O Tribunal de Contas investigará canto lle custou ao erario público a concesión en 2004 a Aznar da medalla do Congreso de Estados Unidos, tras a denuncia presentada polos avogados José Luis Mazón, Encarnación Martínez e a asociación Preeminencia do Dereito. O tribunal terá que determinar se unha parte do pagamento de 2,3 millóns de euros á empresa norteamericana Piper Rudnick foi desviado do importe do contrato subscrito para promocionar a concesión a Aznar da Medalla de Ouro do Congreso.
Segundo indican os avogados na súa denuncia, ese contrato do Consello de Ministros adxudicouse “polo procedemento de imperiosa urxencia”, polo que se omitiron outras ofertas. Entre os servizos que incluía ese contrato, e que polo tanto debía cumprir a sociedade Piper Rudnick incluíanse “actividades adicadas á consecución dunha Medalla de Ouro” a Aznar polo Congreso, algo que non estaba previsto na contratación. A empresa norteamericana emitiu dúas facturas. Na primeira figuraba a xestión da concesión desa medalla; na segunda, ese cometido queda substituído por “asuntos do Congreso”.
Os avogados Mazón e Martínez iniciaron un proceso contencioso-administrativo por considerar que para obter ese recoñecemento, o ex presidente non tiña que ter recorrido a medios públicos, ao ser “unha aspiración persoal”. Por mor do silencio administrativo, os letrados decidiron recorrer á Audiencia Nacional e ao Tribunal Supremo, aínda que ambas as dúas instancias xudiciais desestimaron o recurso. Tampouco un xulgado de Madrid admitiu a denuncia por un delito de malversación de fondos públicos.
A vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, amosou onte a súa “plena confianza” nas investigacións que agora inicia o Tribunal de Contas.

