“Remata a lúa de mel do Goberno”. Esta afirmación do secretario xeral do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez, pode ser un bo resumo da vontade coa que socialistas e nacionalistas afrontan o reinicio do curso parlamentario. O primeiro pleno da Cámara galega despois das vacacións de xaneiro traslada dende esta mañá ao Pazo do Hórreo todas as frontes abertas polo Goberno galego dende a fin de 2009, solapadas nas pasadas semanas polo omnipresente pano de fondo do debate sobre o futuro das caixas de aforro galegas.
Mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asiste na localidade navarra de Roncesvalles á inauguración oficial do Ano Santo 2010, unha moción do socialista Francisco Cerviño abrirá fogo cunha das batallas iniciadas polo Goberno aproveitando, precisamente, a ausencia de actividade parlamentaria, isto é, a controversia sobre o denominado “decreto do plurilingüismo” e o galego no ensino.
Despois da moción de Cerviño chegará unha interpelación do BNG ao responsable directo do novo decreto, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, cuxas declaracións públicas sobre o conflito se reduciron a valorar os encontros mantidos con partidos, sindicatos e asociacións vinculadas ao idioma.
Será, previsiblemente, na xornada do mércores, con Feijóo xa presente, cando o Executivo faga fronte á outro gran punto de polémica: a organización do Xacobeo. PSdeG e BNG cuestionarán ao Goberno sobre a programación do Ano Santo e a presenza nela da cultura galega. Mentres, o PP preguntará sobre o “apoio” do Goberno central aos actos organizados pola Xunta.
DEBATE DA AUTONOMÍA
Alén dos conflitos máis conxunturais, o período de sesións parlamentarias que hoxe bota a andar será tamén o do primeiro aniversario da vitoria electoral do PP, unha efeméride que o propio Goberno fará cadrar coa celebración do primeiro Debate do Estado da Autonomía con Feijóo na presidencia.
Mentres que este debate será empregado polo PP para tentar escenificar a “transformación” de Galicia despois do desaloxo do bipartito, PSdeG e BNG debuxarán un país marcado pola “parálise”.
O adiamento indefinido da reforma estatutaria e, de novo, o conflito a conta do uso do idioma, xunto co importante medre do desemprego e o contencioso das caixas, serán a base do argumentario que socialistas e nacionalistas despregarán mirando de esguello á súa gran pedra de toque: as municipais de 2011.

