A Consellería de Sanidade presentoulles a varios colectivos unha aplicación informática na rede para que as agrupacións implicadas poidan realizar propostas para o futuro Plan de Galicia de Trastornos Adictivos, que se atopa en pleno proceso de elaboración polo departamento dirixido por Farjas. Os grupos e os colectivos que traballan no ámbito das adiccións terán un prazo de 15 días para enviar as suxestións que consideren oportunas.
A intención de Sanidade é que en 2011 entre en vigor o plan, que estará vixente até o ano 2016 para adaptarse as normativas estatais e europeas. A intención da Consellería é ter as pautas básicas do borrador en setembro para que o plan estea finalizado o próximo ano. Para conseguir ese obxectivo, comézase xa a poñerse en contacto coas entidades implicadas e faise mediante un entorno web para facilitar o proceso e a comunicación, evitando trámites innecesarios e que poidan entorpecer o traballo e o intercambio de ideas, propostas, suxestión e pareceres sobre o Plan de Trastornos Adictivos
Deste xeito, a directora xeral de Saúde Pública e Planificación, Sagrario Pérez, acompañada de outros membros da Consellería e do Servizo Galego de Saúde, presentou a ferramenta interactiva aos convidados, entre os que se atopaban sociedades científicas relacionadas coa prevención do tabaquismo, entidades sen ánimo de lucro colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, concellos e coordinadores de saúde mental dos hospitais galegos. A estas entidades, sumóuselles a Asociación Galega de Saúde Mental, asociacións de asistencia ao alcolismo, grupos de investigación da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago e o Colexio Oficial de diplomados en Traballo Social e do Colexio de Psicólogos de Galicia.
