O voceiro municipal do PP en Pontevedra, Telmo Martín, foi recibido o venres polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no seu despacho de San Caetano para abordar asuntos clave para o futuro municipal de Pontevedra. Este trato, case de “alcalde na sombra”, vén sendo habitual entre os voceiros populares das grandes cidades. Feijóo dálle así aos seus compañeiros de partido un poder de interlocución que non alcanzaron nas urnas e que reforza a súa imaxe de cara ás próximas eleccións municipais de 2011.
Na cidade do Lérez, o xefe da oposición, Telmo Martín, leva intentando xestionar un Goberno paralelo ao bipartito municipal BNG-PSOE desde que Feijóo resultara elixido presidente galego o 1 de marzo. Aquel mesmo día, Martín comprometíase co recente electo presidente a crear un novo hospital na capital pontevedresa en vez de continuar coa ampliación do Montecelo aprobada polo bipartito. O Concello e colectivos sociais rexeitan este proxecto por paralizar o plan anterior, por “privado” e por “despilfarrarrador”.
A esta actuación da súa “alcaldía na sombra” séguenlle outras como a súa suposta mediación –a “única posibilidade de conseguilo” explicou– co conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, para liberar o solo necesario ante a posible concesión dun novo xulgado do Social e outro do Penal para a cidade, pois a Xunta rexeita obter o espazo por vía supramunicipal. A tenente de alcalde, Teresa Casal, negou que a concesión sexa froito das xestións de Martín. “Esta decisión non é nova, xa é coñecida e depende da comisión mixta, do TSXG e a Xunta”, dixo.
Outro proxecto estrela do concelleiro popular é unha estación intermodal que soterre xuntas as de bus e tren de Pontevedra e o venres mesmo presentou en Santiago a Nuñez Feijóo. Tanto o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, como o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, xa rexeitaron no seu día esta idea por “ocorrencia” e por “pouco seria” xa que “non ten en conta o río Gafos” que “desaparece da noite á mañá”.
CONDE ROA NEGOCIA O XACOBEO
Gerardo Conde-Roa é outro dos voceiros municipais das grandes cidades que foi recibido por algún membro do Goberno galego coma se dun rexedor se tratase. O pasado 21 de xaneiro, en pleno debate sobre a visibilidade de Santiago na campaña publicitaria da Xunta sobre o Xacobeo, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, recibiuno para tratar o tema. Adiantouse ao propio alcalde, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, que non se reuniría formalmente co conselleiro ata case dúas semanas despois. E segundo a visión de Conde Roa, esa segunda reunión non facía falta por terse encargado el mesmo, voceiro da oposición, de solucionar o problema co conselleiro, o que suscitou un notable malestar na alcaldía.
Tamén o protagonismo de Carlos Negreira na Coruña medrou parello á chegada dos seus a San Caetano. O voceiro popular é o previsible candidato á alcaldía. O mes pasado foi el –e non o alcalde socialista Javier Losada nin o seu socio de goberno, o nacionalista Henrique Tello– quen acompañou o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Fernández, a unha visita privada para coñecer o estado das obras da terceira ronda de circunvalación.
Pouco despois, nun acto cos medios de comunicación, Negreira anunciou oficialmente que a Xunta incrementaría en máis de tres millóns o presuposto para derrubar situadas no trazado desta estrada. É un exemplo máis do fluxo privilexiado da información entre a Xunta e os candidatos populares e da contribución desta ao protagonismo dos edís do PP relegados á oposición.
PP LugUÉS UBICA CENTROS DE SALUD
Tamén en Lugo o voceiro municipal do PP e deputado autonómico Jaime Castiñeira tivo un mellor trato por parte da Consellería de Sanidade que o propio alcalde, o socialista Orozco. O pasado 19 de xaneiro a conselleira, Pilar Farjas, acudiu a Lugo para negociar con todos os grupos municipais e diversos colectivos o nome do novo hospital da cidade. Non obstante, rematada esa reunión Farjas e Castiñeira mantiveron outro encontro a soas no que o voceiro do PP analizou coa conselleira a posible situación dun novo centro de saúde, cuestión que debería ser decidida polo goberno local, que é o que ten capacidade de ceder os terreos necesarios.
Visto o éxito que están a ter os seus homólogos, tamén o voceiro do PP en Ferrol, José Ramón Rey Varela, pediu reunións co propio Feijóo e coa conselleira Farjas para tratar de desbloquear cuestións que, ao seu xuízo, o seu goberno local non é capaz de sacar adiante co executivo galego.
EN VIGO O APOIO É A DEPUTACIÓN
En Vigo a situación é ben distinta. O voceiro municipal, Chema Figueroa, non semella que vaia ser o candidato nas próximas eleccións, polo que optou por un perfil baixo con respecto ás súas relacións coa Xunta. Pola contra, Figueroa aproveita a súa vicepresidencia da Deputación para entregar, día si, día tamén subvencións a todo tipo de entidades sociais da cidade coa súa correspondente foto de por medio.
Mentres a Xunta dispensa estes tratos de favor aos voceiros municipais do PP das grandes cidades, en toda Galicia decenas de alcaldes, algúns tamén populares, fan cola para que un ou outro conselleiro escoite os seus problemas.
