Máis alá das confrontacións partidistas que Goberno local e oposición protagonizan estes días en torno ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en fase de alegacións, dez colectivos sociais avalaron onte unha declaración na que esixen “canles democráticos de debate participativo” para este documento que determinará o urbanismo da cidade na próxima década. Consideran que o plan xa aprobado inicialmente é “unha ilusión nada realista e pouco eco-lóxica”. Fronte á transparencia informativa da que presume o Concello, denuncian “a exclusiva presenza” nos centros de decisión de “administracións-partidos” e de “lobbies económicos”.
Dereito á Cidade é o colectivo que integran grupos de arquitectos, asociacións culturais e veciñais e outras persoas adheridas á Rede de Dereitos Sociais. Onte presentaron unha alegación ao plan queixándose de que “o proceso de participación e o consenso cidadán non foi realista nin efectivo” porque “o Concello non creou nestes dous anos ningunha canle para o debate”.
Co convencemento de que A Coruña é “unha cidade necesitada de procesos de diálogo social real”, este colectivo considera que a exposición pública do documento non equivale a participación. Lamentan que o plan redactado polo arquitecto Joan Busquets abre a porta á especulación do solo e outras prácticas censurables porque “é un plan xeral inconcreto, escuro e dificilmente comprensible” cuxa aplicación dependerá da vontade municipal. Deste xeito, coinciden en que o documento, que planifica 27.000 novas vivendas nos vindeiros doce anos, deixa o futuro “en suspenso”.
Advirten de que o argumento da creación de vivenda protexida “é fume” co que “tratan de lexitimar o proceso de formación de polígonos urbanizables”. Neste marco encadran convenios de última hora para recualificar terreos onde denuncian que “a especulación será o principal elemento urbanizador dunha cidade xa tremendamente densificada” na que hai 14.000 vivendas vacías.
O PXOM está en período de alegacións ata o día 18. Unha vez revisadas, terá que pasar o control da Xunta antes de que o Concello lle dea a aprobación definitiva.

