“O turismo cultural é o movemento de persoas debido esencialmente a motivos como viaxes de estudo, viaxes a festivais ou outros eventos artísticos, visitas a sitios ou monumentos, viaxes para estudar a natureza e a arte, o folclore e as peregrinacións, co obxectivo de satisfacer a necesidade de elevar o nivel cultural do individuo”. Con estas liñas, a Organización Mundial do Turismo definiu en 1985 o turismo cultural. Un tipo de turismo que atraeu a Galicia, grazas ao seu patrimonio material e inmaterial, 1.043.829 viaxeiros no ano 2008, dos cales 550.091 procedían do Estado español e os restantes 493.738 do estranxeiro.
Estas cifras poñen de manifesto unha espectacular tendencia á alza das visitas por motivos culturais, xa que sete anos atrás foron tan só 336.834 viaxeiros os que se achegaron á comunidade para coñecer o seu acervo. Dito doutro xeito, en apenas sete anos triplicouse o número de turistas que viaxaron á comunidade chamados pola oferta cultural. Todos eles gastaron en 2008 un total de 218,7 millóns de euros, o que supón o 35% dos 613,4 millóns de euros que achegou o conxunto de visitantes ese ano. Non obstante, os efectos indirectos da presenza destes ensimesmados pola actividade cultural en Galicia procedentes doutros lares, implican un negocio de 1.424,28 millóns de euros.
SUPERIOR Á PESCA
Todo este torrente de datos, magnitudes e porcentaxes –que emana do informe O turismo cultural en Galicia, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega–, pódese resumir nunha única cifra que dá idea da relevancia deste tipo de turismo para a economía galega: as achegas das visitas con fins culturais significarían o 2,54% do Produto Interior Bruto (PIB). O turismo cultural superaría así o peso no PIB do sector pesqueiro (1,6%) ou da industria química (0,65%).
O informe do observatorio amosa, ademais, datos positivos sobre a permanencia dos visitantes na comunidade e sobre o grao de satisfacción. No primeiro aspecto, o viaxeiro por motivos culturais adoita pasar máis días en Galicia que o visitante xeral, xa que a súa estadía media se fixa nos 5,3 días fronte os 4,6 do resto de viaxeiros. No segundo aspecto, as expectativas dos que se achegan a Galicia polo seu patrimonio cúmprense con gran satisfacción, xa que a valoración medida da estadía sitúase en 8,31 sobre dez puntos. Esa gran valoración tradúcese en que o 52% dos visitantes residentes en España xa estiveran en Galicia con anterioridade. É dicir, quen vén a Galicia, marcha satisfeito e gran parte acaba volvendo.
DESCENSO DO GASTO MEDIO
O gasto medio diario dun viaxeiro do Estado que decide aloxarse nun establecemento hostaleiro de tres a cinco estrelas situouse en 2008 en 110 euros, o cal significa un descenso do 18% con respecto ao ano 2003, no que cada turista gastaba 135 euros. Segundo o estudo, a provincia onde máis gastaron os visitantes foi A Coruña –única provincia que supera a media–, seguida de Pontevedra con preto de 107 euros, mentres que Ourense e Lugo están ao redor dos 94 euros. Precisamente, estas dúas provincias son as que menos turistas aloxados en hoteis de tres ou máis estrelas rexistraron–Lugo recibiu en 2008 38.294 e Ourense, 23.352–. En cambio, os viaxeiros españois prefiren maioritariamente A Coruña –que contabilizou 192.441– e Pontevedra –135.689–. No caso dos visitantes estranxeiros, a caída no seu gasto diario foi dun 38%, ao pasar de 179,5 euros en 2003 a 111, 8, en 2008.
O perfil de visitante estranxeiro responde a unha persoa entre 45 e 64 anos que se aloxa entre dúas e tres noite nalgún hotel e accede sen paquete turístico. Ademais, o 81,5% son portugueses, o 11,2% proceden do resto de Europa e o 7,25% veñen de países americanos.
