A retranca galega toma o mundo virtual de IMVU

Galicia ten a súa propia comunidade 'online' na próxima gran rede social en 3D, que xa ten 40 millóns de usuarios en todo o mundo e vén de duplicar os seus ingresos no último ano
CRIS SOUTO 07/02/2010 - 17:00 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 6 voto/s

É ben certo que en calquera parte do mundo hai un galego. Tamén nos mundos virtuais como IMVU. Esta plataforma online a medio camiño entre o chat tradicional e os videoxogos de simulación, creada en 2004 en Palo Alto (California), conta coa súa propia comunidade de galegos desde hai ano e medio. “Ao primeiro chamoume a atención que fose en 3D porque, acostumada a chats de texto, parecíame curioso e moi xeitoso para interactuar”, conta Silvia Vázquez, nacida en Vigo hai 23 anos e rebautizada en IMVU como Hysterisch. Ela é a creadora do grupo de galegos da plataforma, que une dúas iconas da xuventude galega: o nome de “Estrella Galicia” e o eslogan do Xabarín Club, “E ti, xa es do clube? Afíliate!”. E afiliáronse, case oitenta ata o momento.

“Fun coñecendo algún galego disperso polas salas públicas de chat e decidinme a crear o grupo no que moitos amigos se volcaron de forma tremenda”, explica. Na práctica, é un foro no que “nos solucionamos dúbidas, pasamos a saudar os paisanos e, máis que nada, é un punto de encontro para despois chatear”.

 

INTUICIÓN E VERSATILIDADE

Este, coma todos os foros de IMVU, está ubicado no sitio web da plataforma. É na aplicación gratuíta que se debe instalar no PC onde se pode acceder ao chat en si mesmo. Fronte a outros universos virtuais como o famoso Second Life, o novidoso eRepublik ou o asentado Habbo, IMVU non pretende reproducir sociedades online, só crear puntos de encontro en ducias de salas tridimensionais e ampliar ao máximo a sensación de realidade na interacción entre avatares personalizados co estilo que desexe o seu usuario: emo, gothic, punk, fashion e un largo etcétera.

Unha estratexia que enganchou corenta millóns de persoas desde 2004 en todo o mundo. “Globalmente, tivemos dous millóns de usuarios activos nos últimos trinta días”, informa Lee Clancy, vicepresidente de Xestión de Produtos e director xeral de Ingresos Directos da compañía. No momento de escribir esta reportaxe, hai unhas 100.000 persoas conectadas de case noventa países. Malia que só está dispoñible en inglés, “IMVU rexistrou máis de 50.000 usuarios en España durante o último trimestre de 2009”, segundo Clancy. A maioría dos habitantes de IMVU son mulleres (69%) dos Estados Unidos (60%). “Segundo a empresa de consulting KZero, temos o 41% do mercado de usuarios de mundos virtuais entre 15 e 25 anos”, informa. De feito, o 42% dos seus usuarios son adolescentes entre 13 e 18 anos e só un 7% está por riba dos 35 anos.

Elena Outeiral, a “representante oficial de Boiro” en IMVU, é Ragnat, “a vampiresa gótica de pelo rosa”. Na vida real é enfermeira. “Traballo para o noso sistema de saúde e tamén son voluntaria nas ambulancias da Cruz Vermella da zona do Barbanza”. Para ela, conectarse é desconectar. “No mundo real, sobre todo co meu traballo, véxome inclinada a seguir uns padróns de conduta e de forma de vestir convencionais, pero o meu avatar é unha especie de alter ego que me permite amosar o meu lado escuro e desconectar do estrés da miña profesión; segundo o meu estado de humor, visto o avatar dunha forma ou doutra e tamén varían as salas nas que entro”.

