Concienciar e reivindicar son, para Virxinia Rodríguez, as dúas caras da moeda no ecoloxismo, unha bandeira que Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) entende como unha loita a prol do galego no sentido máis amplo. A presidenta da agrupación reclama un cambio do modelo ambiental do país. Teme que o PP perpetre unha involución alentado polo populismo.
O ex presidente Touriño preguntábase o outro día onde estaban os que protestaban tanto por temas coma a piscifactoría de Touriñán ou outras cuestións medioambientais. El consideraba que agora que se están facendo peor as cousas dende o punto de vista seu, igual se protestaba menos. Que balance fai vostede?
Non o comparto. Como Adega, nós somos igual de críticos co bipartito que co Goberno do PP, que por outra banda aínda está arrancando e non se sabe que vai pasar con determinados plans. Nós fomos críticos con determinadas actuacións do bipartito, igual que louvamos outras. No plano eólico, que foi moi controvertido, fixemos alegacións, pero tamén vimos valente que houbera participación pública. Nós entendemos que o diálogo é fundamental e estaremos apoiando o goberno cando poidamos poñernos de acordo. Cando non, para nós a ecoloxía vai por riba de todo. O noso labor é forzar a que se incorporen políticas ecolóxicas. Ao final da campaña electoral, fixemos unha declaración como Adega na que pediamos á cidadanía unha reflexión de voto pensando en como fora a época Fraga, na que se aprobaron moitísimos ataques ao medio ambiente. Posiblemente Touriño se estea referindo a Galicia non se vende e outros colectivos que saíron á rúa. Nós desvinculámonos nun determinado momento porque vimos que non era positivo crear unha confrontación.
Que perspectivas ve con eses plans que a Xunta ten pendentes de aprobar?
Pois co eólico, malas. Parece que os municipios poderán dar as licencias e iso é perigoso. Ademais non se vai precisar avaliación de impacto ambiental para os parques de menos de 50 muíños. No plan de residuos, pois outra negativa. No do bipartito aparecía unha predisposición a apostar pola compostaxe con taxas do 65%, mentres neste falamos do 20%, que é o mínimo que esixe a Unión Europea. Se facer valorización enerxética é Sogama... iso é outro retroceso. Despois, o Plan de Ordenación do Litoral (POL) aínda non o coñecemos; só temos unhas directrices e estaremos enriba. Entendemos que a moratoria dos 500 metros ten que estar vixente ata que non se aprobe o POL. Se non, vai ser unha carreira para construír a toda costa. A sorte que temos é que estamos nun momento de crise da construción e é o que nos pode salvar.
E cal vai ser a actitude de Adega con este Goberno autonómico?
A actitude de Adega cara a este Goberno vai ser de diálogo. Na época Fraga había unha confrontación total; non nos atendían para nada. Eu creo que na medida das posibilidades debemos traballar conxuntamente. Hai casos onde non o é. Touriñán vai ser a primeira loita. O proxecto da piscifactoría de Pescanova é alleo ao plan de acuicultura tanto do bipartito como o anterior. Este vai ser un ano quente e complicado porque van ter que saír moitos proxectos que estaban moi avanzados co bipartito pero que quedaron aí: o hidroeléctrico, o de residuos, o do Litoral... Preocúpanos que o conselleiro non estea polo labor de ampliar a Rede Natura. Creo que como só hai un escano de diferencia entre o Goberno e a oposición, as medidas que tomen van ser populistas para agarrar a maioría absoluta con máis holgura. E esas políticas populistas de non confrontación non son beneficiosas para o medio ambiente. Ampliar os espazos protexidos na Rede Natura é prioritario porque así, se se respecta a lei, evitaremos que determinados plans sectoriais fagan aberracións coma a do Xistral.
Aparte da preocupación polo medio ambiente, hai nos integrantes de Adega unha vocación política?
É evidente, aínda que non hai que confundir o político co partidista. Eu o ecoloxismo non o concibo sen unha acción política de transformación. Adoitamos ser xente comprometida a nivel social, coa lingua, coa cultura galega. Entendemos o ecoloxismo non só como algo proteccionista do medio natural senón que as persoas formamos parte da natureza e as relacións sociais están aí. Tamén nos declaramos antimilitaristas. Vemos que o medio ambiente está impregnando todo. Toda a xente que forma parte de Adega é política, que no hai que confundilo con ser partidista.
Non cre que os movementos sociais terían que ser máis pedagóxicos en vez de tecer pontes con algúns partidos?
Nós temos un ámbito da reivindicación, onde facemos continuamente denuncias e alegacións. Logo temos un ámbito moi forte da educación ambiental. O que nos interesa é crear unha rede social, de xente con capacidade crítica e de decisión. O problema é que os partidos políticos teñen medo a iso, a que a xente en canto é crítica consiga analizar a realidade e se volva contra ti. E moitas veces os movementos sociais nos cansamos de ser utilizados polos partidos políticos.
A análise da política lingüística ou da cultural e a instrumentalización da ciencia é facer ecoloxismo?
Nós defendemos a lingua e a cultura galegas como parte do ecoloxismo. O galego é o noso medio e como tal, protexémolo. Adega ten unha vinculación coa cultura fundamental. O noso medio non é só natural, case todo o territorio está poboado. Logo, os científicos son fundamentais. Xunto cos ecoloxistas, son nos os profesionais nos que máis cre a xente. Máis que nos políticos e nos xornalistas, como transmisores da verdade. Pero tamén podemos ser transmisores dunha verdade a medias. Moitas veces os científicos véndense a quen lles paga a investigación. E hai moitos.
Poden propoñerse políticas ambientalistas sen poñer en dúbida o modelo económico vixente?
