A actriz galega Mabel Rivera interpretará na obra Master Class, da compañía Bengala Producións, a María Callas. Esta produción estrearase o próximo 15 de abril no Teatro Jofre de Ferrol pero, dende o día 10, o público poderá presenciar os ensaios abertos da obra teatral nese mesmo recinto.
A orixe argumental da peza teatral está nas clases maxistrais que impartiu a famosa cantante de ópera na academia neoiorquina Julliard. A obra baséase no libreto escrito polo autor Terrence McNally. Mabel Rivera, que exercerá de protagonista, estará acompañada polos actores Lino Braxe e María Torres, entre outros. O ámbito lírico estará cuberto por cantantes contrastados como son Julia Cea e Enrique Martínez.
A estrea e a montaxe final da obra teatral en Ferrol responde á implicación persoal da actriz, de orixe ferrolá, que onte na presentación incidiu no feito de que os ensaios abertos ao público supoñen o traslado do argumento ao patio de butacas co “destripe de determinadas partes do traballo do actor e a loita do creador por organizar os seus materiais de traballo”. A obra xurdiu polo empeño de Mabel Rivera en 2007, que a arrastrou a “un proceso á inversa” no que puido evitar a tendencia de que as actrices “de certa idade, de preto dos sesenta anos” queden cada vez máis “relegadas do mercado” no mundo artístico da escena e, sobre todo, do cine.
Os ensaios abertos da obra Master class terán lugar no Teatro Jofre dende o día 10 de abril polas tardes, agás o día 14, no que serán pola mañá. A estrea da obra será na noite do 15 de abril no escenario do coñecido teatro ferrolán.