Nerea, unha coruñesa de 17 anos, é Lunita2112 en internet. O seu é ir de festa en festa polas salas “escuras” deste mundo virtual. “Non imos de góticos nin nada polo estilo, pero gústanos armala e puxémonos o nome de El lao oscuro de IMVU”. Hai moito vampiro solto por estes lares. En parte, polo éxito de sagas como Crepúsculo, que se reflicten en espazos e personaxes deste mundo virtual. Tamén está xa representado o filme de James Cameron, Avatar. É sinxelo cambiar en segundos o aspecto de vampiro aterrador, polo de súper estrela do rock, por poñer un caso. Pero é máis difícil ter un avatar gordo, baixiño ou vello. O estándar é a beleza, en todas as súas variantes.

 

INTERACCIÓN VIRTUAL, SENTIMENTO REAL

Tamén a beleza interior. Kristin29789 é a expresión virtual de Cristina Artacho, unha ourensá de vinte anos que destaca o lado humano de IMVU. “Entrei pola recomendación da miña irmá e invitei varios amigos a que o probasen, entraba cos meus amigos e iamos de festa polas distintas salas de chat e, así, coñecín moitísimas persoas. Sempre xorden bonitas amizades que poden durar toda a vida. A distancia xa non é limitación grazas a lugares coma IMVU”.

Cristina namorou en rede, pero di que non saiu ben e deixou de conectarse acotío. Todo o contrario que David Dos Santos, un vigués de 26 anos que leva en IMVU pouco menos dun ano co nome de DarekCullen. “Son gótico e quería crearme un vampiro. Ao pouco de entrar coñecín a miña moza –non lle vou chamar IMVUmoza porque levamos unha relación seria– e desde entón conéctome case todas as tardes para poder estar con ela”. “É divertido o rol da familia en IMVU, está moi estendido que un sexa pai do outro, irmán, curmán... Realmente só é amizade, pero é comprensible que a xente cree lazos e se meta no papel”, conta Silvia-Hysterisch. Segundo explica, “o rol de noivos é divertido e en IMVU hai parellas a eito”. O feito de poder chatear coa voz a través dun micro axuda á crear sensación de proximidade.

De feito, moitos buscan o amor en lugares coma este. No mundo virtual chegan a casar, xa que hai capelas, illas paradisiacas para lúas de mel, todo tipo de vivendas e ata maternidades para quen se anima a poñerlle barriga ao avatar e mercar despois un bebé. Si, o fillo tamén se merca, porque todo ten un prezo en IMVU. O sexo, ou cibersexo, tamén ten o seu espazo reservado para maiores de 18 anos cun extenso catálogo de prendas, posturas e accesorios “picantes” para os usuarios que adquiran o denominado access pass.

 

ESPAÑA, O REINO DOS 'CREATORS'

Globalmente, o catálogo de produtos para customizar o avatar e as salas de chat ascende a tres millóns de ítems, a meirande parte deles creados polos propios usuarios. “España ten unha porcentaxe de creators por usuario activo máis alta que a doutros países e hai moita xente que pode gañar cartos do mundo real creando produtos virtuais para os usuarios de IMVU”, conta Clancy. Claro que, por cada un que gaña, hai moitos que gastan. A compañía non desvela o gasto medio por persoa, pero Clancy conta casos extraordinarios como o dun usuario que “o mes pasado gastou 5.000 dólares –case 3.700 euros– nun só día” mercando credits, a moeda oficial deste mundo virtual.

Silvia-Hysterisch é unha creator: “Decateime de que IMVU non é só chat, senón que podes desenvolver a túa creatividade e, para min que son ilustradora, eso é algo xenial. Os créditos que gañas cos teus produtos pódelos vender e gañar uns cartiños así que IMVU é chat e, ademais, negocio modesto”.

O novo reto da compañía é traducir o produto ao castelán xa que, como explica Clancy, “España é o terceiro mercado europeo despois do Reino Unido e Francia, e está entre os dez primeiros globalmente” para a compañía. A misión será asumible grazas ao crecemento da empresa, que en 2009 duplicou os seus ingresos, superando os trin ta millóns de dólares anuais, máis de 22 millóns de euros.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.