O presidente da Deputación de Lugo recorda que a perda demográfica tamén afecta á capacidade das Administracións de captar fondos e a conservación económica e paisaxística da provincia.
Como afecta o despoboamento aos servizos dos veciños?
Que desaparezan aldeas é un dato que xa non sorprende a ninguén, pero que hai que corrixir. En Lugo, todas as administracións teñen que centrarse no medio rural e non baixar a inversión porque hai un medio ambiente que preservar. Temos a poboación concentrada nas cabeceiras de comarca e unha ampla zona rural sen control. Como me dixo un ancián do Courel: “Cada vello que morre, son dúas hectáreas sen desbrozar”.
Como se pode parar o proceso?
Agora xa non temos que falar de fixar a poboación no rural, é que vai haber que levala. Hai que revisar o concepto que temos de Galicia e ollar ao campo, á gandeiría, aos recursos forestais, ao sector do ocio, aos agricultores, ás enerxías renovables... para xerar traballo. As cabeceiras de comarca medran grazas ao campo, se desaparece, tamén se resinten. En Lugo, o leite é a nosa Citröen.
Que medidas pon en marcha a deputación neste sentido?
Acabamos de investir, por exemplo, 30 millóns de euros en novas tecnoloxías para dar servizos de administración electrónica; tamén queremos potenciar a natureza e acabamos de investir outros dez nun proxecto de recría de gando. Trátase de invertir o que está pasando e de darlle un colchón ao campo en plena crise. Tamén temos que levar servizos a estas zonas para atraer poboación.
Cales son as zonas máis afectadas?
Zonas de alta montaña e afastadas da cabeceira de comarca, coma Cervantes. Ademais, hai poucos mozos.
E como afecta a capacidade das deputacións de recadar fondos?
Para as deputacións é un dos parámetros de ingresos. Se baixa a poboación, temos menos, pero tamén menos produción. Ademais, o interior de Galicia ten o problema de que capta moitas axudas europeas, pero é o que menos recibe.
