Francia olla para Rivas e Suso de Toro

Organizado coa axuda do Centro de Estudos Galegos da capital gala, contará coa presenza
de ambos autores
IAGO MARTÍNEZ 15/02/2010 - 18:01 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 21 voto/s

Manuel Rivas e Suso de Toro serán protagonistas os vindeiros días 11 e 12 de marzo na Universidade de París-Sorbonne IV. O Centre de Recherches Interdisciplinaires sur les Mondes Ibériques Contemporains que dirixe o hispanista Sadi Lakhdari, en colaboración co Centro de Estudos Galegos da capital francesa, a cargo de Eric Beaumatin, dedícalles aos dous escritores o coloquio internacional Manuel Rivas et Suso de Toro: deux voix de la littérature galicienne contemporaine. Malia a que o programa das xornadas está aínda por pechar, o departamento galo xa confirmou a presenza dos autores.

Ademais de dirixir o centro de investigación e o grupo de traballo “Littérature, civilisation et psychanalyse hispaniques”, o profesor Lakhdari, investigador especializado na literatura española dos séculos XIX e XX, nomeadamente da obra de Pérez Galdós, coordina este simposio xunto a Jorge Vaz, tamén profesor da Sorbonne IV.

Experto na literatura de Manuel Rivas, á que dedicou varios traballos en francés e un en galego, A figura do dobre na narrativa de Manuel Rivas, publicado no Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos (2006), Vaz participou no recente congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos que se celebrou na Universidade de Santiago en xullo do ano pasado con outra comunicación sobre o coruñés: Lo humano en la obra de Manuel Rivas : un puente entre lo gallego y lo universal.

 

UN MARCO EN GALLIMARD

A narrativa de Rivas (A Coruña, 1957), que a semana vindeira vai poñer outro marco no mercado anglófono coa presentación en Londres de Books Burn Badly (Random House, 2009) –versión d’Os libros arden mal, por Jonathan Dunne–, chegou aos lectores franceses en 1997 coa publicación de En sauvage compagnie (Métailié), tradución de En salvaxe compaña. Tras esta primeira edición, que pagou a peaxe de ser vertida ao francés por Dominique Jaccottet dende a versión española e non dende a orixinal, o autor coruñés daría un paso de xigante con Le crayon du charpentier (2000). Primeiro, porque os tradutores, neste caso Serge Mestre e Ramón Chao, partiron da edición galega d’O lapis do carpinteiro. E segundo, porque supuxo o desembarco de Rivas no catálogo de Gallimard, o centenario selo que axudou a construír as carreiras de autores como André Gide, Paul Claudel, Marcel Proust, André Malraux ou Antoine de Saint-Exupéry, entre outros moitos.

A partir dese momento, o autor de Todo ben xa non deixaría Gallimard. Aí apareceron, de feito, os outros dous títulos do escritor de Monte Alto publicados en Francia, La langue des papillons et autres nouvelles (2003) –versión de Que me queres, amor? que, coma no caso da edición inglesa, aproveitou a popularidade do filme de José Luis Cuerda inspirado en varios dos relatos dese volume– e L’Éclat dans l’abîme. Mémoires d’un autodafé (2008), título baixo o que se oculta Os libros arden mal. Neste caso, e a diferencia do que fixo Dunne con Books Burn Badly, o tradutor Serge Mestre volveu a empregar a versión española como fonte.

Menos sólida que a de Rivas, que chegou a ser escollido polo Ministerio de Cultura francés como representante da narrativa actual no Estado español, é de momento a posición de Suso de Toro (Santiago, 1956) no mercado francés. Traducido a un bo número de linguas –non tantas como o seu compañeiro de xeración, o autor máis internacional da historia da literatura galega– e obxecto de estudo da crítica académica alemá, gala, italiana ou anglófona, Suso de Toro puxo o seu primeiro pé en Francia con Land Rover (Payot & Rivages, 2001), versión de Georges Tyras da novela homónima vertida dende a versión española. Anne Bragance ocuparíase máis tarde de Le treizième coup de minuit (J. Chambon), tradución de Trece badaladas.

 

Á CABEZA DO CANON

Manuel Rivas e Suso de Toro, publicados en Galicia pola mesma editorial (Xerais), son dous dos autores galegos vivos con máis proxección internacional, nun ronsel que seguen outros como Agustín Fernández Paz, Teresa Moure, Domingo Villar ou Xurxo Borrazás. Gañadores do Premio Nacional de Literatura do Ministerio de Cultura en distintas edicións, en ambos casos con títulos en lingua galega, desenvolveron a súa carreira en diferentes xéneros.

Aínda que dedicaron a maior parte do seu tempo á narrativa, ás veces con exercicios paralelos, como cando se sumaron á vaga da narrativa da memoria con Home sen nome (De Toro) e Os libros arden mal (Rivas), ambos publicaron varios traballos a arrandear entre o ensaio e o relato xornalístico, caso dos recentes Episodios galegos de Manuel Rivas ou da Outra Galiza de Suso de Toro, e intentaron achegarse tamén ao público infantoxuvenil. Porén, a diferenza do coruñés, que ten unha sólida carreira como poeta, compilada en Do descoñecido ao descoñecido (2003), Suso de Toro mantense lonxe dos versos.

Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.