Eu creo que non. Este modelo depredador de recursos é incompatible co ecoloxismo. A natureza e a terra hannos responder.
Non sería posible que esa protección do medio fose tamén algo rendible, tendo en conta os valores ambientais de Galicia? É unha oportunidade de desenvolvemento?
Obviamente Galicia ten valores naturais pero se empregamos modelos marbellizadores, os valores naturais da costa ou ese turismo non depredador... iriamos por mal camiño. É unha oportunidade. Asturias por exemplo ten un modelo completamente diferente e vive de parques naturais e nacionais. Nós temos o Parque Nacional das Illas Atlánticas que se basea na praia máis bonita do mundo. Bueno, pois resulta que é un parque natural e ten outros valores. Non poden vir dez mil campistas ás Cíes e poñer paseos para que chegue todo o mundo. Non. Un parque nacional tense que dirixir a esa xente que ten esa sensibilidade de coñecelo, non á que vén tomar o sol. Para iso que se queden en Vigo e en Cangas.
O Plan Reitor de Usos e Xestión en trámites logrará ese cambio no parque?
Ese plan director vén con moitísimo atraso e non ten un orzamento claro. Cremos que agora no parque se están a facer máis infraestruturas que conservación porque se promove un turismo de praia. O plan reducirá zonas de cámping, pero iso non é todo. Non podes asfaltar os camiños nun parque natural. Queiman os residuos na parte escura da illa e o voluntariado ambiental que hai adícase a recoller as cabichas do chan. Fai outros plans, fai compostaxe caseira... É o único parque nacional que temos.
Por que en Asturias funciona e aquí temos esta tremenda desfeita?
Requeriría un estudo social, pero eu creo que é porque levamos anos padecendo o “ti vai facendo, todo vale”. Ese xeito de non ter lexislación, das redes de clientelismo, o deixarche facer unha construción aí e non pasa nada... todo iso fai que nos deixemos levar e acabemos sendo moi cómodos. Aquí matamos por unha leira, pero logo témola a monte. Tamén inflúe como fomos tratados ao longo dos séculos, por ser un país marxinado e colonizado, o cal leva a actitudes de desconfianza.
Tendo en conta a cantidade de centrais e minicentrais que temos e seu impacto, ata que punto a hidroeléctrica é unha enerxía renovable?
Home, por definición é renovable. Obviamente aquí en Galicia xa non podemos soportar máis enerxía hidráulica. Temos preto de 400 e os ríos están colapsados. Presentamos unha ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) e aprobouse unha lei de mellora e conservación dos ríos galegos. O paradoxo é que o PP tamén a apoiou e houbo unha moratoria. Obviamente, outros seguiron construíndo, pero diminuíu moitísimo a produción. Hai que recordar que o actual conselleiro de Medio Ambiente era o responsable de Augas de Galicia no momento complicado das minicentrais e iso nos leva a ter cautela. Nós entendemos que non todo vale aínda que sexa enerxía renovable, o mesmo que coa eólica. Na cunca do Miño-Sil hai 14 máis, aínda que dúas xa foron abaixo. Algúns casos son escandalosos. En Santa Cristina, o que vai facer Iberdrola é bombear auga pola noite porque é moito máis barato, súbea e logo polo día como se considera que é enerxía renovable vaina soltar, co cal a compra a 40 euros e a vende a 90. O balance económico é chapó, pero e o enerxético? Son pequenos trucos e deberían caerlles a cara de vergoña se finalmente aproban este proxecto nos canóns do Sil.
Como acolledes a chegada do PP á Xunta de cara a que poida haber máis centrais ou minicentrais?
O feito de que haxa aprobada unha lei de protección e mellora dos ríos de Galicia vai facer que non sexa tan fácil. Pero as declaracións da Xunta non desbotan para nada a construción de máis minicentrais e iso si que nos dá medo. Falan da cunca do Eo, do Ulla, do Umia... temos que a ver como se desenvolve o Plan Hidroeléctrico. Nós entendemos que en Galicia non se poden construír máis.
Serían partidarios de destruír algunha desas centrais?
Si. É unha cuestión que xa temos formulada. A nivel paisaxístico, a do Xallas, que era unha fervenza que vertía directamente ao mar, das poucas que había en Europa. Tamén a do Umia, que se creou ás présas cunha declaración de impacto ambiental copiada de Estremadura na que mesmo aparecían toponimias estremeñas. Esta xa ten un problema de toxicidade porque non se tallou a vexetación, anegouse todo e agora ponse verde fosforescente. Entendemos que hai que desmantelalas. Esas dúas, como paradigma.
Non son máis graves os vertidos ás rías que o fin da moratoria de construír nos 500 metros neste momento de crise?
Eu creo que non, porque os vertidos son algo reversible e o cemento non é tan reversible. Se urbanizamos o litoral é moi difícil volver atrás. E co tema da crise... con cautela, eu ata que non pase a moratoria e vexa que non se constrúe non o teño seguro. Nós cremos que habería que mantela e se non van construír, pois con máis razón. Os vertidos degradan as zonas, pero pode ser reversible. Ence sairá da ría de Pontevedra.
Como convencedes a cidadanía que o ecoloxismo ten cabida dentro dunha situación dramática onde as prioridades son outras e onde hai un sector empresarial que tamén aproveita esta situación para chantaxear os gobernos cos seus intereses económicos?
É un escenario complicado. Hai que cambiar o modelo económico para alcanzar melloras ecolóxicas. Hai quen pensa que a ecoloxía pode ser unha solución á crise, pero eu admito que é un momento complicado. A sociedade sabe que este camiño non é o correcto, pero somos cómodos. É duro, pero teremos que reducir o noso benestar. É unha actitude persoal.

