O Ministerio de Economía e Facenda reuniuse coas comunidades autónomas hai dúas semanas para transmitirlles os criterios sobre os que, na súa opinión, debería regularse o xogo online no Estado. Moitas autonomías amosaron o seu malestar porque esperaban que lles entregaran o borrador de anteproxecto da Lei do Xogo Público, que leva anos de atraso. Desde o Goberno central din que estará listo para presentalo neste semestre, coincidindo coa presidencia española da Unión Europea. Varias comunidades, entre elas Galicia, reclaman recibir impostos polo xogo online no seu territorio, ao contrario que sucede coas Loterías e Apostas do Estado (LAE).
A ausencia de leis que regulen o xogo por internet en España permite que compañías que tributan en paraísos fiscais fagan negocio coas apostas sen ningún tipo de restrición, á vez que supoñen unha competencia desleal para as empresas de xogo en terra. En Galicia, os casinos pagan en impostos á Xunta ata o 60% das súas ganancias. Mentres, as empresas online facturaron 14,5 millóns en 2008, sen deixar nada nas arcas públicas, e seguen en auxe.
Desde a Xunta aseguran que reclamarán beneficios, pero aínda debe debaterse o modelo para que isto sexa posible, xa que habería que regular o xogo de tal xeito que se soubese, a través da identificación dos ordenadores ou dos ingresos bancarios, os cartos que produce.
“As comunidades autónomas terían unha participación dos ingresos derivados desa nova regulación do xogo”, asegura o director xeral de LAE, Gonzalo Fernández, sobre o novo imposto. Deste xeito cumpriríase o disposto na Ley de Medidas de Impulso de la Sociedad de la Información de 2007.
Neste primeiro documento está previsto que se autorice tamén a existencia de empresas privadas legais españolas, que poidan competir en internet cos xogos públicos que xestiona LAE, pero coa condición de que cumpran unha serie de criterios e co establecemento de sancións para os infractores. Agora, as empresas alegais que funcionan no Estado teñen a súa sede fiscal noutros países e non tributan en España.
A nova lei deberá establecer tamén se as comunidades recadarían directamente os impostos ou se faría a través do Estado. Desde LAE xa adiantan que só poderán optar a este mercado empresas “serias e solventes económica e tecnicamente”. Ademais, tratarán de regular algunhas eivas actuais, como a falta de supervisión para que non xoguen menores de idade ou persoas que teñen prohibido o xogo voluntariamente ou por orde médica ou xudicial, como xa se fai no caso dos casinos ou bingos tradicionais.

