Galicia segue por debaixo do índice de lectura do Estado, aínda que pola mínima, xa que rexistra un 54,9% de taxa de lectores, fronte ao 55% do conxunto de España. Hai outras seis comunidades que non superan a media, que son Estremadura (49,4%), Castela-A Mancha (50,5%), Andalucía (50,2%), Asturias (52,9%), Murcia (54,3%), Comunidade Valenciana (54,6%) e, xusto no umbral, Castela e León (55,0%).
Segundo os resultados do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE) correspondente á totalidade do ano 2009, patrocinado pola Dirección Xeral do Libro, Arquivo e Bibliotecas do Ministerio de Cultura, Madrid mantense como a comunidade con poboación máis lectora (64,4%).
Outras oito comunidades teñen índices de lectura por enriba da media española: A Rioxa (58,4%), Aragón (58,3%), Cantabria (57,8%), Navarra (57,7%), Canarias (56,9%), Comunidade Autónoma Vasca (56,8%), Cataluña (55,6%) e Baleares (55,3%). Do estudo tamén se desprende que a taxa de lectores de libros en España situouse no 55% da poboación maior de 14 anos en 2009, dos que o 41,3% asegura ler libros diaria ou semanalmente, son os chamados lectores frecuentes, e outro 13,7% son os denominados lectores ocasionais, que declaran ler algunha vez ao mes ou ao trimestre. Hai que destacar respecto doutros anos o aumento de lectores entre os parados.
ESPAÑA LE MÁIS INGLÉS QUE GALEGO
Ao analizar o idioma habitual de lectura no conxunto do Estado, o informe sinala que o 93,3% dos entrevistados len habitualmente en castelán, seguido por un 4% de lectores que len habitualmente en catalán, un 0,5% en galego, un 0,3% en éuscaro e un 0,1% en valenciano. Ademais, o 1,1% le en inglés e o 0,2% en francés. O informe non separa as porcentaxes por autonomías.
Respecto de autores e títulos, El niño con el pijama de rayas de John Boyne foi o libro máis lido en 2009, pero Stieg Larsson lidera a clasificación como autor máis lido e mercado. O barómetro tamén revela que un 55,6% dos entrevistados compraron libros no último ano, e deles, un 40,4% comprou libros non de texto, mentres que un 31,7% comprou algún libro de texto.
Así mesmo, resaltar que o número medio de libros comprados en España en 2009 sitúase en 10,5 libros por persoa, co que se mantén a tendencia ao redor deste valor nos últimos tres anos. Un ano máis e ao analizar o perfil do lector, o Barómetro pon de relevo que a porcentaxe de mulleres lectoras (58,4%) é superior á dos homes (51,3%).
O nivel de estudos é determinante no hábito lector e a maior nivel de estudos detéctase maior porcentaxe de lectores. A taxa dispárase ao 82% entre os que teñen estudos universitarios, sitúase no 60,5% entre os que teñen estudos secundarios e cae ao 31,1% entre os que só teñen estudos primarios.
Segundo a ocupación, os estudantes (73,7%), os que teñen traballo (60,7%) e os parados (59,3%) son os que acaparan a maior porcentaxe de lectores, mentres que os xubilados (35,4%) e as amas de casa (44,5%) son as ocupacións que menos len.

