A Federación de Libreiros de Galicia avanzou hoxe que o proxecto de xestión da gratuidade dos libros de texto para o curso 2010-2011 --no que traballa a Consellería de Educación-- permitirá un "aforro de burocracia" na súa tramitación e unha maior "rapidez" no pagamento das contías.
Así o expuxo en declaracións a Europa Press o coordinador da federación, Antonio Fernández, tras celebrarse unha reunión entre o titular da entidade, Xurxo Patiño, e o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad, durante a que o mandatario autonómico expuxo os esquemas para xestionar o modelo de gratuidade durante o próximo curso.
Precisamente, os "cambios" previstos afectan ao sistema de xestión para o abono das axudas, xa que se prevé que o proceso se realice "cun só impreso" dende os centros que, en opinión dos libreiros, implicaría "unha seriedade no trámite e unha garantía para cobrar o importe das cantidades nun período inmediato e breve".
"Antes había que presentar unha solicitude, cubrir uns requisitos --en papel--", recordou, para despois incidir en que o proceso "será informatizado"; con menor carga burocrática e na que os pais "tamén teñen menos xestión". Por outro lado, o resto de parámetros --importe, beneficiarios, requisitos-- manteríase, en principio, como o modelo vixente.
Precisamente, os problemas derivados do modelo de 'gratuidade solidaria' implantado durante a actual Xunta para a adquisición de libros de texto marcou o inicio do presente curso, con protestas e críticas por parte de diversos colectivos que representan directores de centros, ANPAs e profesores.
