Foi sen dúbida o peor jet lag da súa vida de diplomático. A súa peor semana como conselleiro de Cultura. Once escritores, todos con algún Premio Nacional de Literatura, pediron a súa dimisión a semana pasada. Estaban molestos con dous adxectivos que Roberto Varela (O Salnés, 1959) cre que foron sacados de contexto. Dixo que a cultura galega estaba “acomplexada” e “ensimesmada” e todo empezou a xirar. Aos laureados sumáronselles outros autores con menos nome pero igual indignación. Logo, os dous partidos da oposición. E logo os editores, tamén ofendidos. O ex cónsul nunca imaxinara que un almorzo informativo no Fórum Europa dese para tanto. Tampouco que ao mesmo tempo se lle fose abrir unha liorta institucional co Concello de Santiago polo papel da capital na promoción do Xacobeo, nin que estando en Fitur, publicitando precisamente o Camiño de Santiago xunto co presidente da Xunta, se ía propagar como un virus o rumor de que quería dimitir antes de cumprir un ano no cargo. E moito menos que a operación Retablo, unha investigación xudicial sobre unha posíbel trama de corrupción con ramificacións no seu departamento, fose aparecer de súpeto no seu vocabulario diario. Sobre a mesa do seu despacho en San Caetano hai unha carta manuscrita. É de Suso de Toro, un dos escritores revoltados. Soa música. “Teño unha semana moi Neil Young”, confesa. “Non sei por que”.
Que pensou cando leu a carta dos once Premios Nacionais de Literatura galegos?
Levei unha sorpresa, e tamén un certo disgusto. Penso que se cometeu unha inxustiza. O primeiro que fixen foi ver o DVD da miña intervención, buscando algo que puidese ferir algunha sensibilidade, e a verdade, digo a verdade, non o encontrei. Estaba falando da presenza da cultura galega no exterior e de aí xurdiu a pregunta: “Cre vostede que a cultura galega está ensimesmada?”.
Unha pregunta trampa?
A min as preguntas nunca me parecen unha trampa. Se tivese esa sensación, esquivaríaa dalgunha maneira. Eu dixen que si, que ás veces me parece que está ensimesmada e acomplexada, pero para dicir logo que temos que romper con ese tópico. Está gravado, e non o dixen nun discurso escrito e pensado, senón nunha conversa. Nun coloquio ás veces as palabras xorden un pouco sen pensar. Falaba de saír ao exterior sen medo, coa cabeza alta. Falaba de xogar en Primeira División. Reto a calquera persoa a que atope algunha frase negativa sobre a produción, a creación e o talento que hai en Galicia. Todo o contrario. O meu discurso é: temos talento, vendámolo mellor; temos talento, saquémolo fóra. O que si digo, e insisto, é que a miña política pretende unha maior proxección, e cando digo fóra non me refiro só ao estranxeiro. Tamén me refiro a Galicia, a darnos unha maior seguridade, a que nos sintamos máis orgullosos do que temos. Non obstante, eu dou a cara. Considérome unha persoa valente. Non parei a miña actividade, seguín traballando, contestei persoalmente a carta dos escritores, explicándolles cal é a miña posición e convidándoos a dialogar. Xa sei que é un recurso moi fácil, pero creo que as miñas palabras foron sacadas de contexto. Non son o primeiro que di algo así. Non é unha idea nova. Moitos dos que asinaron esa carta escribiron sobre o complexo de inferioridade dos galegos. Queren buscar a miña debilidade pero non, eu son cen por cen galego, e se non o sentise non estaría aquí agora. O galego é o meu idioma natal, tiven que aprender o castelán máis tarde. Dóeme que non se me considere galeguista. Vivín no estranxeiro bastante tempo, pero hai centos de miles de galegos que tamén viviron fóra e non por iso se dubida da súa galeguidade. A galeguidade non é propiedade de ninguén. Un é galego porque quere ser galego.
