O conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, reiterou esta mañá no Parlamento que o Goberno galego non dará os pasos encamiñados a reformar o Estatuto de Autonomía cando menos ata que o Tribunal Constitucional non emita o seu ditame sobre a adaptación á Carta Magna española do 'Estatut' de Cataluña.
Malia ás reclamacións formuladas tanto polo socialista José Luis Méndez Romeu como polo nacionalista Anxo Quintana, que vén na elaboración dun novo texto o único camiño para "ampliar o teito competencial" de Galicia, Rueda aposta por agardar para, a renglón seguido, asegurar que o PPdeG "cumprirá a súa promesa electoral" de presentar un "texto articulado" dende o Goberno para negociar a reforma.
Neste sentido, Romeu lamenta que os conservadores prefiran un modelo de "carta outorgada", no canto de apostar, como o fixo o bipartito, por que o novo texto estatutario xorda "das entrañas da soberanía galega", isto é, do Parlamento. Pola súa banda, Quintana esixiu que a Xunta abandone unha política de "enfrontamento inútil" co Goberno de España xa que o "vitimismo", afirma, non traerá consigo novas cotas de autogoberno.

