A undécima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra invita desde onte a todos os nenos, nenas e adultos que queiran gozar das cidades imaxinarias e tamén reais a través da literatura. O certame componse de varios espazos diferenciados. Na entrada, unha verdadeira sala de estar ambientada por alumnos de Belas Artes faille honra ao seu nome acollendo pequenos e maiores coa recreación dunha biblioteca aberta a todos os públicos. Nela pódese escoller lectura entre centos de libros e facer graffiti nunha das súas paredes. Un autobús que require viaxar coa imaxinación fai a ledicia dos rapaces.
O resto do espazo ocúpano tres acolledoras salas de contacontos decoradas tamén por artistas da mesma facultade, que chegaron incluso a traerlles a Lúa aos máis pequenos e metela nunha destas estancias para que os actores de Paspallás poidan narrar ante ela, coma nas noites máxicas, todo tipo de historias, lendas e contos onde as cidades son os verdadeiros protagonistas. Como a de Pochilo, un crocodilo ao que lle encanta bambolearse nos parques da cidade, pero que ten que facelo pola noite pois, como é moi tímido, teme encontrarse cos rapaces.
SALA DE EXPOSICIÓNS
Seguindo o percorrido do Salón, tamén se atopan unha sala de exposicións con multitude de traballos dos alumnos de centros escolares de Pontevedra e a súa bisbarra, onde as farolas pensan e lles contan contos aos peóns e os edificios están construídos con xanelas de bos desexos ou poesías que empapelan as súas paredes.
Outra mostra rende tributo ao autor homenaxeado este ano, Agustín Fernández Paz, cunha árbore na que as súas follas, espalladas polas paredes, contan a súa vida e obras. Xabier P. DoCampo tamén ten lugar destacado no salón cunha exposición que recolle as páxinas do seu libro Viaxes Imaxinarias, ilustrado por Xosé Cobas.
A visita pódese rematar na libraría, onde figuran exemplares de editoriais especializadas como Kalandraka, Xerais, Primeira Persoa ou A Nosa Terra, e autores como Xelucho Abella, Fran Alonso, Pepe Carreiro, X. H. Rivadulla, Anxo Moure, Xosé Ballesteros…
Todo iso nun evento “cheo de cariño, de sorpresas e de ledicia”, segundo destacou a concelleira de cultura, Lola Dopico, tras a interpretación musical e escénica de Cidades Imaxinarias coa que se inaugurou o salón, unha obra de teatro que propón diferentes espazos como un porto, unha praia, unha gran urbe ou un mercado e que aplica diferentes artes escénicas como a danza, o teatro, a videocreación ou incluso a improvisación libre para representar valores colectivos universais.
O espectáculo é resultado do traballo do curso de escolares con idades entre os seis e os trece anos, que foron tamén protagonistas e que participan no Laboratorio de Sons, da Aula Folque Infantil. A edil explicou que a edición deste ano ten como obxectivo “facer xurdir o agromo de amor polo libro no primeiro paso por entrar no mundo da literatura” neste caso, “abranguendo todas as cidades posibles, as imaxinadas, as dos soños e a nosa propia, porque son o marco escollido para achegarnos á literatura infantil este ano”.
NOVIDADES E PROGRAMACIÓN
O salón completase con exposicións, talleres de animación e lectura. Ademais a edición deste ano contén varias novidades como os eventos que se celebran na Biblioteca Pública, a Galería Sargadelos ou o Teatro Principal da cidade onde onte representouse a obra 'A Cidade Inventada', do colectivo Gorakada.
En horario vespertino celébranse as Tardes na Sala, con contacontos e outras expresións no recinto do certame, o Pazo da Cultura de Pontevedra. Na xornada de hoxe pódese gozar da obra teatral 'Rosalía, a pulga que escribía', do grupo Galitoon, en horario de mañá e tarde, como tamén de varias sesións de contacontos e do resto de exposicións do Salón.