Que lle doe máis, que pidan a súa dimisión once escritores ou que o faga a oposición?
Que a oposición pida a miña dimisión entra dentro do xogo político. Se por eles fose, nós non estaríamos no Goberno. O que máis me doe é que se poña en dúbida a miña entrega a este país e a miña galeguidade. Insisto: é dificilmente comprensíbel que eu estea aquí por outro motivo que non sexa crer no que estou facendo. Teño unha carreira. A xente debería entendelo. Se fago este esforzo persoal tan grande é porque creo no que fago.
Non foi a mala fe, pero foi imprudente?
Quizais si, pero a imprudencia non é miña senón de quen saca eses adxectivos de contexto. Quen non falou de complexo de inferioridade nalgún momento ao falar de Galicia? O problema das palabras é como se utilizan.
E quen as utiliza.
E quen as utiliza tamén, si. En diante vou ter máis coidado á hora de falar. Foi inxusto, pero algunha lección aprendín. Efectivamente non foi unha boa semana, pero non parei. Seguín traballando. Hai que estar ás duras e ás maduras. Non me acovardo. Non teño ningunha intención de crear ningún tipo de enfrontamento, e menos con xente tan importante. Despois hai cousas que entendo menos, porque a min a mestura de escritores que aí hai paréceme un pouco estraña, pero en fin, estou disposto a falar con eles e explicarme. Xa o fixen, de feito.
Os editores tamén se molestaron, non tanto pola cuestión semántica como porque o dato de que é a Xunta quen compra a maioría dos libros que publican é, ao seu ver, falso.
A palabra subvención é perigosa, pode ser mal interpretada. A cultura galega está tan subvencionada coma calquera outra, niso non somos nin máis nin menos. Quizais o que lles molestou aos editores foi o de que se producen demasiados libros. Eu non dixen tal cousa. Digo que hai unha contradición entre o que se publica e os índices de consumo e de lectura, que son baixos. Oxalá se vendesen libros como churros. Quen pode dicir que non a iso? Non sei por que os editores se sumaron a esta campaña, a esta carta, pero nós temos unha excelente relación con eles. Estamos no mesmo carro, pero eu teño a responsabilidade de adoptar unha política. Non podo facer o que todo o mundo me di que teño que facer. Dende o diálogo, pero teño esa responsabilidade. O que quero que quede clarísimo é que non considero pexorativamente a cultura galega. É un sambenito que me queren colgar, pero é falso. O nivel de calidade da cultura galega é moi alto. A miña vantaxe comparativa con relación ao resto é que eu teño clara a visión que hai de Galicia no exterior porque a vivín durante vinte anos, e é mellorábel.
Sentiuse incómodo en Rianxo esta semana, na homenaxe a Castelao?
En Rianxo pasoume unha cousa excepcional, e bastante bonita. Fun alí a presentar a catalogación da obra de Castelao, pero non sabía que a seguir había unha ofrenda floral. Puxéronme unhas flores que eu lle tiña que entregar ao busto de Castelao e emocioneime. Non sabía que tiña que dicir unhas palabras, xa non había medios nin nada, e dixen o que me saíu do corazón: que aquel era o momento e o lugar para afirmar o meu compromiso irrenunciábel coa cultura galega. Non había case ninguén, pero a min pareceume que era o momento, moi simbólico, bonito, cunhas raiolas de sol alí ao fondo da ría, empezaba a chover... Saíume da alma e díxeno. O alcalde tamén quedou un pouco impresionado. Non foi gravado, pero había testemuñas. Foi importante para reconfortarme eu mesmo.
Está a pagar os pratos que rompe o conselleiro de Educación?
Non creo que o conselleiro de Educación estea a romper ningún prato. É certo que se xuntan moitas cousas. Sei que hai unha resistencia cara ao decreto, unha resistencia preventiva, porque o decreto aínda non existe, pero a min non me queda máis remedio que crer nas miñas ideas. Estou absolutamente convencido de que, unha vez feitos os matices que se teñan que facer, o decreto é a mellor saída. Garante o uso do galego, garante o uso do castelán como idioma oficial e abre a perspectiva dunha terceira lingua que é o inglés.
