A Fundación Caixa Galicia acaba de anunciar os contidos que ocuparán o Colón Caixa Galicia na Coruña durante os próximos meses de marzo e abril, unha programación multidisciplinar en téñena cabida a música, o teatro, a danza, o humor e unha extensa e variada oferta cultural para os máis pequenos.
A programación comezará o día 4 e 5 de marzo coa representación da obra de teatro Fedra, unha versión de Juan Mayorga, interpretada por Ana Belén e dirixida por José Carlos Praza. Nesta versión do clásico de Eurípides preséntase a unha Fedra que conta a historia dunhas normas morais que se desmoronan cando a forza da paixón carnal, a obsesión e a enerxía polo desexo aparecen.
A oferta teatral continuará en abril con dúas pezas de teatro galego. O día 8 de abril a compañía Lagarta, Lagarta escenificará no Colón Caixa Galicia a obra O segredo dos Hoffman, unha adaptación de Roberto Salgueira baseada na novela de Alejandro Palomas.
O 22 de abril Teatro do Morcego representará a obra de teatro KVETCH, unha comedia americana sobre a ansiedade. Segundo a información facilitada pola compañía, "trátase dunha obra dedicada a todos os que teñen medo. Un espectáculo xubiloso, devastador e feroz".
O humor tamén ocupa un lugar destacado na programación do Colón Caixa Galicia e os días 12 e 13 de marzo o coruñés Luís Piedrahita presentará o seu novo espectáculo de monólogos, ¿Por qué los mayores construyen los columpios siempre encima de un charco? Neste novo espectáculo Piedrahita conta a historia dunha viaxe, a vida, fixándose en todos eses pequenos detalles aos que ninguén presta atención. Desde as rodas das maletas até os adhesivos das mandarinas, as cousas máis pequenas transfórmanse nas protagonistas dos monólogos.
É posible que o teu navegador non permita visualizar esta imaxe. A danza chegará ao escenario coruñés o 17 de marzo co espectáculo Los cosacos del Don, unha montaxe de danza rusa interpretado polo coro folclórico máis vello de Rusia. Doutra banda, o día 16 de abril o Colón Caixa Galicia acollerá a posta en escena Magic of the dance, un espectáculo baseado na danza tradicional irlandesa.
Concertos
Xa no apartado musical, o día 26 de marzo, o Colón Caixa Galicia acollerá o concerto de Quique González, que por segunda vez encherá o teatro coruñés xa que as entradas están esgotadas desde hai varias semanas. O músico madrileño presentará o seu novo traballo discográfico, Daiquiri Blues.
O día 9 de abril o grupo Marlango ofrecerá un concerto no que interpretarán as cancións do seu novo disco, Life in the treehouse. Trátase dun disco de melodías tenues no que colaboraron artistas como Ben e Leo Sidran, Suso Saiz, Jorge Drexler ou Rufus Wainwright, entre outros.
Os días 23 e 24 de abril, Raphael volverá ao Colón Caixa Galicia cun espectáculo íntimo co que celebrará os seus 50 anos sobre os escenarios. Durante o concerto, o artista interpretará os grandes éxitos da súa exitosa traxectoria profesional.
A programación musical complétase co concerto da Orquestra Gaos (20 de abril) e o espectáculo da big band Pasadena Roof Orchestra (30 de abril) no que tocarán temas tan coñecidos como Just a gigolo, Begin the begin, Singing in the rain, entre moitos outros.
Como vén sendo habitual, o público infantil tamén terá unha programación especial dedicada para eles. Así, o 28 marzo e o 11 de abril, representaranse dúas novas pezas do ciclo de teatro infantil, Alicia e Hansel&Gretel. Ademais, Fofito e Mónica Aragón presentarán, o 25 de abril, o seu espectáculo Sonrisas, un show que durante hora e media fará as delicias de todos os espectadores e no que participarán activamente todos os presentes xa sexan maiores ou nenos.
A oferta cultural do Colón Caixa Galicia para os meses de marzo e abril complétase cun concerto do ciclo Xacobeo Raices que levará ao escenario coruñés a música do grupo Fuxan vos ventos (6 de marzo) e co recial de Elina Garança (25 de marzo) dentro da programación do Xacobeo Classics.
