O novo presidente da Real Academia Galega (RAG), o ourensán José Luis Méndez Ferrín, reivindicou este luns o respaldo financeiro ás contas da Academia a través da súa inclusión nos presupostos da Xunta de Galicia e tamén nos Orzamentos Xerais do Estado, xa que "ten dereito a iso e así debera ser", como xa afirmara a pasada fin de semana nun dos Cafés de Redacción de Xornal de Galicia.
Tras un recepción oficial que tivo lugar na Deputación de Ourense, Ferrín equiparou o caso da RAG co da Academia Vasca, que se atopa "economicamente avalada polo Goberno de Euskadi, a Deputación Foral de Navarra, as catro Deputacións e o Ministerio de Cultura da República Francesa".
A preguntas dos xornalistas sobre a situación económica da Real Academia e tras o ofrecemento por parte de José Luis Baltar de asinar algún tipo de convenio de tipo económico nun futuro para "avalar o seu labor", Méndez Ferrín afirmou que o "ideal" sería lograr "unha dotación económica máxima", xa que os seus responsables calculan que precisarían de ao redor de " 1,2 millóns de euros anuais".
Nesta liña, o presidente da Real Academia Galega sinalou que na actualidade teñen que realizar "tarefas permanentes", como a nova edición do seu dicionario, "que é unha tarefa inacabable"; así como "as terminoloxías, continuar coa toponimia e na onomástica persoal".
SUBVENCIÓNS
José Luis Méndez Ferrín recordou que a RAG non dispón de fondos propios e polo tanto está obrigada a "pedir subvencións finalistas", polo que reiterou o seu desexo de que sexa incluída nos presupostos da Xunta. Nesta orde de cousas, manifestou que lles vén "moi ben" o "respaldo económico histórico das Deputacións", aínda que o considerou "insuficiente" porque estes organismos "tampouco están para iso".
Méndez Ferrín recordou que na actualidade a Academia galega conta cun total de "28 persoas en nómina" e indicou que ante "os previsibles recortes de subvencións" a institución está "moi apurada", polo que estiman que serían necesarios 1,2 millóns de euros "para sobrevivir".
Pola súa parte, o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Luis Baltar, mostrou momentos antes da devandita intervención o "compromiso moral e económico" da institución ourensana coa RAG para que "non pase estreitezas". Neste sentido, Baltar Pumar ofreceu "dende agora" a posibilidade de asinar un convenio coa Real Academia que les "permita axudar" á institución "en todo o que necesite".
PREMIO NÓBEL
Noutra orde de cousas, Baltar Pumar mostrou a súa disposición a "apoiar" calquera proposta ou reivindicación para que o presidente da Real Academia Galega sexa candidato ao Premio Nóbel de Literatura. De feito, afirmou que nalgunha ocasión a Deputación xa se manifestou a "favor desa petición e por unanimidade de todos os grupos políticos" e aclarou que volverán "tomar o acordo cando volva haber algunha proposta".
Esta iniciativa sumaríase así á que por sexto ano consecutivo partiu da Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Pen Clube de Galicia para propoñer a José Luis Méndez Ferrín como candidato a Premio Nóbel de Literatura. Consecuentemente, o presidente da Deputación de Ourense recordou que non hai ningún ourensano que fora Premio Nóbel. "Temos dereito a iso e cremos que o merece", explicou.