O do Consello da Cultura é o enésimo ditame contrario ao decreto. Súmase aos da Real Academia Galega, as universidades, os sindicatos, os equipos de normalización lingüística... Non son demasiados para estar equivocados?
O decreto naceu con esa vocación, está a opinar todo o mundo, e iso é o importante. A miña posición é moi clara: penso que o decreto é a única saída para deixar ese problema resolto. Calquera outra pasaría por ter un conflito, tanto dun lado como do outro.
Reconciliouse co Concello de Santiago tras a liorta polo que eles entenden un escaso protagonismo da cidade na promoción do Xacobeo?
Sempre tiven boas relacións co Concello de Santiago. O que pasou foi unha cousa de traballo, non foi un ataque persoal, foi simplemente unha diverxencia de opinións. Nós quixemos facer unha campaña de promoción de Galicia, porque entendemos que o Xacobeo é de toda Galicia, e eles manifestaron a súa preocupación. Falámolo, chegamos a un acordo e imos introducir máis a palabra “Santiago” e o concepto do Camiño dentro da campaña. Así é como se teñen que solucionar as cousas.
Sánchez Bugallo di que lle ten aprezo persoal, pero repróchalle que lle fixese caso á “decisión política” de marxinar Santiago na campaña. Decisión que se tomou, dixo neste diario, “noutros ámbitos da Xunta”.
Que afirmación máis misteriosa, non sei a que se refire. Claro que me deixo influír, pero tamén por Sánchez Bugallo.
Puido sentar mal que lle dixese ao voceiro do PP en Santiago, Gerardo Conde Roa, e en público, “Gerardo, ya hablaremos”? Referíase precisamente a ese conflito co Concello.
Tamén dixen iso na Coruña? Iso xa é sacarlle punta a todo. Eu chámolle Pepe ao alcalde de Santiago, e a min tamén me chaman Roberto ás veces. Non saquemos as cousas de contexto. Era un coloquio, non era nada institucional. Nun discurso non podo dicir certas cousas que si podo dicir nun coloquio. Pero tomo nota. Aprendín, teño que recoñecelo.
O que si sentou mal foi o protagonismo de Gerardo Conde Roa en Fitur, onde se promocionaba o Xacobeo, non si?
Estiven só unha vez con el, media hora. O protagonismo tíveno eu, que estiven alí metido catro días e de súpeto aparece o da miña dimisión. Aí quen meteu a zoca foi o de PSdeG, entrándolle a saco a un libelo de internet.
Non é certo, daquela, que lle presentou a súa dimisión ao presidente da Xunta en Madrid?
Como vai ser certo? Non é certo, e moitísimo menos que eu tivese un enfrontamento verbal co presidente, por favor! Mentira total. Sería absurdo. Iso saíu nun confidencial, e os xornalistas, con moi bo tino, preguntaron e non o publicaron. E logo vai o PSdeG e envía un comunicado pedíndolle explicacións ao presidente. Eles si que meteron a zoca. O PSdeG columpiouse, e como se columpiou, ao día seguinte xa tiña que pedir a miña dimisión, pero pola miña pésima xestión.
Non houbo nin sequera algún síntoma de cansazo, algo que puidese ser interpretado como un sinal de que quere deixar o cargo?
Cansazo teño polas noites, pero físico. Non é verdade en absoluto e desmíntoo unha e outra vez. Ademais, non sería nobre deixar o barco agora, non sería valente, sería unha covardía. Non podo. Salvo que mo pida o presidente non podo deixar isto. Cre que podo chegar aquí, estar sete meses e marchar? Cre que me atrevería a volver a Galicia? Non, necesitaría ter unha razón que non existe. Non existe. Se lle chaman cansazo a estar todo o día alí en Fitur promocionando a Ribeira Sacra, o Salnés, Cambados, o Entroido, e a levantarse ao día seguinte coa mesma ilusión... Toda esa historia foi unha trola, como hai outras por aí. Pero isto que é? Unha campaña? Supoño que forma parte da vida dun político, pero para min é novo. Estou perdendo a inocencia. Non esperaba esas puñaladas, eses anónimos, os confidenciais de internet...
