O novo Centro Social Caixanova en Santiago de Compostela recibiu na súa primeira fin de semana aberto ao público máis de 5.000 visitantes, unha cifra que segundo a entidade, “certifica a expectación que existía na sociedade compostelá pola posta en marcha da nova infraestrutura cultural, así como por coñecer os traballos de rehabilitación realizados no espectacular inmoble do século XIX polo equipo do arquitecto José Luis Pereiro”.
Nun comunicado, Caixanova informa de que ata o próximo 21 de febreiro organiza un programa de visitas guiadas ás instalacións, de asistencia libre e gratuíta, previa inscrición no teléfono 902.504.500, con dúas convocatorias os días laborais (ás 17.30 e 19 horas) e tres as fins de semana (ás 12, 17.30 e 19 horas). Cada visita ten unha duración de 50 minutos durante os que se percorren os preto de 5.000 metros cadrados que conforman o Centro Social, repartidos en catro andares. O edificio alberga varias salas de reunións, despachos, seminarios, aulas de novas tecnoloxías, unha sala de conferencias e tres salas de exposicións.
Nestas instalacións terá a súa sede na cidade a Escola de Negocios Caixanova, levaranse a cabo diferentes iniciativas do Instituto de Desarrollo Caixanova, impartiranse conferencias, cursos de cociña, informática ou arte, e amosaranse importantes exposicións organizadas pola caixa de aforros, entre outras actividades.
Neste momento as salas de exposicións, dúas temporais e unha permanente, acollen tres mostras de máximo nivel. Unha delas, Pórtico da Gloria. Misterio e sentido, ilustrando os estudios de Felix Carbó con imaxes de gran tamaño e os seus correspondentes paneis explicativos, supón unha alternativa óptima para coñecer e interpretar o significado deste conxunto escultórico nun momento no que, polo proceso de rehabilitación ao que está sendo sometido, resulta de acceso difícil e moi restrinxido.
Doutra banda, Luis Seoane. Razón e compromiso ofrece ata o 14 de marzo un percorrido pola obra deste gran artista galego de vocación universal, no ano de celebración do centenario do seu nacemento. A oferta expositiva do centro complétase co Espazo Colección Caixanova, unha mostra permanente integrada por obras de algúns dos máis importantes artistas galegos do século XIX ata os nosos días, todas elas pertencentes á Colección Caixanova, considerada a mellor pinacoteca privada de arte galega, con máis de 5.000 obras.
As tres salas de exposicións son de acceso libre e gratuíto e están abertas ao público todos os días da semana, en horario de 18 a 21.30 horas. Os sábados, domingos e festivos tamén polas mañás, de 11 a 14 horas.

