Celso Varela: “Estas sentado? Non? Pois senta, vas facer unha mostra en París”

Exporá na Galería Leonardo da capital francesa a partir do próximo 16 de febreiro
A. Losada Actualizado 12/02/2010 - 15:32 h.
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 0 voto/s

O pontevedrés Celso Varela é un pintor autodidacta con máis de 35 anos de oficio ás costas. Dende o seu estudio, dividido entre Pontevedra e a aldea de Brialles –no concello de Porta– fíxose un nome ben coñecido en Galicia. Pero a partir desta semana falarase tamén del en París, onde organiza a súa primeira exposición fóra das fronteiras españolas, grazas en parte á sorte, pero sobre todo á forza da súa pintura figurativa e do seu estilo inconfundible, que foi quen de convencer nunha soa ollada un curtido galerista.

 

Cal é a historia que hai tras esta exposición en Francia?

Hai que remontarse un pouco. Entre setembro e outubro de 2009 tiven unha exposición na Casa das Artes de Vigo que se chamaba Dende a miña fiestra, que recollía o meu traballo dos últimos tres anos. Tiña esta mostra un bonito catálogo, e unha das persoas que colaboraba cun texto era Tomás Paredes, o presidente da Asociación Madrileña de Críticos de Arte. Así que lle enviei unhas cantas copias do libro á súa casa. E un día chámame por teléfono e dime: “Celso, estás de pé ou sentado?”. E eu: “Pois home, estou de pé”. “Pois colle unha cadeira”. “Xa estou, a ver, dime”. “Deixeille un dos teus catálogos ao dono da Galería Leonardo, en París, e onte chamoume á miña casa ás nove e media da noite, e deron as dez e cuarto e aínda me estaba a falar da túa obra. Creo que vas expoñer en París, vouche dar o teléfono...”.

 

E chamouno, claro...

Chamei tal. Era José Manuel Leonardo de Sà, un portugués que está casado cunha francesa e ten unha galería en París dende hai uns vinte anos. Cando contestou, dixo que estaba a mirar o meu catálogo, e sabía perfectamente de Brialles, a miña aldea, e dos paisaxes que pinto dela. Antes de que eu me puidese ofrecer para nada, dixo: “Gusto moito da súa pintura, importaríalle que eu fose alí ver a súa obra? Se vai estar o domingo, vou eu despois de comer”. E eu díxenlle que si, que ía dicir? E de inmediato chamei a Tomás Paredes: “Tomás, estás sentado?”. “Non”. “Pois senta, home”. “A ver, déixate de leiras”. “Que non vou ir a París”. “Como que non vas a París?”. “Non, porque este señor di que ven el a Pontevedra”. Entón comezou a rir e dixo que en todos os seus anos na profesión, nunca vira nada semellante.

 

E, o domingo, como foi a visita?

Apareceu en Pontevedra, acompañado pola muller. Amoseille a Igrexa de Santa María, no Campillo, pero dixo: “Eu non vin dende París para ver unha igrexa, eu vin para ver os seus cadros”. E quixo que o levase a ver o meu estudio en Brialles, onde pinto habitualmente. Ao marchar, negociamos a exposición en París. Así foi a historia, a oportunidade veu a min, eu non a busquei.

 

Amor a primeira vista, logo?

Si, algo así foi, porque o home está entusiasmado. Penso que recibe todos os días ducias de catálogos, e algo tivo que pasar para que decidise coller un avión e chantarse aquí. Foi unha das cousas máis bonitas que me pasaron.

 

Como é que non fixo antes de agora unha mostra fóra de España?

Porque eu son moi cómodo. Había 28 anos que non estaba en París, sempre pensei en volver algún día, pero ao final foi París o que veu a buscarme. A min o que me gusta é traballar, e cando as cousas se fan ben e con calma, xorden oportunidades como estas.

 

De onde lle vén a aposta pola pintura figurativa que mantén dende sempre?

De que eu non me deixo levar polas modas, só polo que sinto neste momento. Eu son un pintor que nunca fai bocetos, sempre traballo co modelo ao natural diante, aínda que logo remate a pintura no estudio. Comecei sendo figurativo e sigo sendo figurativo, a pesar dos cambios de estilo que tiven cos anos. Borges dicía: “Yo escribo para mí”. E eu fago o mesmo, eu sempre pintei para min, non para vender, cando collo o pincel, só penso no que hai no meu interior.

 

Ou no exterior, porque ten vostede moitos autorretratos...

Porque á hora de pintar eu mesmo son o que teño máis a man. Pero sen cambiar eu, podo obter resultados realmente diferentes. O importante non é o modelo, é a pintura, a forma na que o retrates. Por iso me gusta facer variantes dos mesmos lugares e paisaxes.

 

Ten dito anteriormente que a pintura é para vostede unha relixión...

Así é. Boa parte do día, ou estou pintando, ou pensando en qué vou pintar. Para min é unha obsesión, e penso que sen obsesión non hai arte. É algo que, cando o levas dentro, miras o mundo dende a súa óptica.

 

Botou de menos algunha vez axuda ou promoción institucional?

O catálogo que foi a París estaba editado polo Concello de Vigo, e tamén organicei mostras coa Deputación de Ourense e a de Pontevedra. Non hai queixa.

Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.