Con todo, a trola puxo nerviosa a moita xente no Goberno e no partido.
Non, non. Eu falei co presidente e deume todo o seu respaldo e o do partido. Eu creo que non se puxo nervioso ninguén. Recibín palabras de ánimo de moita xente porque efectivamente estaba saíndo moito na prensa, pero non quixen facer disto unha polémica. Non quero dividir. Gústame sumar, non dividir.
O balance destes case dez meses é positivo?
En xeral, si, é positivo. Logramos construír un Xacobeo 2010 practicamente dende cero e nun tempo récord. Puxemos a funcionar o CGAC, cambiamos o director cun sistema novo, de concurso público, e imos facer o mesmo co Centro Dramático. Puxemos a funcionar o Ano do Libro e a Lectura, a Cidade da Cultura... Creo que se traballou moito, ás veces en circunstancias non moi favorábeis e baixo moitísima presión.
E os grandes concertos do Xacobeo?
A que se lle chama “grandes concertos”? O Sónar Galicia, que dura tres días, non é un gran concerto? O MTV Day non é un gran concerto? Que faltan? Dous nomes? Si, haberaos. No Xacobeo 2005, cando se anunciou a programación? Máis tarde. Imos retrasados? Si, claro, porque empezamos tarde, pero é que isto había que empezar a organizalo catro anos antes. É moi complicado, temos que buscar os patrocinios, facer a programación, temas de restauración, rehabilitación dos camiños, etc. Non imos máis demorados que hai cinco anos. Daquela presentouse a programación con nomes sen pechar en febreiro, coa vantaxe de que se contaba con moitísimo máis orzamento. Vai haber un par de nomes importantes. Que faltan os Rolling Stones de cada Xacobeo? Si, pero haberá algo parecido.
Por se fose pouca a polémica, Xornal de Galicia publicou a semana pasada que na operación Retablo se está a investigar unha presunta trama de corrupción na que estaría implicada a Consellaría de Cultura. Ten que ver coa protección de bens eclesiásticos.
Eu estiven vendo o sumario, e de verdade que é unha desgraza. Que podo dicir? Na miña consellería iso non pode ocorrer, nin vai ocorrer. E se acontece algo parecido, tomarei medidas fulminantemente. O primeiro que fixen coas persoas involucradas foi apartalas dos procesos de contratación mentres non haxa unha sentenza. Quédame a tranquilidade de que todas as actividades presuntamente ilícitas acabaron en 2009, pero non vou tolerar nada deste estilo. Creo que é un caso illado.
Aceptou finalmente Isaac Díaz Pardo que o seu legado se incorpore á Cidade da Cultura?
Amosouse entusiasmado, pero aínda estamos traballando. Dende logo, o legado de Díaz Pardo vaino ver máis xente no Gaiás que onde estivo até agora. Forma parte intrínseca da historia contemporánea de Galicia e non podemos deixar pasar a ocasión. De feito, o que queremos facer coa Cidade da Cultura é iso: convertela na quintaesencia da nosa cultura e do noso patrimonio.
Vén de ser sobresida a causa por posíbeis irregularidades no Gaiás. Respirou aliviado?
Si, un problema menos, pero non ten nada que ver con nós. Eu non podo facerme responsábel do que se fixo hai catro ou cinco anos. O meu compromiso é agora. Iso si que é unha verdadeira obsesión para min. Podo equivocarme, pero quero ter unha xestión limpa, e estou tendo dificultades. Quero nomear un director do CGAC por concurso público e parece que estou cometendo un crime. A oposición utiliza todo na miña contra.

