O Festival de Cinema de Ourense conmemorará este ano o seu décimo quinto aniversario cun conxunto de actividades coas que pretende “reflexionar” sobre a súa década e media de existencia e onde destaca unha retrospectiva e exposición na que se reflicte o “percorrido” do certame dende a súa primeira edición.
Así, o Festival de Cinema Internacional desenvolverase na capital entre o 1 e o 9 de outubro deste ano, cun cartel que recolle a imaxe de Marilyn Monroe, o número quince e o Aniversario Feliz, emulando o momento en que a actriz felicitaba a Kennedy cunha canción.
Baixo o lema Celebrando os 15 anos do Festival de Ourense, a edil de Cultura do Concello, Isabel Pérez, asegurou que é necesaria unha reflexión sincera sobre “o que foi, o que é e o que debe ser o certame, porque pasan moitas máis cousas que as proxeccións de filmes”.
A recepción de películas participantes nesta décimo quinta edición está xa aberta e o prazo finalizará o 15 de xuño. Ademais da celebración en si do festival, organizarase un conxunto de actividades que se desenvolverán ao longo do ano como a celebración do 40 aniversario do Cineclube Padre Feijóo, o ciclo Cinema e Muller, un ciclo de cinema xermano coa exposición Vicente Risco no Berlín de Weimar que realizará a Fundación Vicente Risco, o ciclo Baixo as estrelas, con proxeccións durante as festas da cidade, e unha programación de películas infantís o próximo Nadal. A conmemoración dos 15 anos do certame inclúe unha retrospectiva dos filmes máis interesantes que pasaron polo festival dende os seus inicios, así como unha exposición fotográfica dedicada aos actores, directores e profesionais que pasaron por Ourense durante estes anos.
O xerente do festival, Enrique Nicanor, e a edil de Cultura, Isabel Pérez, recordaron que o “grande reto” desta edición será a asistencia do público as proxeccións nas salas da cidade. “Aí temos que traballar moito e é o reto que temos. A asistencia do público ás salas comerciais debe ser o motor que nos axude a ter máis recadación”, afirmaron ambos os dous. Queda no aire tamén o tema do financiamento, xa que tanto a Xunta como o Goberno central están a estudar modificacións no xeito no que reparten as axudas aos festivais. Con todo, a organización conta con que non terá problemas para cumprir obxectivos.
