Magín Blanco: “Este proxecto ten músicos, actores, pintores, case semella unha ‘troupe”

Vén de publicar o libro-disco ‘A nena e o grilo’, o seu primeiro traballo para nenos
A. LOSADA 25/02/2010 - 16:49 h.
Non entendes unha palabra? Faille dobre clic
0 Comentarios
Sin interésPoco interesanteDe interésMuy interesanteImprescindible 2 voto/s

O ourensán Magín Blanco leva no mundo da música dende que debutou nos 80 como membro do grupo La Rosa. Nos seus discos en solitario, Ella e Realidad, forxou un estilo que define como “a medio camiño entre o pop e a canción de autor”. Colaborou no espectáculo Palabras contadas, de Camilo Franco. Agora, condensa o espírito naif que sempre arrastrou no libro-disco para nenos A nena e o grilo, de OQO editora, no que colabora con Uxía Senlle, Guadi Galego, Ugía Pedreira e João Afonso.

 

Que foi o que o motivou a facer un traballo para nenos?

Cando fixen o meu primeiro disco, Ella, xa me din conta de que lle gustaba moito aos nenos, os fillos dos meus amigos sabíanse todas as cancións. No mundo da canción infantil, sempre me gustaron moito artistas como o brasileiro Arnaldo Antunes, e creo que comparto con el unha visión inocente. Entón, comecei a escribir algúns contos que foron a xénese do libro, o ano pasado. Amoseillos a Uxía [Senlle] e a Camilo Franco, que me animaron a facer unha canción para cada un. Así se puxo en marcha todo, trece cancións para trece contos, aínda que non todas as compuxen eu, hai unha de João Afonso.

 

Tamén é o seu primeiro traballo integramente en galego, non si?

Si, e esa é a primeira razón pola que me gusta moito. Antes fixera algunha canción solta, pero maioritariamente cantaba en castelán.

 

Por que tomou esta decisión?

Foi todo tan natural que non pensei en facelo doutra maneira. Eu son de educación castelá, pero á hora de traballar funme atopando con moita xente galego falante, como Camilo, e funo interiorizando con toda naturalidade... Os textos d’A nena e o grilo son fundamentalmente galegos, hai moitos conceptos, como o da menciñeira, ou o dese sentidiño que lle vén a un coa néboa... Non sería quen de contar o mesmo en castelán.

 

Non se traducirá?

Si, si, creo que a historia é universal abondo como para poder entenderse noutras linguas. Hai unha tradución ao castelán prevista, pero xa temos decidido que llo encargaremos a unha persoa allea.

 

As ilustracións de Iván Prieto para o libro pesan moito no resultado final. Como foi a súa colaboración?

Iván e máis eu somos os dous do Barco de Valdeorras, e son fan do seu traballo dende hai moito, teño varios cadros seus na casa, e no meu segundo disco xa colaborara el con algunhas ilustracións. Cando OQO aceptou editar o libro, escollémolo a el porque ten un universo moi particular, axuda a darlle ao libro unha dimensión máxica.

 

Dá a impresión de que aínda que vostede o puxo en marcha, rematou por ser un proxecto colectivo...

Totalmente. Todo é como unha madeixa, e ao igual que os contos e as cancións están moi relacionados e lle dan forma á aventura da nena e o grilo, iso mesmo pasa con toda a xente que traballamos no proxecto. Máis que un traballo profesional, que o foi, semellou unha colaboración por amizade. Todos se implicaron moito, simplemente porque lles gustaba... E a madeixa continúa, temos un espectáculo baseado no libro que estrearemos o 14 de marzo, na clausura do Salón do Libro de Pontevedra. Estamos catro músicos e dous actores, é teatral e musical. A verdade é que entre pintores, músicos, actores e demais parecemos unha troupe.

 

Un dos adxectivos que lle aplica a promoción editorial é “contemporáneo”...

É cuestión de aproveitar as influencias da modernidade. Refírese a que eu non veño da música tradicional, pero case todos os discos que se fan en Galicia para nenos, si. E no resultado final iso déixase notar claramente.

 

Por que, non lle gusta a música tradicional?

Si. Tic-Tac de Pablo Díaz encántame. O que pasa é que é un mercado no que as influencias folk son o habitual, e como eu non as teño, A nena e o grilo é unha aposta diferente. Nada máis ca iso.

Suscripción a papel
Si te gusta Xornal.com, compártenos con tus amigos.
Disfruta de la libertad de expresión.
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente.
publicidad

Título:
Comentario:
Nombre:
Email: (no se visualizará)
Introduce la palabra de la imagen
Código de verificación para prevenir envíos automáticos.
kaptcha
Identificarse con:
  

Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e intituciones.
Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra Redacción.
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la web.