministro Federico Trillo encabezaba unha trama para sacar tallada da protección do inmenso patrimonio da Igrexa en Galicia. Informes favorábeis a cambio de comisións, concursos irregulares e presións aos curas para beneficiar sempre as mesmas empresas. O bipartito abriu dilixencias informativas e a lenda virou investigación en mans da Fiscalía. O sumario é menos imaxinativo que a lenda, pero chámalles ás cousas polo seu nome. No canto de chanchullos, agora hai posíbeis delitos de suborno e tráfico de influencias. Os pájaros deixaronlles sitio aos imputados. De momento, seguen a ser inocentes.
Seis empresas dedicadas á restauración, tres relixiosos da Diócese de Tui-Vigo e tres empregados da Xunta que entraron durante o mandato do conselleiro Xesús Pérez Varela, na última lexislatura de Fraga. Até aí chegan de momento as imputacións no caso Retablo, pero na investigación aclaran que poden ser máis. Hai duascentas persoas ás que interrogar e os traballos van amodo no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, onde se tramitan tamén delitos de violencia de xénero. Curas, arquitectos, aparelladores, restauradores e posibelmente algún alcalde. “Pasábanlles a man polo lombo a cambio de tratos de favor”, bisba outro alto cargo da Xunta.
“Es do xulgado ou es periodista?”, pregunta o párroco de Celanova, César Iglesias. “Xornalista? Pois daquela a resposta é non. Eu non vou ser o novo bispo de Ourense”, retruca. O cura estaba sobre aviso, pero errou o tiro. Había dúas opcións: ou lle preguntaban polo seu futuro na curia, aínda que non se considera, aos seus 66 anos, digno sucesor de Luís Quinteiro á fronte da Diócese de Ourense, ou o interrogaban sobre a operación Retablo. Non sería o primeiro sacerdote da provincia en pasar polo cribo da policía, así que espera a súa quenda. Dous dos imputados, o restaurador Carlos Gómez-Gil Aizpurúa, ex traballador da Dirección Xeral de Patrimonio, e a empresa tudense CBC, encargáronse das maiores obras de restauración que se fixeron no mosteiro de Celanova. Unha tramitouse en 2004 e outra dous anos máis tarde, en ambos casos a través dun concurso público no Concello. Entre as dúas suman case medio millón de euros de presuposto.
Peor parado que o de Celanova, cando menos de cara á opinión pública, resultou José Diéguez Reboredo, até o xoves bispo de Tui-Vigo. Como revelou o blog feijoomente.blogaliza.org a principios desta semana, o relixioso é un dos imputados no caso Retablo. Terá que responder, cando menos, da venda da reitoral de Paraños, en Covelo, unha casa con 4.600 metros cadrados restaurada con subvencións da Xunta que acabou en mans, segundo datos da investigación, do propio Gómez-Gil. Logo de descontarlle ao prezo da taxación o que o imputado investira en aquelala, mercouna por 60.000 euros e intentou vendela por 680.000, once veces máis, a través de internet. A reitoral, construída en 1827, chegou en pé ao século XXI grazas ás doazóns dos veciños. Agora ten piscina, parabólica, calefacción, garaxe, portón automático e unha suite. Na vila non entenden, e de aí a pintada que interpela o párroco dende a fachada dunha vivenda: “Señor cura, mentir es pecado?”. Na diócese viguesa tampouco acaban de comprender por que a curia releva a Diéguez Reboredo agora, no medio da polémica, cando el presentara a súa renuncia en abril de 2009, logo de superar un infarto cerebral e cumprir os 75 anos, idade de xubilación dos prelados.
Pouco e pouco vanse coñecendo os puntos negros da investigación, na que colaboran, como fixeran os seus predecesores, os actuais responsábeis da Consellaría de Cultura. Alí onde Carlos Gómez-Gil compartiu expediente con algunha das empresas imputadas, a policía investiga. É o que acontece en Celanova e tamén no mosteiro de San Clodio, en Leiro, hoxe convertido en mans privadas no primeiro hotel-monumento de Galicia. Alí, o restaurador asinou tres proxectos de restauración entre 2004 e 2005. Dous deles, que suman uns 140.000 euros, executounos tamén CBC.
O cura de Covelo, onde a polémica xa chegou ao pleno do Concello, prefire non falar da venda da casa reitoral. Outros di que o fan. Ao de Celanova, cando lle preguntan, só lle saen marabillas da boca para describir os imputados. Chámalles polo nome de pía, con afecto, e promete seguir igual diga o que diga a investigación. “O que fixeron co coro baixo da igrexa é unha obra de arte”, matiza, e a seguir explica que a súa parroquia non decidía absolutamente nada na contratación dos traballos de restauración. O Concello adxudicábaos por concurso e logo pagaba a medias coa Xunta.
O de César Iglesias é o caso da maioría dos curas interrogados pola policía no marco da operación Retablo. Como explicaba esta semana a Xornal o delegado diocesano de Patrimonio de Ourense, Miguel Ángel González, os sacerdotes eran “suxeitos pasivos” dos procesos de contratación que investiga a Fiscalía. Agás no caso da reitoral de Paraños, que é radicalmente distinto, as subvencións procedían da Dirección Xeral de Patrimonio e os concursos, nuns casos, ou os contratos, noutros, resolvíanse nos concellos implicados. Por iso dende a investigación, especulan coa posibilidade de que as irregularidades estean máis cerca da administración municipal que da administración da fe católica. De momento, só é unha hipótese de traballo.
O esforzo da policía céntrase agora en saber como funcionaba a presunta trama, da que Gómez-Gil puido obter uns 100.000 euros en só dous anos. Os traballos e contratos baixo sospeita están moi dispersos xeograficamente, pero os actores parecen poucos e as operacións sospeitosas concéntranse entre os anos 2003 e 2005. Hai constancia de que se investiga en Torán, Penosiños, Cristosende, San Mamede de Forcas, Ourense, Celanova, Covelo, Entrimo ou O Carballiño, por citar só algúns dos lugares polos que pasa o sumario da operación Retablo, pero poderían ser máis e noutros lugares. O patrimonio eclesiástico é abondoso en Galicia e as restauracións son habituais. Sen axuda da Xunta, apunta o cura de Celanova, non habería quen lle sacase brillo aos trece retablos do seu convento. O caso é saber se o brillo era ou non era o único que se lle sacaba ás igrexas. Tres dióceses están implicadas, e a Dirección Xeral de Patrimonio, como se sabe, ten xurisdicción en toda Galicia. Especúlase con que o suborno e o tráfico de influencias non sexan os últimos delitos neste caso